Rompendo os armarios bisexuais: as conquistas pendentes do B do LGBTIQ+

Concibir esta identidade como unha confusión, unha moda ou unha ameaza, inherente á infidelidade e á traición, son prexuízos habituais que adoitan caer sobre as persoas bisexuais. Unha bifobia ás veces sutil pero cun gran efecto sobre a saúde mental.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Este 23 de setembro é o Día Internacional da Visibilidade Bisexual. O B do colectivo LGBTIQ+ reúne os peores indicadores en saúde mental e segue enfrontando un amplo abano de estigmas e mitos específicos que agroman en moi diferentes espazos: no eido da familia, coas amizades, no traballo ou incluso dentro do propio colectivo. Concibir esta identidade como unha confusión, unha moda ou unha ameaza, inherente á infidelidade e á traición, son prexuízos habituais que adoitan caer sobre as persoas bisexuais, que ás veces son vistas como "intrusas" que invaden espazos seguros do movemento LGBT ou como persoas que non acaban de saír do armario como lesbianas ou gais.

Bandeira bisexual
Bandeira bisexual | Fonte: arquivo

"Parece que tes que demostrarllo á xente, que tes que enrollarte con todo o mundo para que a túa identidade e a túa palabra non sexa posta en dúbida". Martina, unha moza de 19 anos da Coruña e vogal de xuventude en ALAS A Coruña, viviu o descubrimento da súa bisexualidade con certo síndrome da impostora por verse cuestionada. "Non te toman en serio cando te ven con chicas ou dinche que é un despiste que lle pasa a calquera. Ás veces incluso se ten interpretado como algo que invento porque quero formar parte do colectivo, entón sinto que me teño que esforzar o triplo para que a miña sexualidade non sexa deslixitimada", explica Martina.

Robert ten agora 56 anos e explorou a súa sexualidade nun contexto espacial e temporal moi diferente ao de Martina. Nuns anos 80 nos que a sida marcou a vida sexual de moitas persoas e pousou a lousa do estigma sobre a comunidade LGBT, "as persoas bisexuais", lembra, "eramos acusadas de transmitir cousas horribles á poboación hetero". Armariada e invisible, esta identidade sexual xeraba "receos" tamén dentro do colectivo, onde os homes eran lidos como "homosexuais reprimidos". "Non había grises, a sociedade polarizaba entre o branco e o negro. Teño vivido a típica historia de ligar cun rapaz e vir outro avisalo de que eu era hetero", recorda Robert. Os tempos mudaron dende aquela e hoxe o orgullo bisexual é unha realidade, pero segue habendo importantes conquistas pendentes.  

'PASAR POR HETERO'

Unha das expresións de bifobia máis habituais nace de asumir a identidade sexual dunha persoa pola parella que teña en cada momento. Tanto Martina como Robert foron lidos como heterosexuais ou como homosexuais en diferentes momentos da súa vida. "Lembro un campamento onde a xente cría que eu era lesbiana e recibía comentarios desagradables nas duchas, non podía entrar espida co resto de rapazas ou pedíanme que non as mirase". Experiencias coma esta, di, xeraron en Martina certa "homofobia interiorizada": "Dábame moitísima rabia e molestábame que a xente me lera como lesbiana, pero non me importaba que dixesen que era hetero", explica. 

Pancarta polo orgullo bisexual
Pancarta polo orgullo bisexual | Fonte: arquivo

Robert, que se atopa dende hai tempo nunha relación heterosexual, sinala que a bifobia tamén está moi ligada ao borrado ou invisibilización da bisexualidade: "Ou somos heteros que queremos experimentar, ou homosexuais que queremos aproveitarnos de vivir a vida normativa que outorga a heterosexualidade". A idea de que as persoas bisexuais sofren menos por poder 'pasar por heteros' "está envelenada", explica Ana Amigo, investigadora bisexual e autora de 'Biciosas o la necesidad de queerizar lo queer', que bota man da expresión de 'passing envelenado' empregado pola escritora Elisa Coll.

"En realidade, o passing sempre implica certo asimilacionismo, un armario; e estar no armario nunca é un privilexio. Como di Teresa Bambú, é unha estratexia de supervivencia como teñen todos os grupos marxinalizados, mais evidentemente non sempre xoga ao noso favor porque está baseado na propia invisibilización da bisexualidade", explica Amigo. Este descoñecemento fai que sexa erroneamente entendida como unha suma de heterosexualidade e homosexualidade. E isto nega, explica Amigo, as "condicións sociais e históricas concretas en que se xera a categoría bisexual e o seu propio percorrido". "Esta forma de pensar a bisexualidade só serve para apuntalar a dicotomía homo/hetero, mentres que pensala como identidade propia nos permite introducir elementos desestabilizadores". 

FETICHIZACIÓN SEXUAL E PRESIÓN DA MASCULINIDADE HEXEMÓNICA

Un conxunto de estereotipos están detrás de moitas das situacións de bifobia que relatan as persoas bisexuais, e que ademais son diferentes en función do xénero. "Algúns homes e persoas non binarias loitan contra a presión dunha masculinidade hexemónica que dificulta a asunción dunha orientación non normativa; e moitas mulleres e persoas non binarias sofren misoxinia, son constantemente fetichizadas e enfrontan cifras dramáticas de violencia sexual", engade Ana Amigo.

"Non pasa nada, podemos facer un trío". Martina lembra perfectamente a resposta que lle deu un rapaz aquela vez que a acurralaron a preguntas sobre a súa sexualidade. "Parece que me gustan as chicas para o consumo dun home, e isto tamén complica as cousas á hora de descubrir o sexo con outras chicas. Os contidos que podes consumir están feitos moitas veces dende o pracer e a visión masculina, e acabas aprendendo moitas condutas que en realidade non son pracenteiras", explica. 

Para os homes bisexuais, a lousa da heteronorma pesa e saír dela penalízase socialmente. De feito, unha macroenquisa desenvolvida no 2020 pola Axencia Europea de Dereitos Fundamentais sinalaba que a bisexualidade masculina é a menos visible no traballo, na familia e entre amizades, tamén na poboación máis nova. Neste sentido, Ana Amigo pon o foco no papel que xoga a expresión de xénero, como ter pluma, no tipo de discriminación recibida. "Unha marimacho, aínda que se identifique como muller, vai ter unhas experiencias diferentes ás que pode ter unha muller considerada feminina", exemplifica.

O DEREITO A FLUIR E A VIVIR FASES

Na estratexia de deslixitimación da identidade bisexual entran en xogo moitas crenzas que son caldo de cultivo para a bifobia. Entre elas, que a bisexualidade é un signo de promiscuidade ou unha fase ata aceptar a 'verdadeira' orientación. Porén, converter en mantra xustamente o contrario tamén é problemático, porque penaliza certas vivencias e formas de relacionarse. "E se seguir ancladas no 'non é unha fase', 'non somos viciosas', 'non nos gustan os tríos' non nos beneficia? E se estamos deixando fóra a moitas? Entendo a necesidade de loitar contra os estereotipos, mais non penso que a estratexia política máis axeitada sexa buscar a respectabilidade a costa de moitas compañeiras", explica Ana Amigo.

"Penso que é importante recordar que estamos a falar de etiquetas que son políticas. A nosa autoconcepción cambia, igual que pode facelo o noso desexo. Eu reivindico o noso dereito a poder recoñecelo publicamente, a politizar ese 'cambio' que habitualmente é percibido como unha traizón". "Se alguén se identificou como lesbiana durante 5 anos, fixo activismo desde aí e logo pasou a percibirse como bisexual, cal é o problema? Por que despreciar esa vivencia en lugar de lexitimala? Pois igual ao contrario, non?", argumenta Amigo. 

"PERSOAS INSTRUSAS" NO COLECTIVO

Esta investigadora, integrante de Avante LGBT, apela a ir máis alá nas demandas do 'B' do colectivo e non "anclarse no tema da visibilidade", tal e como reivindica tamén o libro 'Más que visibles', de Carlos Castaño e Ignacio Elpidio. Conquistas pendentes tamén son "buscar novas alianzas, recuperar a memoria e as xenealoxías, avaliar a situación das persoas bisexuais dentro do colectivo ou reflexionar sobre os motivos que levan a moitas delas a non verse lexitimadas para formar parte do movemento activista". Sobre isto, Robert explica que o feito de estar nunha relación heterosexual estable "levanta suspicacias" por parte dalgunha xente, "coma se foses un intruso e non un membro de pleno dereito na comunidade LGBT".

Con todo, asegura, a situación "mellorou substancialmente" co paso do tempo. "Queda traballo por diante, pero penso que de xeito máis individual, con persoas concretas e non co colectivo xeral", sinala Robert. "As cousas van polo bo camiño, pero só poderemos avanzar se imos da man e facéndonos visibles, para que se oia a nosa voz fóra e dentro do movemento, que está en disposición de escoitala", engade. Martina tamén pide visibilizar a bisexualidade nos medios, nos libros e no audiovisual como antídoto á falta de referentes; non cuestionar as sexualidades e "traballar nunha mesma". "A bifobia pode estar moi interiorizada e confundirte de verdade. Por iso é necesario seguir dicindo que a identidade bisexual é tan válida coma calquera outra", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta