Sanxenxo lanza un SOS polo "deterioro" da Atención Primaria no concello

A plataforma en defensa da sanidade denuncia a falta de servizo de pediatría e da metade do cadro de persoal médico habitual no centro de saúde.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A plataforma SOS Sanidade Sanxenxo denuncia que o Sergas afirme que a Atención Primaria está garantida "a pesar de contar con menos da metade do cadro de persoal habitual de médicos de familia e levar desde xullo sen pediatra de forma indefinida". Para a plataforma trátase dunha "tomadura de pelo" á cidadanía de Sanxenxo.

Concentración pola sanidade pública en Sanxenxo
Concentración pola sanidade pública en Sanxenxo | Fonte: SOS Sanidade Sanxenxo

"O Sergas recoñece a dificultade de cubrir plazas en todo o territorio galego pero esquécese dicir que esa dificultade se debe a máis dunha década sen cubrir as prazas vacantes por xubilacións, usando contratos interinos e con deplorables condicións laborais", denuncian nun comunicado remitido aos medios. Nel, critican que o Sergas "sobrecarga de traballo o sector da enfermaría", que, lembran, conta coa segunda peor ratio de todo o Estado. 

Respecto da situación en que se atopa o centro de saúde de Sanxenxo, a plataforma denuncia que hai días nos que contan con "catro médicos de oito, e mesmo por unhas horas só tres ao ter que saír un deles a cubrir unha urxencia". "Ao non existir substitutos dos ausentes, a metade dos pacientes do centro de saúde non teñen máis posibilidade de cita que dous días soltos para a segunda semana de outubro; e a outra metade, citas a quince días vista", expoñen. 

Por outra banda, aseguran que "pretender que as urxencias as atenda o persoal de enfermaría e un facultativo vía telefónica é un despropósito total", e alertan de que, como consecuencia, "cada día se satura máis o persoal e as instalacións do hospital de referencia", ao que as persoas doentes chegan "en peores condicións".

En canto ao servizo de pediatría, dende a Plataforma denuncian a súa "deteriorización" e lembran que a Valedora do Pobo leva anos "dándolle tiróns de orellas ao Sergas por non facer nada por mellorar a situación". "SOS Sanidade Sanxenxo está cansa de que os problemas se 'arranxen' de forma aparente cara as eleccións e logo se volva ao mesmo ou peor: se no 2017 había dous facultativos en pediatría, agora non hai ningún", proseguen.

Situación semellante acontece, segundo explican, coa ambulancia medicalizada e co resto dos recursos sanitarios, "en vez de contratar máis, adícanse a sacar dun sitio para meter noutro, deixando carencias en todos lados", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta