María Cadaval: "Se a guerra non cesa xa, as economías, sobre todo en Europa, entraremos en recesión"

O prezo da vivenda e a crise pola escaseza de cereais fai que a inflación sexa maior en Galicia que no resto do Estado.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Que pasou para chegar ao 11% de inflación? En que consiste o chamado pacto de rendas? Que medidas deben aplicarse para aliviar a situación das persoas en situación de vulnerabilidade? E que acontecerá nos próximos meses? Falamos coa doutora europea en Economía Aplicada da Universidade de Santiago e membro do Foro Económico de Galicia, María Cadaval. "Mentres non repartamos as perdas", di, "non pararemos esta espiral inflacionista".

A economista María Cadaval Sampedro
A economista María Cadaval Sampedro | Fonte: Redlocalis

Que provocou esta inflación? Como chegamos ata o 11%? 

Para falar das causas da inflación debemos remontarnos ao período Covid. A actividade económica péchase no conxunto e reactívase logo de golpe. O primeiro que se xera é unha especie de caos ou sobredemanda nos mercados que empeza por colapsar as cadeas. Atopámonos con que elementos tan sinxelos como un microchip deixan de estar dispoñibles e teñen que parar as fábricas de coches. Isto é un efecto co que se contaba, pero o que non estaba previsto era a invasión de Ucraína por parte de Rusia. Isto engade unha problemática enerxética e outra de produtos básicos de alimentación. Rusia frea a exportación de petróleo e gas e Ucraína deixa de ser o gran graneiro de Europa. Agora o que temos é unha suma das tres cousas, aínda que cada vez con menor peso do efecto da covid. Son sobre todo eses problemas enerxéticos e alimentarios os que tiran os prezos para arriba, porque son elementos moi importantes na compra dun consumidor. 

Por que en Galicia a inflación é maior que no resto do Estado?

Por dous factores: a evolución do prezo da vivenda e a alimentacion. Ás empresas de alimentación afectoulles dun xeito singular esta crise derivada da escaseza cereais, os nosos mercados son máis pequenos e esa tensión nos prezos é máis fácil traladala. Doutro lado, sobre o tema da vivenda, o que tira á alza son as cidades máis grandes, por razóns turísticas, - as vivendas turísticas acaban arrastrando o prezo dos alugueiros á alza de xeito xeralizado, isto é evidente en Santiago -, e puramente económicas e incluso sociais - cada vez máis xente está tirando a instalarse nas cidades -. 

Hai quen se está beneficiando desta inflación?

Teriamos que analizalo sector por sector, pero é evidente que o sector enerxético tira un proveito especial desta situación. Nos anos previos á pandemia púxose moito o foco na necesidade dunha transición enerxética. Para incentivar isto créase en Europa un sistema marxinalista, que significa que toda a enerxía que se consome se paga ao prezo da última que entra na cesta. Para que? Para que as empresas tivesen incentivos para utilizar menos gas - última en entrar - e seguir investindo en enerxías limpas a cambio de beneficios que non se correspondían co habitual, porque che permiten cobrar a prezo de gas o que produces case a custe cero. Chegados a esta situación atopámonos co problema de que a transición non se completou. Hai unha gran dependencia do gas, e no momento no que o gas se desboca como consecuencia da guerra, temos un problema. 

Un estudo de CC.OO concluíu que os beneficios empresariais foron responsables do 83,4% da inflación no primeiro trimestre. Que lectura facemos disto? Estanse tocando as marxes de beneficios?

Está pendente de facer o famonos pacto de rendas. Se incrementamos os salarios un 11%, o incremento do custe para as empresas vano acabar trasladando de novo a prezos, e o que teriamos sería un efecto contaxio e multiplicador, e a inflación seguiría subindo. Que hai que facer? Frear esa bóla de neve e chegar a un punto de inflexión. Como? Chegando a un pacto. Eu, traballadora, estou disposta a renunciar á metade da miña capacidade adquisitiva, e asumo que me ides subir o salario un 5,5%, a cambio de que empresarios se comprometan a non seguir aumentando beneficios do xeito que veñen facendo. Eu perdo un 5,5% pero ti tamén perdes un 5,5%. O pacto de rendas significa ver como nos repartimos as perdas, que pode ser a partes iguais ou non, para parar a espiral inflacionista. Mentres non se produza, non sairemos desta situación. 

O Goberno propón un incremento dos salarios do 3,5% ao final de ano. Hai que subilos? É suficiente?

Se subimos os salarios un 11%, estaremos alimentando esa bóla de neve no canto de parala. Hai que subilos, pero non un 11%. Hai que chegar a ese pacto, pero esa tecla xa é política. É necesario que sente patronal, sindicatos e goberno. 

Que valoración fas sobre a medida do tope ao prezo dos produtos básicos?

É unha medida que foi mudando ao longo dos días. Ao principio propoñíase un tope pero acabaou sendo unha proposta voluntaria para que grandes superficies ofrecesen unha cesta de produtos básicos a un prezo determinado. Ao meu modo de ver, o tope ao prezo dos alimentos non amaña os problemas, o que pode xerar son tensións e distorsións maiores. E a proposta de incentivar que grandes superficies ofrezan produtos xa se aprobara en Francia no 2011 e o resultado foi máis ben pobre.

Estas medidas de trazo groso non funcionan e non dan co núcleo do problema. Eu penso que máis que actuar pola vía da oferta habería que actuar pola vía da demanda: localizar as familias que están nunha situación máis vulnerable e axudalas directamente a través de subvencións ou transferencias, pero dun xeito cirúrxico. Tanto na alimentación como no tema da electricidade a administración pode actuar de xeito moi directo e non o está facendo. Isto pode ser moito máis efectivo que intervir nos mercados, que pode ser prexudicial.  

Por que pode ser prexudicial?

Porque pode trasladar o problema de novo aos produtores e porque pode incentivar o mercado negro. Un exemplo: se es produtor de leite e só o podes vender a 50 céntimos, vas procurar mercados alternativos para sortear ese tope. Farás leite enriquecido con vitaminas ou leite con cacao, que poderás vendelo a 1,50. O resultado final é que podemos cargarnos o mercado. 

Entre outras das medidas que se están tomando neste contexto, o Banco Central Europeo decidiu subir os tipos de interese. Por que subilos baixa os prezos? É unha medida adecuada?

O que se está facendo é, de xeito artificial, forzar unha recesión económica para enfriar a economía e que se controlen os prezos. Pasa o seguinte: Estados Unidos recuperouse moi rápido da pandemia e a xente empezou a consumir e gastar moito, os mercados non dan abasto. Ante esta situación, o que fai a Reserva Federal é incentivar o aforro. De que xeito? Actuando sobre a política monetaria. Cando EEUU sobe os tipos de xuro encarece o prezo dos cartos e a xente que quere facer investimentos pénsao un pouco máis. Así, enfrías a demanda e baixas os prezos. 

Que pasa en Europa? Que a recuperación da Covid non foi homoxénea; e que a situación que tiñamos aquí dende hai unha década era unha situación artificial na que os tipos de xuro chegaron a ser negativos. A xente que se hipotecaba facíao a un tipo moi barato e a debeda pública que se emitía case non tiña custe. Cando a Reserva Federal sobe os tipos de xuro, aquelas persoas que compran débeda publica din: 'ah, en Europa páganme 0, pero en EEUU páganme un 3 e ofrecenme seguridade e rendibilidade'. Unha fuxida de capitais deste calibre descapitaliza Europa. O Banco Central Europeo responde ofrecendo alternativas semellantes.  

É  evidente que esa política monetaria máis restritiva vai enfriar a economía europea, pero hai países que non estaban preparados para ese incremento de tipos de xuro, entre eles, España. Esta situación pode ser perigosa, porque isto beneficia as empresas que exportan pero penaliza as importancións. E que importa Europa de xeito espectacular? Os produtos enerxéticos. De novo volvemos ao problema da enerxía.

Que proxección a futuro fas desta situación?

Eu falo da posibilidade de dous escenarios: un no que a guerra remate xa e as tensións das que vimos falando se vaian aliviando; e outro no que a tensión se manteña no tempo, a guerra non remate, e afonde a crise enerxética e incluso poida haber unha crise alimentaria. Isto seguirá producindo todos os efectos en cadea que acaban derivando nunha recesión na que entren as economías, sobre todo en Europa. Teriamos unha crise moito máis longa da que inicialmente se podería esperar. 

A economía é coma unha melodía. Se cambias unha nota ou lle das unha tecla que non coresponde, a melodía distorsiónase. O que aconteza a partir de agora depende das teclas que vaiamos tocar e, dende logo, o máis desexable en termos humanos e económicos é que a guerra remate xa dunha vez para abrir outros horizontes máis positivos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta