A Xunta bota balóns fóra na vaga de lumes e responsabiliza aos concellos por non constituír as brigadas

O responsable de Montes nega o "mantra" de que se gaste máis en extinción que en prevención de incendios forestais e di que a Xunta gasta o 60% en prevención e o 40% en extinción.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2022 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

A Xunta responsabilizou aos concellos de que as brigadas anti incendios non estivese constituídas nalgunhas zonas afectadas polos incendios que arrasaron miles de hectáreas durante a segunda quincena de xullo. Así o manifestou o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez Vázquez, durante a súa intervención este venres ante a Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, onde respondeu a unha pregunta da deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta.

O responsable de xestión forestal da Administración autonómica defendeu que o nivel de aplicación das medidas recollidas no ditame da comisión parlamentaria constituída por mor da vaga de incendios de outubro de 2017 é "considerablemente alto", aínda que cuestións como a recuperación de queimas controladas foron limitadas por cuestións meteorolóxicas ante a escaseza de choivas.

Así, Rodríguez Vázquez recoñeceu que as brigadas municipais constituíronse "tarde" este ano, pero descargou de responsabilidade á Administración autonómica e púxoa sobre os concellos.

"Cada concello constitúe as brigadas se quere, o que fai a Xunta é financialas a través de convenios", resaltou, antes de afirmar que o proceso se iniciou a mediados de maio coa redacción dun borrador do convenio que foi remitido ás entidades locais o 3 de xuño para que estudasen se se adherían a el.

Neste sentido, continuou, os concellos puideron iniciar a constitución das brigadas a partir do 30 de xuño e co 15 de agosto como data límite para facelo. Por tanto, o director xeral remarcou que foi responsabilidade das administracións locais que non houbese brigadas constituídas durante a segunda quincena de xullo e a segunda de agosto, datas nas que se produciu o groso de lumes, polo momento, do peor verán histórico en Galicia en materia de incendios.

Ademais, Rodríguez Vázquez lembrou que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) establece que os meses con maior risco de incendio son agosto, setembro e outubro. "Os meses a cubrir máis importantes son eses. Non o digo eu, dino as estatísticas", apostilou.

En todo caso, tamén recoñeceu que existiron problemas á hora de constituír estes corpos polas "dificultades" para atopar titulados que poidan asumir o cargo de xefe de brigada, un requisito marcado por unha lei "que non pode cambiar o Goberno galego".

"MANTRAS" SOBRE O PLADIGA E GASTO

A continuación, o director xeral de Defensa do Monte tamén replicou á deputada socialista sobre o que considera "mantras" que "se repiten ano tras ano" e que, segundo o responsable do Goberno autonómico, non teñen fundamento.

O primeiro, a publicación do Pladiga no mes de maio, algo que leva a cabo para "incorporar" as estatísticas definitivas de incendios do ano anterior pero cuxa presentación "non inflúe" porque se trata dun documento que está en vigor "durante todo o ano". "Non é un debate razoable", espetou sobre as críticas a que este plan vexa a luz ás portas do verán.

Por último, negou que a Xunta gaste máis en extinción que en prevención, outro "debate maniqueo" para Rodríguez Vázquez, que asegurou que o balance entre o primeiro e o segundo móvese en torno "ao 40 e o 60%" en favor da prevención.

Voluntarios observan exhaustos os danos causados na serra do Courel
Voluntarios observan exhaustos os danos causados na serra do Courel | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta