Traballos arqueolóxicos sacan á luz partes agochadas do Castelo de Mesía

O concello coruñés e a empresa Árbore Arqueoloxía impulsan un proxecto de intervención sobre a fortificación para revalorizar o ben e a súa contorna.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Coidar o patrimonio para sacar á luz a historia que agochan as súas pedras. Este é o obxectivo do proxecto de intervención que veñen de impulsar o Concello de Mesía e Árbore Arqueoloxía S. Coop. Galega como paso primeiro para a posta en valor do Castelo de Mesía, un xacemento medieval fortificado datado de finais do século XIII ou principios do XIV e situado neste municipio coruñés.

Traballos arqueolóxicos no Castelo de Mesía
Traballos arqueolóxicos no Castelo de Mesía | Fonte: remitida

Os traballos, que xa están en marcha e que se estenderán durante aproximadamente dez días, contemplan a limpeza da contorna e de estruturas concretas. Ata o de agora, xa puideron ver a luz as escaleiras de acceso na zona leste do conxunto, a medio camiño dende a beira do río Samo ata o foso da fortificación. Neste espazo, un equipo experto en arqueoloxía e restauración fixo unha limpeza manual para a definición dos chanzos.

Así mesmo, retirarase a vexetación do interior da Torre da Homenaxe co obxectivo de avaliar o seu potencial de cara a futuros traballos, e impulsarase unha escavación arqueolóxica no interior dunha das estruturas extramuros. Isto último permitirá interpretar a súa función e a súa relación co conxunto da fortificación, o que mellorará a comprensión do castelo e da súa propia historia.

O Concello de Mesía explica que estes traballos teñen como fin promover o rendemento sociocultural, a difusión e o coñecemento público do patrimonio arqueolóxico. Así, este proxecto supón, segundo indican, unha primeira aproximación para coñecer o estado de conservación do castelo e impulsar nun futuro novas intervencións que axuden a revalorizar o ben e a súa contorna.

O proxecto lévase a cabo a través do fondo social da cooperativa Árbore, que se acolle aos premios para a investigación do reino medieval de Galicia que adxudica a Deputación da Coruña. O Concello de Mesía quere "mostrar o seu agradecemento a Árbore pola súa implicación na recuperación da historia do castelo" e anima á veciñanza interesada a achegarse á fortificación para coñecer a evolución dos traballos. Así mesmo, dende o Concello de Mesía aproveitan para demandar un "maior compromiso" por parte da Xunta de Galicia en materia de conservación do patrimonio.

O CASTELO DE MESÍA

O Castelo de Mesía é un xacemento medieval fortificado que data de finais do século XIII ou principios do XIV. Atópase nun afloramento rochoso á beira do río Samo, e exercía o control das terras de Mesía sobre un dos camiños que comunicaban Santiago de Compostela e Betanzos na Baixa Idade Media. Presenta unha planta circular, pouco común en Galicia, con varios cubos de torres pouco desenvolvidos e acorados á muralla. No seu momento tamén contaba cunha torre interior amurallada e defensas de forma poligonal e foso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta