O BNG denuncia "abuso de poder" contra colectivos nacionalistas no Día da Patria Galega deste ano

Néstor Rego esixe a retirada das multas aos colectivos sociais e políticos congregados.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 30/09/2022 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas reclamando que a Subdelegación do Goberno da Coruña arquive os expedientes sancionadores abertos o pasado 25 de Xullo, Día da Patria Galega, aos colectivos que tiñan mesas informativas e de venda de material ao comezo da manifestación na Alameda, en Santiago de Compostela.

Manifestación do BNG no Día da Patria
Manifestación do BNG no Día da Patria | Fonte: arquivo

A frente nacionalista defende que as organizacións e colectivos multados estaban a exercer un dereito fundamental, amparado polo propio dereito de manifestación, non constitutivo de infracción algunha e que as autoridades coñecían que esa actividade se enmarcaba na convocatoria como todos os anos. "Así, o Goberno debe retirar as sancións e investigar os motivos que levaron a iniciar un expediente que supón un evidente abuso de poder absolutamente inxustificado", indica a formación nacionalista.

Así, lembra que o 25 de Xullo, Día da Patria Galega, son numerosos os actos e mobilizacións que decorren na cidade de Santiago de Compostela. A manifestación do BNG, inicia o seu percorrido na Alameda e congrega a millares de persoas decorrendo todos os anos en condicións semellantes. "É polo tanto usual que, á saída da mesma, se coloquen mesas que diferentes colectivos, asociacións e organizacións -todas elas sen ánimo de lucro- empregan para difundir e informar sobre as súas actividades, idearios, así como recadar fondos a través da venda de material", indica.

“A pesar de realizar estes actos de difusión do seu ideario, en exercicio da liberdade de expresión, nunha mobilización que estaba debidamente comunicada ás autoridades, as organizacións independentistas, educativas, culturais e solidarias foron multadas pola policía municipal de Santiago de Compostela” lembra o deputado. A policía trasladou os feitos á Subdelegación que decidiu dar curso á denuncia mais “no escrito entregado ás organizacións omítese que estas mesas formaban parte da manifestación o que implica a ocupación legal da vía pública, unha cuestión sobradamente coñecida por ambas autoridades implicadas”.

Entre as organizacións e colectivos que foron sancionados atópase o Movemento Arredista e o proxecto Estreleira GZ, ademais de seren identificados outros como Ceivar, Espazo Clara Corbelhe, Isca, Mar de Lumes ou a Marcha Mundial das Mulleres.

Para o deputado do BNG, Néstor Rego, sancionar a persoas por realizaren este tipo de actividade “supón unha restrición indebida do dereito de manifestación e reunión”. Neste caso, a organización nacionalista denuncia que se está a exercer “unha clara extralimitación” por parte da policía municipal e a Subdelegación do Goberno -amparadas na Lei Mordaza- que supón “un abuso de poder, absolutamente inxustificado, coa única finalidade de impedir o exercicio dun dereito fundamental e a difusión de información política”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta