Ofensiva do sector pesqueiro contra o veto á pesca de fondo: "É un atropelo"

Piden a suspensión cautelar da medida e estudan a presentación dun recurso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2022 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O presidente da asociación de armadores Pescagalicia-Arpega-Obarco, Severino Ares, tachou de "atropelo" o veto da UE á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico e advertiu da paralización de actividade "a curto prazo" de frota afectada, así como das consecuencias para outras industrias auxiliares e para o consumidor.

Fíxoo nunha comparecencia xunto ao presidente da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, e co apoio de representantes institucionais e de entidades da cidade. Entre outros, estiveron o presidente do Porto da Coruña, Martín Fernández Prado; o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor; a alcaldesa, Inés Rey, e o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso.

Nela, os representantes do sector pesqueiro pediron ao Goberno que presente o recurso e que se pida a suspensión cautelar dunha medida, "que implica a toda a comunidade pesqueira", insistiu Corrás.

"Os primeiros preocupados polo estado dos recursos somos nós", dixo defendendo o labor do sector e rexeitando que existan argumentos para aplicar unha medida deste calado. "É unha barbaridade e é aniquilar moitas zonas que dependen da pesca", manifestou, en alusión, ademais, ás consecuencias no emprego e á previsible "paralización" de actividade de moitos barcos.

Preguntado se presentarán un recurso, confirmou que quen ten a capacidade para facelo é o Goberno e, en todo caso, poderían as empresas, pero non a través das súas asociacións. Tanto el como o presidente de Pescagalicia sinalaron que hai "argumentos" para que decaia a medida comunitaria. "Pero estamos a falar de ir contra a Unión Europea", incidiu Severino Ares.

En canto ás iniciativas que porán en marcha, ademais dunha recollida de firma, non descartaron protestas como concentracións ou unha manifestación para "facerse ver". "O comisario europeo está teimudo en ningunear a pesca en Europa", dixeron sobre o responsable de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius.

APOIO DA PATRONAL LUCENSE

Pola súa banda, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, argumentou que ven con "moitísima preocupación" un veto que no caso desta provincia afecta, sobre todo, aos portos de Burela e Celeiro. López cualificouno como outra "estocada" á comarca da Mariña, tras os interrogantes sobre a futura viabilidade de Alcoa e o peche este ano de Vestas en Viveiro.

"Temos unha situación no ámbito industrial moi delicada e este é un sector produtivo moi relevante para Lugo, sobre todo en Burela e Celeiro", insistiu. Tamén indicou que estarán expectantes "para ver como se defende" que non se chegue á prohibición da pesca de fondo, unha medida pola que na comarca da Mariña poderían verse afectados ao redor de cen embarcacións e un mil empregos.

No caso do porto da Coruña, o presidente da Lonxa indicou que é "complicado" falar de cifras, pero apuntou a uns "70 ou 80 barcos". "Afecta a todos", dixo en referencia tamén á actividade de comercialización.

APOIO DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Pola súa banda, o pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres, por unanimidade, unha declaración institucional en defensa da frota pesqueira galega. Nela, declara o seu "firme rexeitamento á arbitraria aprobación" do novo regulamento da Comisión Europea.

Embarcación da frota de arrastre
Embarcación da frota de arrastre | Fonte: EP- Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta