Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/10/2014 | Actualizada ás 14:40
Abanca completa este luns a súa fusión por absorción do banco Etcheverría. Unha fusión que se aproba cun aumento de 94,4 millóns de euros do capital de Abanca mediante a emisión de accións para "atender ao troco como consecuencia da fusión por absorción".
A absorción do banco Etcheverría, un dos máis antigos do Estado fundado en 1717, tivo lugar no transcurso dunha xunta extraordinaria de accionistas celebrada na Coruña. Nesta xuntanza acordouse que os empregos non se verán afectados e que a sede social da entidade resultante estará en Betanzos (A Coruña), onde se fundou o Etcheverría.
Nesta Xunta de Accionistas tamén se procedeu ao nomeamento dos conselleiros José Ramón Rodrigo Zarza e José García Montalvo, así como o límite de retribución anual aos membros o Consello de Administración. Tamén se deron unha serie de permisos e autorizacións para o correcto funcionamento do banco.
O pasado xuño, a xunta xeral de accionistas de NCG Banco aprobou o nomeamento do Consello da nova entidade que xurdiu coa saída do FROB do accionariado do banco, Abanca. Dirixen a nova entidade o seu presidente, Javier Etcheverría, presidente do Banco Etcheverría desde 1980; o vicepresidente, Juan Carlos Escotet, presidente de Banesco Grupo Financeiro Internacional; e o conselleiro delegado Francisco Botas, director xeral de NCG Banco desde marzo.
Así mesmo, os vogais son Raúl Baltar Estévez, xerente xeral do Headquarter Banesco Grupo Financeiro Internacional, en Panamá, desde abril; Pedro Raúl López Jácome, fundador e CEO do Grupo MWM Securities-Miura Financial Services; e Carina Szpilka Lázaro, integrante desde 1998 do equipo que lanzou ING Direct en España e no que permaneceu até 2013.
Tamén forma parte do Consello de Administración Miguel Ángel Capriles López, que foi durante 15 anos presidente do Consello e conselleiro delegado do principal grupo de medios impresos de Venezuela, Cadena Capriles. Os conselleiros foron nomeados por un período estatuario de seis anos.
Por outra banda, representantes de Adicae na Coruña interviron nesta xunta xeral extraordinaria de accionistas de Abanca para pedir a Juan Carlos Escotet, vicepresidente da entidade, que "cumpra as súas promesas" cuns 30.000 preferentistas galegos porque "van 300 días e segue sen resolver" os seus casos.
"A protesta de hoxe é para demostrar a indignación dos clientes de Abanca polo tema sobre todo das preferentes" e o feito de que participen nesta xunta, que decidirá a fusión de Abanca co Etcheverría, é a "proba clara de que aínda hai xente que ten este tema sen resolver".
Segundo Adicae, os actuais dirixentes Abanca comprometéronse o pasado decembro a solucionar "o problema das preferentes en 90 días e van 300 e aínda segue sen resolverse o problema ao 100 % dos afectados", pois calculan que quedan unhas 30.000 persoas pendentes de recuperar os seus aforros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.