Segue aumentando a compravenda de vivendas por estranxeiros en Galicia

No primeiro semestre de ano creceu un 29,4%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/10/2022 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

A compravenda de vivenda libre por estranxeiros aumentou en Galicia un 29,4% interanual na primeira metade do ano, aínda que a moita distancia do crecemento alcanzado no mesmo semestre de 2021 (81,8%) e da media estatal deste semestre, un 52,7%.

Vivendas
Vivendas | Fonte: Europa Press.

Así o informa o Colexio Notarial de Galicia en base aos datos do Centro de Información Estatística do Notariado (CEN). De acordo cos mesmos, no primeiro semestre de 2022 efectuáronse 713 operacións, fronte ás 551 do mesmo período de 2021.

"En todo caso, o crecemento nesta primeira metade do ano é o cuarto semestral consecutivo (20,8%, 81,8%, 9,2% e 20,5%) despois da caída do 33,1% rexistrada no primeiros seis meses de 2020", explica o Colexio Notarial de Galicia.

As compravendas aumentaron en todas as comunidades autónomas, con incrementos superiores á media estatal en Canarias (88,6%), Comunidade Valenciana (78%) e Andalucía (62,3%).

Por baixo da media situáronse Baleares (50,4%), Estremadura (42,2%), Cataluña (37,2%), Cantabria (36,2%), Asturias (35,1%), Murcia (32,7%), Galicia (29,4%), Castela A Mancha (27,1%), Castela e León (20,5%), Aragón (18,6%), Madrid (17,7%), Navarra (16,1%), País Vasco (14,5%) e A Rioxa (14,0%).

No conxunto do Estado, as 72.987 operacións efectuadas por estranxeiros representaron un 20,3% do total de compravendas, superando a media do 18,7% que se rexistrou entre 2012 e 2019.

Os estranxeiros residentes realizaron o 54,3% das compravendas en todo o territorio do Estado, e aumentaron un 25,3% interanual. O restante 45,7% das operacións foron efectuadas por non residentes, e disparáronse un 106,1%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta