O metal de Ourense reclama salarios dignos: “somos a provincia que menos cobra por convenio”

As e os traballadores do metal ourensán reclaman subas salariais acordes co custo da vida. O temor está en acabar 2022 cunha inflación disparada o mesmo que o IPC e ver subas só do 1,5% nas nóminas. Denuncian o “inmobilismo” da patronal e a súa falta de vontade para chegar a un acordo.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A patronal e os traballadores do metal da provincia de Ourense reuníronse o pasado 11 de outubro ante o chado do Consello Galego de Relacións Laborais para chegar a un acordo. A reunión prolongouse até a madrugada mais sen conciliación nin aproximación de posturas. A parte empresarial non foi receptiva ás propostas dos traballadores segundo os sindicatos. Postos en contacto coa Confederación Empresarial de Ourense, non se tivo resposta á hora de redactar esta reportaxe. As mobilizacións continúan na provincia con asembleas de operarios para pedir incrementos salariais que acaben coa “fenda” existente entre os diferentes convenios provinciais.

Folga no siderometal da provincia de Ourense
Folga no siderometal da provincia de Ourense | Fonte: CIG.

SUBE A VIDA, ATRANCAN OS SALARIOS

“A nosa posición é levar adiante a folga indefinida para termos un convenio que asegure o poder adquisitivo dos traballadores” di Justo Suárez de CC.OO. Segundo Suárez, a suba do IPC ao 6,5% levou a unha perda considerable do poder salarial no sector do metal en Ourense. “Queremos unha suba salarial equiparable á do IPC baixo un convenio de tres anos” ademais dunha cláusula de revisión en dito convenio para asegurar os incrementos pertinentes nas nóminas.

“Se nos comparamos co Eixo Atlántico, a diferenza salarial entre Ourense e Pontevedra é do 14,5% e coa Coruña do 17,5%. Se agora mesmo aceptamos as condicións da patronal ourensá perdemos un 10% de capacidade salarial” sinala Manuel Benito González da UGT. “Levan 22 anos aforrando en persoal e por iso pedimos unha cláusula de revisión no contrato e frear a fenda salarial”.

Dous días despois da reunión, Indalecio Gómez da CIG, apunta que durante a xuntanza mantida coa intermediación do Consello Galego de Relacións Laborais, as ofertas empresariais non eran aceptables. “Propuxeron de suba un 6% desde xullo de 2022, unha suba do 4% para 2023 e un 3% para 2024, cando todos sabemos que o IPC deses anos superarán amplamente esas cantidades”.

XORNADAS E POSTURAS EMPRESARIAIS

Durante a reunión do día 11 de outubro, os empresarios tiñan diante a petición de suba do 6,5% con caráter rectroactivo para todo o 2022. A resposta, segundo as fontes sindicais, foi que aumentar segundo o IPC de cada ano sería inviable para calquera empresa. “Cando houbo empresas como Pérez-Rumbao que tiveron 10 millóns de beneficios”.

A pandemia, a guerra de Ucraína, a crise enerxética e o prezo das materias primas son factores acumulativos que fan difícil o acordo en base ás peticións sindicais. Isto é o que sinalan os representantes dos traballadores. “Temos os salarios conxelados mentres as empresas poñen trabas” di Justo Suárez.

En total Ourense conta cuns 4.500 traballadores no que é o sector metal que inclúe desde automoción, montaxe de estruturas metálicas e sobre todo moitas PEMES e autónomos. “Hai moi poucas empresas que cheguen aos 200 traballadores”. Dato cando menos curioso é que a xornada de traballo a final de ano acumula horas de máis. “A suma da media en España dá 1350 horas, nós aquí temos 4 ou 5 días máis”.

A folga do metal en Ourense continuará de maneira indefinida mentres que a patronal lamenta non ter chegado a acordos, mesmo coa mediación da Xunta. O problema radica nas subas salariais con respecto ao IPC anual para facer fronte ao custo da vida ademais de romper a fenda salarial interprovincial no sector. A patronal pola súa parte, aduce as consecuencias da actual coxuntura económica para non ir máis alá duns incrementos que a parte laboral entende como insuficientes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta