O BNG chama a participar nas mobilizacións dos traballadores do metal ourensán

A próxima será o 19 de setembro, ás 11,00 horas, desde a casa sindical.

Por E.P. | Ourense | 15/10/2022 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

O BNG reiterou o seu apoio aos traballadores do metal ourensán e animou á sociedade a participar na próxima mobilización, prevista para o 19 de setembro ás 11,00 horas desde a casa sindical. Esta será a terceira semana de folga do sector do siderometal, tras iniciar os paros o 5 de outubro e despois das mobilizacións do 28 e o 29 de setembro.

Folga no siderometal da provincia de Ourense
Folga no siderometal da provincia de Ourense | Fonte: CIG.

A deputada nacionalista, Noa Presas, eloxiou a valentía dos traballadores que, "en condicións moi precarias, tomaron a decisión de defender os seus dereitos ante unha situación precaria e insustentable, un exemplo de loita que defende a dignidade do resto da clase traballadora".

Ademais, lembrou que a negociación dun novo convenio colectivo é "fundamental" para "non deixar xente á intemperie nunha crise de prezos que está a afogar os fogares e que en Ourense é máis intensa que no resto de Galicia e do Estado".

Nesta liña, a formación nacionalista lembrou que a inflación continúa desbocada e que, nos datos publicados este venres, "a de Ourense está nun 9,7%, por enriba do 9,2% galego e do 8,9% estatal, o que provoca unha perda de poder adquisitivo brutal nos traballadores do metal ourensán".

Presas avoga por unha saída "negociada" da situación, para o que é preciso "que cese o inmobilismo da patronal e o pasotismo da Xunta, que unha vez máis non exerce as súas funcións para favorecer unha solución".

"Este é o goberno da demolición industrial, máis ocupado en impulsar reformas fiscais que favorezan as grandes fortunas que de fomentar unha economía baseada nunha industria asentada no valor engadido e con condicións laborais dignas", aseverou.

Por último, Presas lembrou que os nacionalistas xa avanzaron no Parlamento unha serie de iniciativas para "acompañar a loita sindical e que os seus problemas sexan escoitados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta