Cando Beiras e Quintana tamén se relacionaron con Amancio Ortega

O dous dirixentes do BNG mantiveron encontros persoais cun dos homes máis ricos do mundo. Beiras ficou impresionado polo "imperio" Inditex tras a súa visita e Quintana quixo involucrar a Amancio Ortega na creación dunha grande empresa eléctrica galega.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/10/2022 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

"Hai que salientar a importancia de contar en Galicia cunha empresa referente a nivel mundial e a súa capacidade de adaptarse aos novos retos que impón a globalización nun nector tan competitivo e fragmentado o da moda, e todo sen renunciar ás súas orixes". Ana Pontón ficou sorprendida pola capacidade empresarial do xigante Inditex na visita que realizou ao corazón desta empresa en Arteixo hai uns días

Anxo Quintana no iate de Jacinto Rey
Anxo Quintana no iate de Jacinto Rey | Fonte: outono.net

E, non foi a única. Antes que ela, Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana, na súa condición de líderes do BNG, tamén quedaron abraiados co xigante téxtil e, sobre todo, coa visión empresarial dun home "de pobo" que é agora un dos homes máis ricos do mundo.

O primeiro en romper o muro de xeo con Inditex foi Xosé Manuel Beiras.Foi o 19 de abril de 2001 cando o veterano dirixente nacionalista, que entón lideraba o BNG, e o eurodeputado Camilo Nogueira se reuniron co presidente de Inditex, Amancio Ortega, e o conselleiro delegado do grupo, José María Castellano, nas instalacións centrais da compañía. Beiras cualificaba como un "prodixio empresarial" que, ao seu xuízo, representaba un claro modelo "da terceira revolución industrial".

XUNTANZA DECIDIDA NA EXECUTIVA

Segundo fontes consultadas por GC, aquela xuntanza entre Beiras e Amancio Ortega foi deseñada por Camilo Nogueira e Castellano, que mantiñan entón boas relacións persoais. Foi o ex eurodeputado o que propuxo nunha permanente --anterior Executiva-- do Bloque a posibilidade de visitar as instalacións e Beiras, e o resto dos membros dese órgano, incluído o líder da UPG de entón, Francisco Rodríguez, acolleron positivamente a proposta.

Ana Pontón na foto da esquerda con outros dirixentes do Bloque visitando a sede de Inditex en outubro de 2022 e Xosé Manoel Beiras e Camilo Nogueira con Amancio Ortega tamén en Inditex 2001
Ana Pontón na foto da esquerda con outros dirixentes do Bloque visitando a sede de Inditex en outubro de 2022 e Xosé Manoel Beiras e Camilo Nogueira con Amancio Ortega tamén en Inditex 2001 | Fonte: BNG - EFE

Nogueira acordou con Castellano a visita que coincidiu, ademais, nun periodo preelectoral e contou co visto e prace do propio Amancio Ortega que decidiu acudir a cita en persoa nun movemento de alto simbolismo. Un xesto que agradeceu o propio Beiras que, segundo as fontes consultadas, saíu "profundamente impresionado" desa xuntanza. De feito, naqueles tempos, Beiras non ocultaba a súa sedución polo modelo empresarial de Inditex. E nalgunha ocasión chegou a afirmar que "hai segmentos da cidadanía que, como Inditex, son os auténticos motores dos procesos de cambio".

ANXO QUINTANA

Tamén o ex vicepresidente da Xunta e ex voceiro do BNG, Anxo Quintana, tivo unha relación directa con Amancio Ortega e o imperio Inditex pero foi desde a Xunta, non desde o BNG, polo que as xuntanzas non pasaron pola Executiva nacionalista. Houbo máis dun encontro, a diferencia de Beiras, pero xa non foron encontros tan mediaticos como o deste. A Ortega xa non lle interesaba nese momento máis publicidade, nin máis fotos nos medios.

A relación entre Quintana e o fundador de Inditex foi máis alá de meros encontros e, como no caso de Beiras, tamén se canalizaron a través de José María Castellano que foi a persoa de enlace co entón líder do BNG e co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Foi para impulsar unha das operacións máis importantes da industria galega e que acabou en fracaso; a idea de crear un gran operador eléctrico arredor de Unión Fenosa. Unha operación na que estaba Ortega, da man de Castellano; Jacinto Rey, o dono da constructora San José e Julio Fernández Gayoso, presidente entón de Caixanova.

A pesar do empeño persoal do propio Quintana --que tiña o apoio de Touriño e do Goberno central que entón presidía José Luis Rodríguez Zapatero--, o empresario Florentino Pérez e o presidente do Santander, Emilio Botín, acabaron frustrando a operación. "De nada valeu entón a apelación a crear un empresariado galego forte que fixo Quintana", apuntan fontes nacionalistas coñecedoras desa operación. 

AS "FOTOS" DO IATE

A pesar do fracaso desta iniciativa, Quintana seguiu mantendo boas relacións cos protagonistas desta operación; Ortega, Gayoso e Jacinto Rey. De feito, unhas fotos súas co dono de San José nun iate, aireadas entón por ABC e La Voz de Galicia, provocaron un terremoto político nas bases nacionalistas que lle custaron un deputado na provincia da Coruña nas eleccións autonómicas de 2009 e o goberno da Xunta a mas de Alberto Núñez Feijóo.

 

Outra das iniciativas impulsadas por Quintana e Amancio Ortega, a través da Vicepresidencia de Igualdade, e en colaboración con Inditex e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), foi a de crear tendas outlet con roupa de fóra de tempada atendidas por persoas con algún grao de mobilidade reducida. Foi o caso do primeiro centro aberto deste tipo, curiosamente, en Allariz, a localidade natal do ex líder nacionalista e de onde fora alcalde.

 

PONTÓN

 

Houbo que agardar case 15 anos para que outra dirixente do Bloque, neste caso a nova voceira nacional, Ana Pontón, acudira a visitar as instalacións de Inditex. Nesta ocasión non foi recibida por Amancio Ortega --xa retirado do negocio activo--, nin tampouco pola súa filla, Marta Ortega, aínda si que estaban os máximos dirixentes do grupo téxtil. 

 

Na súa visita, a dirixente do Bloque destacou "a importancia" de contar en Galicia "cunha empresa referente a nivel mundial" como a multinacional téxtil. Percorreu a sede da compañía guiada polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, e acompañada por membros da formación frontista como o portavoz na Coruña, Francisco Jorquera, e a deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta