Por Galicia Confidencial | Madrid | 16/10/2014 | Actualizada ás 12:27
A empresa de orixe galego especializada en mercadotecnia na Internet, Elogia Media, gañou o premio eAwards, os galardóns con máis prestixio da industria dixital do Estado, na categoría de Marketing Digital a semana pasada. " O premio gordo, a verdade. Para min, no noso sector da mercadotecnia online, é como o Óscar á mellor película, ou ao mellor director", explica na bitácora da empresa o directivo Rubén Ferreiro.
A compañía competía con outras 20 axencias para a consecución deste premio. Rubén Ferreiro, segundo recolle Briefing Galego, declarou que "estamos moi agradecidos aos profesionais da mercadotecnia que nos votaron por Internet e ao xurado que finalmente nos escolleu. Non é o mesmo crer que es o mellor a que o sector o diga. Fainos ver que imos polo bo camiño coa nosa orientación a resultados e a xerar vendas online".
A empresa, con oficinas en Vigo, naceu da antiga Galicia Banner pero agora, máis que na publicidade tradicional, traballa sobre todo en accións de apoio ao comecio e a construcción de marca a través da Internet.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.