Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2022 | Actualizada ás 18:44
A Cidade da Cultura acolleu a presentación do espazo 'O Galiverso empeza aquí', unha iniciativa tecnolóxica, cultural e educativa impulsada pola Xunta de Galicia que busca "pór en valor o patrimonio material e inmaterial galego a través do emprego de tecnoloxías inmersivas".
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou este xoves na presentación de novo espazo no Museo Centro Gaiás ao que se pode acceder desde este venres e de forma indefinida. Rodríguez sinalou a importancia "de aproveitar as novas tecnoloxías tendo en conta o seu valor didáctico e educativo".
'Galiverso' recrea un total de doce monumentos, espazos naturais e lugares de interese turístico, como a cripta do Apóstolo en Santiago, a Ribeira Sacra desde un globo aerostático ou a lanterna da Torre de Hércules. A experiencia, que poden realizar tres persoas ao mesmo tempo, ten unha duración media de vinte minutos na que é posible ver todos os itinerarios.
Así mesmo, o conselleiro explicou que "se trata dun proxecto inicial", xa que "abre unha porta ao Centro de Artes Dixitais de Galicia que acollerá o Gaiás". Rodríguez puntualizou que "a Xunta ten previsto crear máis puntos de entrada a 'Galiverso' en bibliotecas, museos autonómicos e centros ensino".
A xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura e encargada do proxecto, Fátima García, explicou que se trata "dunha experiencia sen cables, tan só coas lentes de realidade virtual, e que as mans son o único que se utiliza". Ademais, sinalou que o espazo "nace con vocación de crecer e crear outros mundos virtuais".
'Galiverso', que se recomenda para maiores de doce anos, forma parte das exposicións colocadas de forma indefinida do museo e pode visitarse de martes a domingo en horario de tarde de 16,00 a 20,00 horas, así como sábados, domingos e festivos, tamén de 11,00 a 14,30 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.