Segue tendo sentido a educación concertada en Galicia?

Os centros concertados están sendo observados polas denominadas “cotas” que cobran a pesar de recibiren fondos públicos. Hai quen ve ademais, unha extensión do antigo sistema educativo pre-constitucional e mesmo unha maneira de concesión pública que non cumpre coas directrices dos concertos asinados no seu día sobre estes centros.

Por Moncho Mariño | Santiago | 21/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Definidos ás veces como “elitistas”, “clasistas” ou “negocios privados”, os centros educativos concertados son definidos por algúns sectores como “necesarios”. A necesidade vén da falta de suficientes centros públicos para satisfacer a demanda educativa en áreas concretas. Neste sentido son as zonas urbanas as que concentran maior número de concertados mentres o rural é onde os centros públicos teñen unha presenza maioritaria. Aínda así, e dentro dunha sociedade democrática, segue compensando manter un sistema sinalado por algúns como “privado con diñeiro público”?

Tres nenas entran na escola nun CEIP
Tres nenas entran na escola nun CEIP | Fonte: Marta Fernández Jara - Europa Press

TEN SENTIDO HOXE EN DÍA?

Segundo profesionais do sector educativo, o ensino concertado nace baixo a premisa da insuficiencia de centros públicos para unha educación universal e gratuíta. O tardofranquismo tivo que adoptar a escolarización universal e gratuíta por presións internacionais, aínda así foi a Igrexa quen “aportou” boa parte dos centros educativos pois “o Estado non tiña cartos para construír colexios públicos”.

Houbo que crear a LODE (Lei Orgánica do Dereito ao Ensino), outra específica para a concertada (concertos) e unha Orde sobre cotas do ano 1997, para que este tipo de centros aceptasen a universalización e gratuidade do ensino até os 14 anos primeiro e logo até os 16. Todo isto ademais, para frear as ansias da Igrexa de seguir “controlando” o sistema educativo e impedir a construción de novos centros públicos para que non lles fixesen competencia. Todo isto tal como di Javier González Moreno, mestre e doutor en Educación.

“A idea sobre a falta de centros públicos ten moitas décadas e segue uns intereses políticos que buscan facer un negocio da educación” sinala Fernando Lacaci de ANPAs Galegas. “Dentro de moitas cidades hai centros concertados ante a falta de públicos, mais tamén se dá o paradoxo de que lugares como Ferrol teñan o mesmo número de concertados e públicos e estes últimos funcionen con aulas de dez ou quince alumnos”.

“Un caso como Ourense mostra que os concertados están no centro da cidade mentres que os públicos levantáronse en áreas periféricas” di José Antonio Míguez da UGT. “A concertada dá un servizo que era necesario cando non había abondos centros públicos, aínda así, trinta anos despois de asinar os concertos seguen tendo sentido por si mesmos”.

“Non se pode xeneralizar, debemos ir a casos concretos como Vigo ou Coruña onde suplen a falta de centros  públicos” di Tania Alonso de CC.OO. “Outra cousa é como se enfoca este tema. A administración debera saber onde construír” un centro público. Por outra parte, Alonso subliña a necesidade de non comparar os dous modelos.

COTAS OU APORTACIÓNS?

Asociacións de pais e nais de alumnado que asiste aos centros concertados denuncian a obrigatoriedade de pagar unhas “aportacións voluntarias”, tamén coñecidas como “cotas”. Tania Alonso remarca que a lexislación vixente contempla a gratuidade dos estudos nestes centros seguindo o currículo deseñado polo Ministerio de Educación e as CC.AA. Non obstante, a lexislación permite o cobro de certas actividades “sempre que non haxa afán de lucro”. “Por exemplo, se hai unha actividade extraescolar coma fútbol, os pais e nais poden aportar un diñeiro mais só para mercar equipo e o seu mantemento”.

“As mal chamadas cotas, que son aportacións voluntarias, non poden impedir a entrada do ou da alumna no centro concertado, porque ademais non é que paguen polas actividades extraescolares” di José Antonio Míguez. “A educación concertada, os seus centros, teñen unhas instalacións que deben ser mantidas e coidadas e unha das vías para facelo é a aportación voluntaria dos pais”.

“O artigo 51 da LODE nos puntos 1 e 2 obriga aos concertados impartir as cadeiras obxecto da lei” di Tania Alonso. A actual LOMLOE sinala que, ademais do currículo de cadeiras establecido por lei, "as actividades complementarias que se consideren necesarias para o desenvolvemento do currículo deberán programarse e realizarse de forma que non supoñan discriminación por motivos económicos". Por outra parte, a existencia de “actividades complementarias que teñan carácter estable non poderán formar parte do horario escolar do centro”.

A pesar disto, o Estudio de Cuotas y Precios de Colegios Concertados elaborado pola Ceapa (Confederación Española de Asociaciones de Padres y Madres del Alumnado) e Cicae (Asociación de Colegios Privados e Independientes), apunta en Galicia unha serie de colexios que cobrarían esas presuntas “cotas” obrigatorias. “Hai casos de colexios que reciben diñeiro público sendo concertados e mesmo privados, con pagos de 300€ por mes” sinala Alonso.

Por que entón pais e nais prefiren ou deciden enviaren aos seus fillos e fillas a colexios onde se lles cobrará unha cota ou aportación voluntaria? “Primeiro pola existencia da idea “se pagas é mellor” e que parte de posturas liberais que sinalan o público como mediocre e o privado superior” di Fernando Lacaci. “Ademais diso, estan os servizos extraescolares e as horas que podes deixar os nenos e nenas alí a partir das sete da mañá até que saías do traballo”, cousa que a maioría dos públicos non poden facer.

Sobre o resultado final, as cualificacións, existe diferenza entre concertada e pública? “Iso vese nas probas da ABAU, onde en primeiros postos hai centros públicos aínda que pode haber tamén algún privado”, di Lacaci. “Os niveis son similares, o que define o alumnado e o entorno social que o envolve” sinala Míguez. E sería  posible a fusión de concertados e públicos? “Sería un escenario ideal, é un sistema que se probou en Cataluña onde os profesores da concertada pasan a ser laborais da Generalitat e cando deixan as súas prazas son ocupadas  por mestres funcionarios. O problema aquí é que a Consellería está pechada en banda” conclúe Tania Alonso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta