Reyes Maroto inaugura o parador da Costa da Morte, "símbolo de sustentabilidade e recordo do Prestige"

O responsable de Paradores cualificou o día de "histórico" e agradeceu o traballo de todos os participantes no proxecto, que "supón unha panca para o desenvolvemento económico da comarca".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2022 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, inaugurou este sábado o parador da Costa da Morte, "símbolo de sustentabilidade e respecto ambiental", así como de "recordo e recuperación da catástrofe do Prestige".

O parador, que abría as súas portas en 2020, inaugúrase agora oficialmente tras verse aprazado o acto pola pandemia de Covid-19. "Hoxe cúmprese un soño. Hai 20 anos do desastre do Prestige e, froito daquilo, naceu este proxecto", explicou a ministra, que lembrou como, tras o afundimento do petroleiro en novembro de 2002 fronte á costa de Muxía, se expuxo esta iniciativa para fomentar o desenvolvemento da zona, afectada ambiental e economicamente pola vertedura.

Maroto remarcou que o edificio se integra "perfectamente" coa contorna, "aliñado perfectamente" cos valores da Rede de Paradores, "desde o punto de vista arquitectónico e tamén económico". "Todos coñecerán agora tamén a Costa da Morte polo desenvolvemento turístico que vai propiciar o parador", asegurou.

O parador mostra nas súas interior fotografías e pinturas que retratan os traballadores da zona ou o propio desastre do Prestige, algo que puxo en valor a ministra, que reivindicou ese carácter "museístico". "A memoria hai que lembrala para que, efectivamente, poñamos todos os nosos medios para evitar que desgrazas así volvan suceder e, de facelo, tentar reparala", apuntou.

Remarcou ademais o "importante investimento" realizado, non só neste establecemento, senón noutros seis paradores galegos como o de Baiona, Santiago ou Monforte, que recibirán --segundo apuntou na súa intervención inaugural-- 23 millóns de euros (dun investimento total para a Comunidade de 116 millóns).

Concluía Maroto, na liña doutros intervenientes, que a veciñanza de Muxía ve agora o parador "con ilusión", como unha "oportunidade de desenvolvemento", da mesma forma que o é, para o turismo, o Camiño de Santiago. "Este Xacobeo 21-22 foi un revulsivo enorme para un sector que sufriu moito durante a pandemia de Covid", apostilou.

DÍA "HISTÓRICO" POR UNANIMIDADE

No acto de inauguración tamén participaron o presidente de paradores, Pedro Saura; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o alcalde de Muxía, Iago Toba.

O responsable de Paradores cualificou o día de "histórico" e agradeceu o traballo de todos os participantes no proxecto, que se converte no parador número 98 da rede e no que "os españois investiron ao redor de 30 millóns de euros" e que conta cunha ocupación de en torno ao 90%.

"Máis aló destes datos cuantitativos, impórtannos os cualitativos. Este establecemento é un dos que mellor representa os valores da rede, sobre todo a sustentabilidade, ademais de facer cultura coa gastronomía do lugar, coas obras fotográficas que temos aquí, e supón unha panca para o desenvolvemento económico da comarca", defendeu.

Nesta liña, Nava Castro referiuse ao proxecto como "a ave fénix" da comarca, en alusión ao ocorrido hai 20 anos co afundimento do petroleiro, e resaltou o seu papel, presente e futuro, na dinamización do turismo; da mesma forma que o Camiño de Santiago e o dobre ano Xacobeo, que este ano "bateu records".

Por último, o alcalde da localidade tamén se referiu ao día como "histórico" por inaugurar oficialmente "un proxecto que, aínda que ambicioso e difícil, cumpre o seu obxectivo: dinamizar toda unha comarca". Así, mostrou o seu agradecemento ao Goberno, a Xunta e a Deputación pola súa "máxima implicación desde o minuto uno coa terra e a xente". "O noso maior tesouro, o que máis podemos exportar, é a nosa cultura e a nosa xente, que é o que se pode apreciar aquí", concluíu.

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, xunto a un grupo musical de muñeiras, na inauguración do Parador ?Costa da Morte?, a 21 de outubro de 2022, en Muxía, A Coruña. M. Dylan - Europa Press
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, xunto a un grupo musical de muñeiras, na inauguración do Parador ?Costa da Morte?, a 21 de outubro de 2022, en Muxía, A Coruña. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Ártabro

Nunca Máis! Colonizadores!

1 Ferroviario

Pois non sei que terá que ver abrir un establecemento de hostelería co colonialismo. Paréceme que algunhas panfletadas resesas son mostra dun pensamento sectario.