Reyes Maroto acusa a Xunta de estar "ausente" ante os "problemas da industria"

"Debería falar menos e facer máis", sentenza a ministra de Industria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2022 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, acusou o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, de estar "ausente" ante "os problemas da industria" e de "tratar sempre de apropiarse das boas noticias". "A Xunta debería falar menos e facer máis cousas", afirmou.

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto | Fonte: Javier Vázquez - Europa Press

Nunha entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press, a titular de Industria do Goberno de España respondeu así ao ser cuestionada polas críticas do vicepresidente primeiro sobre a xestión dos problemas da industria galega por parte do Executivo central. "Esa mensaxe di moito de como exerce as súas competencias a Xunta e en particular o conselleiro de Industria, que está ausente dos problemas e en cambio trata sempre de apropiarse das boas noticias", insistiu Maroto.

Por iso, pediu "ser consciente da situación que está a vivir unha maioría social" do Estado, que "necesita políticas públicas", e reivindicou que o Goberno central foi "moi ambicioso" nos Orzamentos Xerais do Estado para "mellorar o estado de benestar e seguir investindo nas empresas". Así, lamentou que "pór sempre os problemas encima da administración estatal" supón, na súa opinión, "unha falta de asumir as competencias que un ten", polo que, sentenciou, "a Xunta debería falar menos e facer máis cousas".

Así mesmo, preguntada sobre a prórroga que demandou o Goberno galego para resolver expedientes relacionados con proxectos de parques eólicos, Reyes Maroto pediu á Xunta "responsabilidade" e "acelerar a aprobación deses expedientes" para, a continuación, advertir de que son "moi esixentes" coa Xunta, xa que "as administracións teñen que dar confianza e certeza".

Neste sentido, sinalou que o Goberno "está a facer os deberes" cun plan de "máis seguridade enerxética" ou ao aprobar "3.000 millóns de euros máis de axudas a protección de fogares e empresas". "Aquí do que se trata é de que todos nos remanguemos e que con feitos deamos solución aos problemas das empresas e os fogares", resumiu. Sobre enerxía, a ministra tamén asegurou que este inverno "non vai haber cortes". "Encaramos estes meses con certeza", afirmou despois de comunicar que España conta "cunha garantía de subministración".

ALCOA E STELLANTIS

En relación coa factoría de Alcoa na Mariña, en Lugo, a titular de Industria tamén esixiu á Xunta "compromiso" e indicou que "non só ten que estar sentada nesa mesa, senón que ten que pór solucións". Até o momento, reivindicou que "as solucións veñen sobre todo do Goberno" co "compromiso coa descarbonización" ou coa recuperación de "30 millóns de euros de subvencións de CO2".

Respecto de Stellantis Vigo, Reyes Maroto ve como unha "moi boa noticia" que a factoría viguesa vaia recibir "máis de 15 millóns de euros" despois "da incerteza de quedar fóra na resolución provisional". Así, aproveitou para felicitar ao equipo de Stellantis que "soubo incorporar ás alegacións o que se tiña que mellorar".

"ILUSIÓN" CO PERTE NAVAL

A ministra, que estivo esta semana en Galicia para presentar o Perte do Naval en Vigo e inaugurar o Parador de Muxía, asegurou que notou "ilusión" co Perte mencionado. Neste sentido, defendeu que desde o momento en que se anunciou que "unha das prioridades" ía ser o naval, "o sector e a súa cadea de valor atopou neste proxecto un desafío, pero tamén unha maneira para seguir mellorando a súa competitividade e de modernizarse".

Reyes Maroto espera que a convocatoria deste Perte saia durante o mes de novembro, que se empecen a financiar proxectos e "notar no terreo investimentos", que dixo estar "convencida" de que "se van transformar en carga de traballo e novos empregos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta