A EMA espera unha nova onda da Covid-19 en próximas semanas debido a novas subvariantes

"A pandemia aínda non terminou. Instamos a cidadanía a que se vacine agora, ou se revacine, especialmente se a súa situación de saúde os pon en maior risco de contraer Covid-19 grave", apela a Axencia Europea do Medicamento.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2022 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O responsable da estratexia vacunal da Axencia Europea do Medicamento (EMA), Marco Cavaleri, alertou de que se espera unha nova onda da Covid-19 nas próximas semanas, debido a novas subvariantes de Omicron.

Un enfermeiro vacina unha muller contra a covid-19
Un enfermeiro vacina unha muller contra a covid-19 | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press

"A pandemia aínda non terminou. Instamos a cidadanía a que se vacine agora, ou se revacine, especialmente se a súa situación de saúde os pon en maior risco de contraer Covid-19 grave", sinalou na rolda de prensa periódica da EMA sobre a COVID-19 e a varíola do mono. "Agora é o momento de protexerse!", advertiu facendo un chamamento especial ás persoas maiores de 60 anos, embarazadas e con comorbilidades ou condicións de base.

Así, explicou que o grupo de traballo sobre pandemia de COVID-19 está "a seguir coidadosamente" as novas subvariantes do virus, a BQ1 e BQ1.1, que por agora teñen unha diferente expansión fronte á ómicron BA.5 actualmente maioritaria. Por este motivo convidou a poboación a seguir vacinándose coas actuais vacinas.

"O virus é máis rápido do que podemos ser na adaptación de vacinas. Só deberiamos considerar adaptar as vacinas cando a diferenza entre as cepas en circulación e a composición das vacinas sexa maior", advertiu, e sinalou que así o recomendan todas as axencias sanitarias, tras confirmarse os beneficios da dobre vacinación sobre todo para a poboación máis vulnerable.

Tamén pediu á poboación que se vacine da gripe, xa que se espera que este outono e inverno circulen xunto co virus do SARS-CoV-2. "As persoas vulnerables estarán en maior risco. En moitos países están a levarse a cabo campañas conxuntas de vacinación. Instamos os cidadáns a aproveitalo", afirmou.

En canto á administración das vacinas COVID- 19 en crianzas, recomenda vacinar principalmente a nenos e nenas con enfermidades subxacentes para protexelos da hospitalización ou a morte; no entanto, lembrou que a decisión sobre a vacinación corresponde aos Estados membros da UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta