Residencias privadas para maiores: leccións non aprendidas despois da pandemia

As residencias privadas para maiores seguen tendo os mesmos problemas que antes da pandemia. O factor máis importante é a falta de persoal e isto non permite cumprir cos rateos mínimos profesional-usuarios. Detrás da falta de persoal hai unhas condicións de traballo consideradas “inhumanas”. Por outra parte, hai quen cualifica estes centros como “macrogranxas” ou “cadeas de montaxe” en canto atención ás persoas usuarias.

Por Moncho Mariño | Santiago | 31/10/2022 | Actualizada ás 22:52

Comparte esta noticia

As directivas das empresas detrás de residencias para maiores non parecen ter sacado conclusións en firme despois do máis duro da pandemia. Iso din representantes sindicais do sector cuxa reivindicación unámime é a mellora integral nas condicións laborais. Os baixos salarios obrigan a moitos e moitas traballadoras do sector a abandonar os seus postos buscando outros empregos ou indo para residencias públicas. A isto súmase a falta de formación acaída nas novas profesionais que se incorporan ao traballo. Algúns sindicatos denuncian a chegada de novo persoal con só uns meses de formación. A estes novos cadros, ás veces, profesionais con máis experiencia deben explicarlles sobre a marcha os pasos para cada tarefa que deben facer.

Concentración traballadoras residencias Domusvi e familiares de persoas usuarias.
Concentración traballadoras residencias Domusvi e familiares de persoas usuarias.

CONDICIÓNS LABORAIS DE “MACROGRANXA”

“Aínda hoxe, despois de todo o que pasou coa COVID, non se cubren quendas por falta de pesoal nin permisos retribuídos nin vacacións e tamén hai unha carencia grave de material” di Maribel Barreiro de TREGA. Xunto a isto, Barreiro sinala a falta de subas salariais nos anos 2020 e 2021. “Agora en 2022 haberá unha suba dun 6,5% e para 2023 será do 1%”. Con anterioridade houbera un preacordo cunha suba do 1% para 2022 e 2023 ademais de 50€ liñais. “O preacordo tombárono nas asembleas” de traballadoras ademais de que a CIG saíra dese preacordo en 2021 por considerar que “non era decente”.

As condicións laborais, incluíndo salarios, están promovendo unha fuga de persoal cara a sanidade pública ou outros traballos. “Estiven nunha vila onde hai unha residencia e un centro de FP que forma persoal xerocultor, ademais, é un lugar cunha importante industria de conserva, pois a maioría das profesionais que entran na residencia marchan para a conserva porque gañan máis” di Javier Martínez de UGT.

“Non hai persoal, fanse contratos a media xornada que en realidade son quendas brutais, á parte, non se respectan os rateos establecidos” di Bea Fernández da CIG. “Hai centros sen quenda de noite, centros onte tamén están ingresados grandes dependentes” apunta Fernández. A representante sindical cualifica o estado das residencias como “macrogranxas” para persoas maiores. “Estase contratando xente sen formación ou cunha formación mínima de seis meses”.

TENSIÓN SEN DESCARGAR NA “CADEA DE MONTAXE”

“Aínda temos a tensión da pandemia, non puidemos descargala, por iso moitas van con ese medo a contaxiarse ou contaxiar” describe Iria Estévez de CC.OO. “As condicións non melloraron e a falta de persoal trouxo contratacións de persoal sen formación que debeu ser “formado” polo persoal veterano”.

“O modelo de traballo actualmente é como “unha cadea de montaxe”. Unha inspección da Xunta encontrou aos usuarios almorzando ás 11 da mañá nunha residencia e a comida era á unha” di Javier Martínez. “A Inspección da Xunta non debera chegar con previo aviso ás residencias, debera caer a primeira hora, á hora da comida e ver como está funcionando todo”. Tanto Inspección como as xerencias privadas ou non saben o que está sucedendo ou miran para outro lado, aseguran as fontes consultadas.

“En cinco minutos non che dá tempo a asear un usuario estea como estea, nin podes falar con eles” di Bea Fernández, en referencia ao trato que se lles debera dispensar de escoita activa ás persoas usuarias. “Hai persoal que cae por sobrecarga de traballo e tamén os usuarios caen na conta da situación dicíndoche “e xa volves estar aquí?””.

Actualmente o salario dunha xerocultora está en 1.098,56€, mentres que a categoría máis inferior está cobrando 1.007€. Con estes salarios e unhas condicións de traballo que xa se denunciaron a Inspección da Xunta e á Fiscalía sen resposta aínda, o persoal das residencias afronta un período de incerteza en canto posibles melloras, pois “moitas veces as xerencias destes centros tampouco é que saiban moito sobre o que teñen entre mans”.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta