Xustiza e política

..Mireinos con calma, i as mans estendidas, dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida. I ó lado, contenta, senteime das vítimas tranquila, esperando pola alba do día. I estonces... estonces cumpreuse a xusticia: eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira. Rosalía de Castro

Por Fermín Paz | As Pontes | 08/11/2022

Comparte esta noticia
As nosas pequenas historias, como todas as demais, a maioría das veces teñen máis dunha versión e múltiples interpretacións. Vou poñer algún exemplo para explicar o que quero dicir. Cando era moi novo e estudaba no bacharelato non era quen de comprender como a "Formación del Espírito Nacional" podían chamarlle "Política", a falanxe facía o seu traballo e a maioría da veciñanza calaba aínda que non estivera de acordo, xa que sempre tiñas garantido o "aprobado". Tampouco entendía como daquela a clase de ximnasia se chovía facíase nunha aula do Instituto de calquera xeito (as instalacións deportivas aínda non chegaran), e senón iamos aos campeiros da redonda e de cando en vez, viña o dono da propiedade berrando e guindándonos calquera cousa que tivera á man, polo que non quedaba outra alternativa que fuxir a fume de carozo como un grupello dedicado ao bandidaxe, iso si, o mestre era o primeiro en poñerse lonxe, aproveitando a súa maestría para explicarnos nidiamente o dito do refraneiro: o quen ten cu, ten medo. Logo comprendín o interese do poder na deturpación da linguaxe (no primeiro dos casos), e tamén, o concepto da defensa lexitima da propiedade fronte a súa ocupación ilexítima por moito que, neste caso, agachara tras da coartada dunha práctica deportiva da mocidade. Ás veces teño mirado algunha  escrita das vivencias doutras xeneracións no Instituto Pardo Bazán das Pontes e xamais vin que ninguén falara destas cousas. Ben porque eran outros tempos, o esqueceron ou houbo interese por contalo doutra maneira.
 
Cando vexo as diferentes reportaxes que están a facerse sobre o trunfo dos socialistas no 1982, boto de menos unha explicación da súa decadencia e dalgunha derivada como a corrupción e o que é peor, a  súa xustificación. O primeiro sentimento que teño é que o de envellecer da moitas máis posibilidades para comprender o que aconteceu e chamarlle as cousas polo seu nome. Sempre tiven a sensación de que a Constitución do 1978 precisou de moitos troques entre os bandos que a ergueron, e un convencemento sinxelo que a maioría das familias políticas intercambiaron cos grupos de poder da ditadura algo que necesitabamos e que non tiñamos a maioría da xente, a liberdade. Pola contra, eles os que apoiaban o franquismo necesitaban complicidades, xustificación e do perdón popular para branquear o posíbel, o seu facer. A situación era insostible para o réxime erguido no 1936 logo do levantamento militar e golpe de Estado á II República. Os grupos de poder só tiñan dúas solucións: ou volver ás andadas (como tentaron o 23-F e nalgunha ocasión máis), ou pactar unha saída coa oposición mais homologable na Europa Comunitaria e no Occidentalismo. Desta maneira as situacións de privilexio convertéronse dalgún xeito nunha forma de cheque con valor de cambio. O que logo deron por chamarlle consenso non foi mais que unha tremoia coa intención de que a transición parecera unha grande obra da arquitectura e enxeñería política.
 
Non vou negar que daquela o choio tiña e tivo as súas dificultades, mais agora é tempo para un novo deseño na que construír un novo edificio constitucional porque o actual ten fendas e desequilibrios estruturais froito do paso do tempo e dunha construción feita cos materiais daquela coiuntura que algúns deles tiñan unha calidade moi cativa. Entre outras cuestión, hoxe, precisariamos dun modelo que, dende o recoñecemento da plurinacionalidade e do dereito de autodeterminación, permitira á cidadanía dos nosos respectivos pobos decidir democraticamente o seu modelo político e relación co Estado e tamén vai sendo tempo que o PSOE que tanto alardea do seu constitucionalismo decida revisar o Concordato (acordo do 1979 entre o Estado Español e o goberno da Igrexa Católica). Supoño que no vindeiro período electoral volverán a peneirarnos unha vez mais, con dito asunto. Conformaría eu, coa modificación do texto na santificada Constitución na que se reflectira, para sempre, a laicidade real do Estado. A non confesionalidade, no mellor dos casos, só se pode interpretar (como fai a xerarquía da Igrexa Católica), do seguinte xeito: o Estado non defende nin discrimina ningunha fe relixiosa. Do PP xa non espero nada neste asunto porque sempre se declarou partidario de manter ditos acordos.
 
Intúo tamén que, tras da polémica e acusacións entre PSOE e PP polos novos nomeamentos no Tribunal Constitucional e a necesidade de reformar o Consello do Poder Xudicial, hai tamén moita historia sen contar ou contada como lles convén, aos dous partidos. Mais eu, teño outro convencemento. Ten moita importancia a necesidade dunha grande reforma no Dereito Penal, xa que non existe un articulado coherente adicado á corrupción. Polo tanto non farei moito fincapé no que están a facer porque a  confrontación só ten un obxectivo, prexudicar ao contrario nas expectativas electorais. Interésame máis lembrar a Paúl Auster cando dixo que, se a xustiza existe, ten que ser para todos; ninguén pode quedar excluído, senón xa non sería xustiza.
 
A corrupción política, social, económica e mesmo administrativa é un feito e esa constatación deberá axudar a comprender a conveniencia e a necesidade de reformar o Código Penal coa finalidade de que o Lexislador faga posible unha mellor persecución e depuración dos delitos relacionados con ese cancro do sistema, singularmente do delito de prevaricación. Parece unha esixencia irrenunciable a prol da consecución dun verdadeiro Estado Democrático e de Dereito, máxime cando os elementos de control non son quen de frear as múltiples derivas do asunto.
 
O poder é o elemento primordial para que pouco a pouco se vaia formalizando e normalizando esa desviación, sexa dunha ou outra tipoloxía, xa que a liña entre a discrecionalidade e arbitrariedade, non sempre é todo o transparente que debera ser, e moito máis, cando se obtén unha maioría absoluta na representación e por moito tempo. Exemplos xa temos dabondo nos dous partidos maioritarios, aínda que non exclusivamente (Eres, Gürtel, Púnica, Palau, GAL,...). Aínda sen ser ningún experto nin ter preparación xurídica podería concretar o que estou afirmando, xa que existe moi pouco control para quen infrinxe a Lei e se especializa en manterse coas súas practicas arbitrarias, resolucións administrativas e variados procedementos e maneiras de facer, na procura, no peor dos casos, dun xuízo de legalidade ou do contrario, antes que traspasar calquera liña vermella que logo poda probar e sancionar responsabilidades penais.
 
No sector privado, a lexislación debe considerar que os comportamentos corruptos provocan unha certa distorsión e debera sancionar dito facer entre particulares, promovendo unha leal competencia entre as empresas para que a concorrencia entre as mesmas se faga dun xeito lexítimo, ademais de honesto. Co Código Penal vixente, a súa persecución por esta vía sen saír á luz outros delitos como o suborno, é moi complexa na súa probatoria.
 
Se fose verdade a separación de poderes no Estado de Dereito na concepción democrática, todos eles pasarían a ser controlados xudicialmente. Mais o problema xurdiría novamente porque os Xuíc@s e Maxistrad@s que levan a cabo esa tarefa, por quen serían fiscalizad@s? . Presentado doutro xeito, quen garante a imposibilidade da corrupción xudicial, no Estado Español que vén padecendo os efectos deste cancro sistémico dende o mesmo momento en que a Constitución Española foi aprobada? Sirva como exemplo probatorio do que estou a falar, os poucos casos sentenciados como prevaricación dolosa (consistente en ditar, adrede, resolución inxusta, e, a denegación e retardo malicioso na Administración de Xustiza)

Sede do CGPJ en Madrid. PLENA INCLUSIÓN - Arquivo
Sede do CGPJ en Madrid. PLENA INCLUSIÓN - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.