SOS Sanidade Pública alerta dos "gravísimos" problemas da Atención Primaria: "Hai mortes evitables"

O colectivo leva máis de 17.000 firmas para a súa ILP en defensa do primeiro nivel asistencial e planea unha gran manifestación en Santiago

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2022 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O colectivo SOS Sanidade Pública recompilou xa máis de 17.000 firmas para sustentar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) encamiñada á "mellora" da Atención Primaria e avanza que, dado o "colapso" do sistema sanitario público autonómico, "non vai parar": seguirá recollendo rúbricas e impulsará "unha escalada" de mobilizacións que culminará cunha "gran" manifestación en Santiago.

A data para esta acción non está pechada, aínda que Manuel Martín, portavoz da plataforma, que compareceu este luns en Santiago acompañado doutros membros da mesma, indicou que o foco está posto ao redor da primeira quincena de febreiro de 2023.

Pero o calendario de protestas está activo e xa este mes, o próximo día 11 de novembro, está prevista unha concentración convocada no Grove para que o centro de saúde da localidade volva ter servizo de Pediatría.

O 20, a Asociación de Pediatras e Matronas Xa promoverán performances nos distintos centros de saúde; e o 30 haberá accións de concentración en distintos puntos de Galicia, tamén encamiñadas a incrementar o número de firmas para a ILP da Atención Primaria. Prorrógase "" a recollida, explicou o portavoz da plataforma, porque "a xente quere asinar".

"Empezamos no verán e, aínda que era un momento moi complicado, sempre que pomos unha mesa hai colas. A xente quere asinar, quere expresar así o malestar", esgrimiu, antes de alertar de "gravísimos" problemas na Atención Primaria, con "listas de espera de ata sete ou dez días, consultas decimadas, ou áreas como O Salnés nas que todos os fins de semana hai dificultades para ter médicos".

MORTES "EVITABLES"

"As políticas de recortes do PP provocaron unha situación dramática", esgrimiu o portavoz de SOS Sanidade Pública, quen alertou das consecuencias: estanse, dixo, producindo, "mortes evitables". "A xente morre cando non debería morrer", engadiu, na mesma liña que se pronunciou, por exemplo, a parlamentaria do BNG Montse Prado, presente na rolda de prensa.

"Hai xente desatendida, que ve como empeoran as súas patoloxías, e hai xente que morre por situacións que serían evitables", aseverou a deputada, antes de pór o foco no Salnés, que cualificou do "quilómetro cero, do banco de probas" da Xunta para "cambiar o modelo" sanitario "pola porta de atrás".

Manuel Martín incidiu en que numerosos municipios da comunidade, e mesmo "algúns concelleiros do PP", apoiaron o seu ILP, ante unha situación que, no plano de Pediatría, é xa, en palabras de Vanessa Viquendi, de Pediatras e Matronas Xa, de "xulgado de garda".

Como exemplo gráfico, lembrou que ela, que ten 41 anos recibiu atención médica dun pediatra, pero a súa filla de 6 anos non ten. Isto obriga aos pais, dixo, a acudir á privada. "Non porque queiramos, porque nos obrigan", queixouse.

"NON IMOS A PARAR"

A implicación dos concellos como administración máis próxima ao cidadán e receptora directa das súas queixas tamén estivo sobre a mesa nunha rolda de prensa na que, os membros de SOS Sanidade Pública deron por feito que a ILP non sairá adiante porque o impedirá a maioría absoluta do PP. "Sería un milagre", reflexionou o portavoz de SOS Sanidade Pública, antes de lanzar un aviso: "Nós imos seguir na batalla, non imos parar".

Representantes de SOS Sanidade Pública.
Representantes de SOS Sanidade Pública. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta