Xa que estamos cas notas de prensa "cut&paste", seguímonos alegrando nesta web de que onde mandan os progresistas, os corruptos van á cadea (orixinal de gznacion):
A fiscalía denuncia o "entramado" urbanístico do ex alcalde de Arteixo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza denuncia ao ex alcalde conservador por actuacións irregulares en materia urbanística
[GZnación / Redacción / 26 Dec 07]
O fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Antonio Roma Valdés, denunciou hoxe varias actuacións supostamente irregulares do ex alcalde popular de Arteixo Manuel Pose. Pose ten recoñecido a propiedade de máis de 15 sociedades con intereses urbanísticos, empresas concesionarias durante anos das licenzas municipais do concello coruñés.
O escrito, que foi tramitado hoxe, sinala que Pouse participou nas votacións das concesións de varias licenzas de construción a sociedades nas que o ex rexedor ten interese. Segundo o escrito, o rexedor retirou á xunta de goberno a potestade de outorgar licenzas municipais para exercer na súa persoa este poder, que utilizaría polo menos nunha ocasión para urbanizar a contorna de dous edificios. Un dos inmobles promovido pola empresa Álvarez Pedra 12, na que ten participacións.
Tamén indica que os arquitectos redactores dos proxectos das construcións promovidas polas sociedades de Manuel Pose: Rosa María Vázquez, María Dores Crespo e Ramón Blas Tojo, están claramente vinculados á sociedade 'Arteixo Consulting'. Entre as numerosas probas adxuntadas, tantas como imputacións ao ex alcalde conservador, está a da vinculación do arquitecto municipal Enrique Sebastián Roel coa empresa 'Os Bosques de Arteixo', propiedade de Manuel Pose.
O seguinte punto indica que outra sociedade, esta vez 'Arquihor', tamén participada por este 'histórico' do Partido Popular de Galiza, facturou ao Concello varias marquesiñas de parada de autobús, supostamente por adxudicación directa. O escrito da Fiscalía agrega que as sociedades 'Arteixo Consulting' e 'Arista Gestión Arquitectura y Urbanismo', vinculadas coa ex tenente de alcalde de Arteixo Isabel Vila Vilas, beneficiáronse de varias contratacións do Concello, en ocasións por adxudicación directa.
Por todo iso, Roma pide á Unidade Especializada da Garda Civil en delitos urbanísticos que facilite os contratos asinados entre o Concello de Arteixo e as entidades 'Arteixo Consulting' e 'Arista Gestión Arquitectura y Urbanismo', así como con todos os arquitectos implicados.
Fachenda construtiva
Pose recoñece que ten 16 empresas e que cinco delas constrúen en Arteixo. O ex rexedor sempre confirmou con fachenda que, ademais de 'Bosques de Arteixo SL' e 'Os Bosques 26-28 SL', tamén constrúen no municipio 'Álvarez Pedras 12 SL', 'Álvarez Avenida 66 SL' e 'Progescón SL'.
Manuel Pouse ten polo menos cinco empresas activas que desenvolven promocións inmobiliarias no municipio. Nunha concorrida rolda de prensa en marzo deste ano, o conservador indicou que "é de todos coñecido" que el é dono maioritario do 'Grupo Alumán' e tamén de 'Investimentos Arteixo SA', unha empresa patrimonial da que dixo que ten como obxecto a actividade inmobiliaria e a prestación de servizos.