Lores, tras o incendio en Pontesa: "Vén dunha empresa que se tiña por seria e non é certo"

O alcalde de Pontevedra ve "sorprendente" o ocorrido e di que a empresa e os propietarios terán que responder ante unha ilegalidade manifesta".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 09/11/2022 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, apuntou este mércores ao Grupo Nogar e aos titulares da nave incendiada o domingo en Ponte Sampaio, que non contaba con licenza municipal: "Esta empresa e os propietarios terán que responder ante unha ilegalidade manifesta".

Ademais, o rexedor confirmou, en declaracións aos medios de comunicación, que ningunha das firmas relacionadas con estas instalacións se puxo polo momento en contacto co Concello.

En primeiro termo, no transcurso dun encontro con xornalistas, Fernández Lores sinalou que no goberno local están "apenados" polo falecemento de Benito González Dopazo, o traballador e concelleiro do PSOE en Marín que resultou con queimaduras de terceiro grao no 85 por cento do seu corpo.

"Quero transmitirlle o pésame á familia. Tamén aos compañeiros de traballo e á Corporación de Marín da que formaba parte como concelleira do Grupo Socialista", con cuxo portavoz se puxo en contacto para expresarlle a súa "consternación".

"TIÑA ENTENDIDO QUE ERA UNHA EMPRESA SERIA"

Dito isto, o alcalde de Pontevedra cargou contra a empresa que operaba nestas instalacións --aínda que sen identificar expresamente o Grupo Nogar-- asegurando estar "altamente sorprendido". "Pensei que unha empresa que ten un prestixio e que tiña entendido que era unha empresa seria. Logo resulta que tiña unhas instalacións sen ningún tipo de garantías nin de licenza onde se produciu un accidente", expresou.

Lores destacou que en Pontesa "había risco nesas instalacións para as persoas, para os traballadores e mesmo para a poboación xeral" e subscribiu as declaracións da concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Villaverde: "Nós dixemos onte que era unha polvoreira e que realmente puido ser peor, porque afectou o teito, que tiña amianto".

Neste sentido, o rexedor asegurou estar "realmente preocupado por esta cuestión" e insistiu: "A min resúltame sorprendente porque vén dunha empresa que aparentemente se tiña por seria e rigorosa e non é certo, porque ter unhas instalacións destas características lémbranos máis a fai 40 ou 50 anos, ás épocas do capitalismo máis salvaxe". "Era unha nave na que non había nin hidrantes, nin ningún outro método de extinción e estábase xogando cun risco para a poboación e para os traballadores".

O CONCELLO "DESCOÑECÍA" A SITUACIÓN

Así mesmo, o alcalde de Pontevedra reiterou que a administración local "descoñecía" esa situación "porque non houbo unha petición de licenza nin de autorización": "Eu nunca pensei isto. Unha empresa que ten certa importancia e que tiña unha imaxe de ser unha empresa rigorosa cumprindo a normativa, e neste caso non era así".

"Suponse que cando se fai unha instalación ou unha actividade determinada hai un mínimo de garantías e aquí non había absolutamente nada", insistiu Fernández Lores, para tachar de "absolutamente lamentable e criticable" que "se teña unha actividade sen controis de ningún tipo e que, como se ten demostrado, fixo un incendio que provocou morte e afectación".

De feito, "puido ser peor", advertiu, no caso de que se estendese o lume ou que a nube tóxica de amianto afectase á poboación. De feito, as autoridades estudaron se debían confinar á poboación. "Estivemos todos os servizos de emerxencia en zapatillas", engadiu.

Fume na antiga fábrica de Pontesa, en Ponte Sampaio
Fume na antiga fábrica de Pontesa, en Ponte Sampaio | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta