O Parlamento aprobará o vindeiro martes actualizar o soldo dos funcionarios nun 1,5 %

Para facer fronte ao elevado custo da vida, os empregados públicos verán aumentadas as súas retribucións este ano nun 3,5 %

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2022 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

O proxecto de lei polo que se aprobará a actualización dos soldos dos empregados públicos nun 1,5 %, con carácter retroactivo a xaneiro deste ano, aprobarase no pleno da próxima semana.

O texto tramítase por urxencia e con trámite de lectura única, polo que quedará aprobado nun só acto parlamentario que, segundo avanzou este luns o viceportavoz do Grupo Popular Alberto Pazos Couñago, será no pleno da semana que vén.

A Xunta aprobou a subida adicional do 1,5 por cento na reunión do Consello da Xunta do pasado 3 de novembro, unha subida que se aplicará con efecto retroactivo a 1 de xaneiro de 2022, ante o "aumento do custo de vida" coa crise enerxética e a guerra en Ucraína, de forma que se trata de compensar os efectos da inflación.

A idea, tal e como ratificou Pazos Couñago, é que os traballadores públicos reciban a contía antes de que finalice este ano.

"Con este incremento retributivo, que vai dirixido a paliar o impacto da inflación derivada da invasión de Ucraína por parte de Rusia e pola crise enerxética, os empregados públicos verán aumentadas as retribucións este ano nun 3,5 por cento", destacou o deputado popular.

INICIATIVAS 25 DE NOVEMBRO

Por último, con motivo da celebración o próximo 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o PPdeG presentou unha proposición non de lei para fomentar as medidas de loita contra a violencia machista, tanto a nivel galego, como municipal e estatal.

Concretamente, os populares piden colaborar coas entidades locais no ámbito da formación de profesionais dos Centros de Información á Muller e o fortalecemento das Mesas Locais contra a violencia de xénero.

Así mesmo, a iniciativa pide que o Goberno dea cumprimento "efectivo" ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, á vez que garanta un sistema de financiamento estable, plurianual e con fondos suficientes para afianzar todos os recursos humanos e técnicos necesarios na prestación dos servizos contra a violencia de xénero.

Alberto Pazos Couñago, deputado e viceportavoz do Grupo do PPdeG no Parlamento de Galicia.
Alberto Pazos Couñago, deputado e viceportavoz do Grupo do PPdeG no Parlamento de Galicia. | Fonte: PPdeG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta