Por Xurxo Salgado | Lalín | 15/11/2022 | Actualizada ás 22:00
Rafa Cuíña, ex alcalde de Lalín e novamente candidato nesta localidade, tamén leva a política no corazón, coma o seu pai, Xosé Cuíña, un dos homes que estaba chamado a ser o futuro de Galicia e do PP de Galicia despois de Fraga, pero que quedou en promesa. Nunha promesa política cuxa carreira truncou un petroleiro, o Prestige, e José María Aznar e os seus executores en Galicia, Mariano Rajoy e Jose Manuel Romay Becaría.
Galicia Confidencial fala con Cuíña fillo sobre o que supuxo aquela traxedia na vida política e familiar de Cuíña pai. Una época difícil, chea de tensións nas que unha parte do Executivo galego non estaba dacordo en como Madrid estaba xestionando aquela traxedia.
Cuíña puxo a cara, o nome e a súa carreira para defender un xeito de entender a política que Madrid nen entendía, nen quería entender. Un xeito de política dentro do PPdeG que se denominoou os da "boina", porque, a diferencia dos do "birrete", era xente que viña do rural, falaba galego e entendía que Galicia non era un apéndice de Madrid.
Precisamente, como lembra o seu fillo Rafa, ese xeito de querer facer política en Galicia "ao xeito galego" foi o que rematou coa súa fulgurante carreira política e, quizais, tamén, o que provocou a súa súpeta morte cinco anos despois, en 2007.
Que lembranzas tes do día 13 de novembro de 2002, cando na costa galega había un petroleiro a medio afundir?
Eu, como case todo o mundo, e volvo lembrarme daquilo vendo o que sae estes días, pois lembro que había barco na costa que podía dar problemas, pero pouco máis. Ao principio todo era moi confuso.
E cando tiveches dimensión do que podía facer a Galicia aquel petroleiro?
Pois cando comezaron a saír informacións que falaban da dificultade de tratar este asunto e que non se sabía que facer co barco e comezaron a afastalo da costa.
E lembras que o teu pai dixera algo ao respecto?
Pois non notei nada especial ao principio. El estaba en Compostela e eu máis en Madrid ou en Lalín. Pero cando se empezou a acentuar o problema e que a crise ía a máis, entón nos avisou que o ían facer vicepresidente.
Vicepresidente de Fraga en medio da crise?
Si. El vicepresidente e Emilio García Gallego conselleiro de Obras Públicas.
E cando foi iso?
Pois cando se rumoreaba que Fraga quería ter máis peso en toda a xestión do que estaba pasando. De feito eu estaba convidado a asistir a toma de posesión. Había data.
E que pasou para frustrar iso?
Houbo unha comida entre os mensaxeiros --de Aznar-- con Fraga. Estaban Rajoy, Romay e López Veiga.
E -Xesús- Palmou (entón secretario xeral do PPdeG)?
Con el teño relación de amizade desde hai algún tempo. El ten a súa versión sobre este tema e eu teño a miña e as dúas non coincidente. E xa aclaramos todo o que tiñamos que aclarar.
Entón era un nomeamento inmediato e que, logo, hai unha comida e todo se frustra?
Si.
Para min foi unha loita pola dignidade porque había parte do PP galego que quería actuar doutro xeito moi diferente a Madrid
E Fraga que explicación lle deu ao teu pai?
Non lle deu explicación. Non se volveu falar máis do tema. E foi entón cando comezaron as navalladas internas. Hai quen di que comezou a loita polo poder no PPdeG. Para min foi unha loita pola dignidade porque había parte do PP galego que quería actuar doutro xeito moi diferente aos que apoiaban e dícian "si" a todo o que viña de Madrid.
Falamos dos "boinas" e dos "birretes", para entendernos...
Si, e dun famoso Consello da Xunta no que algún saíu dicindo que Cuíña quería dar un golpe de estado. Había unha parte do PP galego que propuña ir á manifestación que convocara Nunca Máis. Outros pensaban que iso era de disidentes.
Algúns din que quería ir á manifestación con pancarta?
Non era ir con pancarta, senón que era ir detrás da pancarta principal e demostrar que o PP galego tamén apoiaba esa manifestación.
E Fraga que dicía?
Fraga nese momento estaba abatido.
E sen saer que facer...
Si, pois a pesar da súa evidente capacidade, o tema veulle grande.
sobrepasado, canso e quizais temeroso...
O que comentan as persoas que o coñecen é que, naquel momento, estaba sobrepasado... Un Fraga 5 anos antes non se tería plegado aos desingnios de Madrid. Pero entón (con 70 anos) era xa un Fraga tardío. Era máis Fraga que Iribarne.
E era López Veiga --ex conselleiro de Pesca naquel momento-- o que falaba mal do teu pai naquel momento?
A verdade é que estou francamente sorprendido das declaracións que está facendo este señor a día de hoxe e mesmo refrendando o que dixo entón e era que, se se noemaba a Cuíña como vicepresidente, el deixaría o Goberno galego. Teño que dicir que, posteriormente, cando lle deu un infarto a meu pai foi das primeiras persoas en acudir ao hospital a visitalo. Pero iso non quita que estea sorprendido co ton burlesco co que está a abordar os 20 anos do Prestige nalgúns programas e medios de comunicación. É case de cachondeo.
Pasamos a xaneiro de 2003. A Cadena Ser publica que as vosas empresas, as empresas da familia Cuíña, están implicadas na venta de material para a limpeza do Prestige. Curiosamente sae todo isto cando alguén falaba dunha "rebelión" no PPdeG, non?
Esa foi unha operación montada aproveitando a circunstancia. E esa decisión non tivo que ver na decisión final de Fraga. Pero estaba claro que había unha operación para derrubar ao líder da boina orquestrada desde Madrid. Eu sempre conto que a xente do sector da boina; Diz Guedes, Pérez Varela... dixeron que, a meu pai, Aznar nunca lle perdonou cando veu a unha romaría e el entregou o carné 100.000 do PPdeG.
O soño do meu pai é que houbera 18 deputados do PPdeG como grupo parlamentario propio en Madrid
E iso sentoulle mal a Aznar, por que?
Porque había unha demostración de autonomía do PP de Galicia e iso para Aznar era unha provocación. O soño do meu pai é que houbera 18 deputados do PPdeG como grupo parlamentario propio en Madrid e iso dentro dunha mente como a de Aznar era ciencia ficcion.
Esa información non foi o motivo do seu cese?
Non. E non o digo eu, senón políticos da épcoa. Miguel Cortizo (voceiro socialista na época) defendeu a meu pai. O propio Beiras (voceiro do BNG entón) tamén. O propio Palmou tamén o recoñece hoxe. Non houbo ningún tipo de beneficio para a familia Cuíña que o único que fixera fora donar 100.000 euros en material. Pero o que se buscaba con aquela operación era unha peza de caza maior.
E porque era tanta a caza maior?
Pois porque había unha loita entre o PP galego e o PP nacional. E aproveitouse esta circunstacia para ir contra el por tentarse "rebelar" nese Consello da Xunta e quixeron actuar xa.
Pero foi cese, non dimisión...
Digamos que foi unha dimisión forzada. Fraga xustificouno dicindo que era "a gota que colmaba o vaso". E meu pai insistía en que lle dixera que gota era esa. Meses despois, comendo na nosa casa, Fraga recoñeceulle que se equivocara e pediulle desculpas. No fondo había moito respecto entre os dous. Fraga era o pai político de Cuíña, e Cuíña o fillo político de Fraga. De feito sempre dicía que seguiría no PP mentres Fraga vivira pero... ao final morreu el antes.
E cres que a súa morte tivo que ver, dalgún xeito, con toda esta tensión política?
Estou convencido de que somatizou moita dor de todo o que lle causou esta circunstancia. Non o digo en termos científicos, senón o que vimos moitos na familia, que o que lle fixeran era unha inxusticia e entón todo aquel mundo que creara durante anos, desmoronouse.
E que el vivía a política...
El era un animal político. Por iso, o estar afastado da liña politica, provoculle moita dor.
E logo de 20 anos, que foi do PP que quería o teu pai. Existen os "boinas" no Partido Popular?
Non exite ningún tipo de resquicio daquilo. Pasaron 20 anos e son outros tempos. E eu xa non teño esa dor nin ese rancor cara a certa xente do PP. Os tempos van diluíndo esa cuestión.
Non hai nin se lle espera, logo...
Esa é unha cuestión deles. Polo presidente da Xunta teño moito respecto pero son outros tempos. Ninguén pensa que haxa eses planteamentos de entón nos momentos actuais. Agora é un PP máis dirixido desde Madrid e, nin de lonxe, hai no PP o peso político que Galicia tiña entón.
E non cres que se poida recuperar ese espírito galeguista?
Non os vexo nesa sintonía. O PP di que é o partido máis próximo a Galicia. E o voto é de tendencia galeguista. Pero os tempos mudan e ao PP xa non lle interesa entrar no debate de galeguismo si ou galeguismo non. Hai xente que ten sensibilidade por este país, entre eles, Pedro Puy, pero están noutra onda desde o punto de vista da gobernanza.
Falando de ti. Tamén seguiches un pouco a vea política do teu pai, pero desde un partido diferente ao PP. Por que?
Poque nunca quixen presentarme polo PP e xurdiu un movemento galeguista (Compromiso por Galicia) no que eu me sentía cómodo e conseguimos a alcaldía de Lalín. Logo perdímola contra un aparato electoral que montou meu pai durante moitos anos. Pero agora tentaremos conseguilo de novo.
E cres que vas conseguilo?
Estou trablallando para iso e a cuestión pinta ben. O que hai que facer é traballar e pensar que hai alternativa.
Eu non teño esa dor que tiña no 2015 e a miña relación con moita xente do PP é agora boa
Pero esa alternativa é contra Pepe Crespo, que foi delfín do teu pai?
Xo fixen nunha ocasión e despois perdín por menos de cen votos. É posible. Non me gusta falar de futuribles, senón demostrar con traballo que a túa alternativa é crible.
E hai a posibilidade dun acordo entre as dúas candidaturas?
Eu non teño esa dor que tiña no 2015 e a miña relación con moita xente do PP é agora boa. Os únicos cos que non me sentaría a falar dun pacto é co fascismo, con Vox. O PP, agora, está noutras cousas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.