Convocada unha folga no comercio do metal para o martes 22 de novembro na provincia de Pontevedra

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2022 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

Os tres sindicatos maioritarios, UGT, CCOO e CIG, convocaron unha folga no comercio do metal da provincia de Pontevedra para o martes 22 de novembro con motivo da ruptura das negociacións coa patronal, a Asociación Autónoma de Empresarios de Talleres de Reparacións de Vehículos de Pontevedra (ATRA).

Nunha rolda de prensa celebrada este xoves en Pontevedra, Iván Veiga e Diana Rodríguez, representantes de CIG-Servizos, anunciaron que as accións de protesta comezarán este sábado 19 no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) cunha concentración a partir das 12,00 horas.

O convenio colectivo do sector do comercio metal de Pontevedra abarca actividades tan diversas como comercio de electrodomésticos, ferraxaría e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría, así como concesionarios de vehículos e establecementos de venda de pneumáticos.

Para tentar ordenar esta amálgama, as organizacións sindicais propuxeron entrar no convenio provincial de comercio vario que se acaba de asinar, pero o empresariado non aceptou.

Os sindicatos denuncian que os traballadores deste sector levan desde o ano 2019 cos salarios conxelados porque continúa o convenio colectivo prorrogado. Sinalan ademais que a patronal só quere reducir a negociación ao tema salarial sen tratar outras condicións laborais.

Protestas de traballadores do metal en Carballo. CIG
Protestas de traballadores do metal en Carballo. CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta