Os concellos asumen un déficit de 624 millóns por competencias que comparten coa Xunta ou non son súas

As transferencias que reciben os concellos da Xunta só cobren aproximadamente un de cada tres euros do gasto que carrexa a prestación destas competencias que non son da súa competencia exclusiva.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/11/2022 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

Os concellos galegos asumen anualmente un déficit de 624 millóns de euros pola prestación de servizos que ou ben son compartidos polos municipios e a Xunta ou son competencia exclusiva da Administración autonómica. Así o determina un informe elaborado pola Federación Galega de Municipios e Provincias, que advirten da fenda económica que existe entre o desembolso de 1.000 millóns de euros para atender estes servizos e os 381 millóns que perciben para a súa cobertura a través de transferencias procedentes do Goberno galego.

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha rolda de prensa
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha rolda de prensa | Fonte: Fegamp.

As conclusións do documento foron presentadas este venres en Santiago polo presidente da Fegamp, Alberto Varela, que instou o Executivo galego a mover ficha e convocar unha reunión para abordar unha demanda "histórica" das entidades locais galegas: o incremento do fondo de cooperación local ligado a unha mellor definición das competencias a desempeñar por cada administración.

A análise realizada pola organización que engloba os 313 concellos e as catro deputacións xorde das conversacións establecidas coa Xunta en 2019, cando ambas as partes se emprazaron a dar continuidade ao Pacto Local Galego de 2006 e estudar o contexto económico e administrativo para mellorar o financiamento das entidades locais e, por extensión, a prestación de servizos á cidadanía.

Como advertiu o tamén alcalde de Vilagarcía durante a roda de presentación do informe, os concellos asumen servizos que non son a súa competencia exclusiva, como o mantemento de centros educativos e sanitarios ou as políticas de emprego, todas elas de titularidade da Xunta, coa que comparten a prestación doutras funcións como o urbanismo ou a rehabilitación de vivendas.

Así, as transferencias que reciben os concellos da Xunta só cobren aproximadamente un de cada tres euros do gasto que carrexa a prestación destas competencias que non son da súa competencia exclusiva, segundo os cálculos elaborados polo grupo constituído pola Fegamp no que, ademais de representantes dos municipios, tamén participaron profesores de Dereito e Economía das universidades de Santiago e A Coruña.

O balance arroxa un déficit de 624 millóns ao ano para os concellos, que protestan polo mantemento das contías que a Xunta outorga ao fondo de cooperación local durante os últimos anos nos que se produciu un incremento das transferencias que reciben as comunidades do Estado, algo que, como denuncian, non repercutiu no apoio económico dos gobernos autonómicos aos municipios.

Como apunta o informe, a Xunta percibiu en 2020 o 82% dos ingresos, mentres que os concellos recibiron o 14% e as deputacións, o 3%. A diferenza porcentual é similar se se analizan as transferencias do Estado, co 84% a mans de Xunta, o 8,6% aos municipios e o 5,4% aos gobernos provinciais.

Para a Fegamp, os datos tamén reflicten o "funcionamento deficiente" do fondo de cooperación local, a través do cal, a Administración autonómica transfire orzamento aos concellos en función de criterios obxectivos nos que ten maior peso o factor poboacional.

Os concellos denuncian que a asingación a este fondo ao que a Xunta "leva sen actualizarse os últimos 10 ou 12 anos" e fluctúa cada exercicio ao redor dos 120 millóns de euros. Mentres isto ocorre, a Fegamp critica que aumente a partida que a Xunta dedica a convenios e subvencións, que representan xa "o 80%" dos fondos que reparte ás entidades locais.

Neste sentido, Varela subliñou que a reivindicación dos concellos é a diminución do peso destas partidas condicionadas e que se repercuta no fondo de cooperación local para, deste xeito, garantir que a repartición sexa "obxectivo" e "respecte" a autonomía local.

PROPOSTAS

Así as cousas, ademais da reforma do fondo de cooperación local e o aumento da súa asignación, as entidades municipais queren que a Xunta sente a negociar a definición dos límites das competencias e a quen corresponde a súa desempeño e o seu financiamento.

"Se hai novas competencias teñen que vir acompañadas de financiamento. Se teño máis competencias pero o mesmo diñeiro, vaise resentir a prestación do servizo", aseverou o rexedor arousán, que tamén demandou que a Xunta incorpore os concellos ao proceso de elaboración de textos lexislativos que vaian supor a asunción de novas competencias, algo que, como recalcou, xa se realiza en Andalucía.

Tras denunciar que os concellos están "afogados" por esta situación, o presidente da Fegamp reivindicou que as entidades locais fixeron "os seus deberes", polo que espera o mesmo da Xunta para poder avanzar nunha cuestión "fundamental".

"Pedíusenos un compromiso, o reto de estar dispostos a facer un traballo serio e contundente para meternos nas tripas das administracións", remarcou Varela, que insta o Goberno galego a pór "data e hora" para reunirse e abordar a reforma do financiamento local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta