Traballadoras de Inditex na provincia da Coruña convocan folga no Black Friday para demandar "salarios dignos"

Hai convocadas mobilizacións nas cidades de Santiago, A Coruña e Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 22/11/2022 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

As traballadoras e traballadores de todas as tendas do grupo Inditex na provincia da Coruña irán á folga o día 25 de novembro, coincidindo co Black Friday, para demandar da multinacional un incremento salarial "digno" que lles permita chegar "a fin de mes", segundo expuxeron.

Presentación das mobilizacións en Inditex na provincia da Coruña
Presentación das mobilizacións en Inditex na provincia da Coruña | Fonte: CIG.

Nalgunhas cadeas nas que a multinacional adianta as ofertas, a folga xa se fará efectiva o xoves 24. Ese día, os piquetes informativos comezarán ás 10,00 horas e continuarán o día 25, á mesma hora.

Nesta data tamén están convocadas mobilizacións nas tres cidades, ás 12,00 horas: na Coruña, haberá manifestación con saída da praza de Lugo; en Compostela, desde a praza de Galicia; e en Ferrol farase concentración diante do Centro Comercial Odeón.

"Aínda que somos as que damos a cara todos os días, os beneficios repártense de maneira xenerosa noutras empresas do grupo, para as dependentas nunca hai nada", denunciaron delegadas da CIG e de UGT nunha comparecencia conxunta para informar os motivos que levan á convocatoria desta folga.

As traballadoras xa adiantaron que a oferta económica presentada por Inditex "non é suficiente", polo que de non producirse avances non descartan ampliar os días de paro durante o mes de decembro ou coincidindo co período de rebaixas.

As representantes das traballadoras explicaron que a multinacional non cambiou a súa oferta de outubro, senón que "se limitou a mover" as contías a repartir en cada ano do acordo. A proposta final é, explicaron, un incremento progresivo en tres anos ata conseguir os 182,93 euros/mes en 2024 fronte aos 440 euros/mes que reclaman as traballadoras para o mesmo período.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta