"O Ratiño Pérez" pasará o Nadal en Verín

Unha gala daralle a benvida o 30 de novembro. Chega da man da Fundación Dentalnova, entidade que busca a concienciación sobre o coidado bucodental con varias actividades arredor deste famoso personaxe.

Por Galicia Confidencial | Verín | 25/11/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Ratiño Pérez chegará a Verín este 30 de novembro. Para darlle a benvida, a Fundación Dentalnova organizou xunto á contadora local, Raquel Queizás, unha gala pensada para os nenos e as nenas dos colexios da comarca. Ademais, a estancia do coñecido Sr. Pérez quedará gardada para o recordo nun libro que o propio personaxe fará chegar ás crianzas do val grazas á colaboración da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

O alcalde de Verín informa da visita do Ratiño Pérez. Foto: Prensa Concello de Verín.
O alcalde de Verín informa da visita do Ratiño Pérez. Foto: Prensa Concello de Verín.

Logo do éxito da caseta do Ratiño Pérez do ano pasado --que se volverá instalar este ano--, a Fundación Dentalnova quixo convencelo para que visitase a vila neste Nadal e conseguiuno. Aproveitando a súa estancia realizaranse diferentes actividades arredor da súa figura.

PUBLICACIÓN DUN LIBRO

O proxecto está vertebrado pola publicación do libro "O Ratiño Pérez", editado pola Fundación Dentalnova, no que se conta a súa vinculación co doutor Antonio. É unha historia baseada nunha idea orixinal de Edelmiro Mateo, ilustrada por María Isabel Álvarez Trujillo e cos textos de Antonio Blanes Hermida. Un conto centrado en Verín e nos seus elementos máis característicos. 

Este libro serviu, ademais, de inspiración ao equipo Dentalnova e a Raquel Queizás para deseñar una gala que se representará o mércores, 30 de novembro, no Auditorio Municipal. 

Nesta colaboración entre entidades públicas e privadas, o obxectivo é tamén apostar por un proxecto no que se mestura o lecer e a concienciación sobre a necesidade de coidar da nosa saude bucal.

Antonio Justo, xerente da Fundación Dentalnova, agradeceu o compromiso e a participación do Concello de Verín e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades neste proxecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta