Por Galicia Confidencial | Ribadeo | 24/11/2022 | Actualizada ás 13:59
“Gustarianos non ter que estar nesta tesitura de amosar o noso rexeitamento á violencia contra as mulleres, debería ser algo xa pasado”, destaca Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa CLUN e presidenta de Mulleres de Seu. "No rural sófrese moita violencia de xénero e custa moito visibilizalo, resulta máis complexo detectalo que noutros ámbitos porque carecemos das ferramentas necesarias", destaca.
Ademias, Carmen Rodríguez apunta que esta situación ocúltase pola propia contorna e tamén por medo ou por vergoña. "Por iso pedimos ás Administracións e aos organismos competentes que nos axuden, precisamos servizos de apoio que nos permitan primeiro detectar o problema e logo axuden e acompañen ás vítimas”, suliña nun comunicado.
Rodríguez fai referencia á existencia de “diferentes tipos de maltrato, ademais do físico, que á muller rural en particular lle resulta máis difícil de identificar. No noso eido, moi masculinizado, a figura da muller ten que xustificarse para que se lle dea o seu espazo”. “A sociedade evolucionou e as mulleres somos actores fundamentais do rural, é importante que se nos visibilice”, asegura.
Nesta liña, a vicepresidenta de Mulleres de Seu pon as esperanzas nas novas xeracións: “As mulleres de máis idade calan, xa o teñen asumido, pero a xente nova que vén porá unha barreira”. Por iso, a asociación únse ás celebracións do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora este venres, 25 de novembro. Como cada ano, desde todas as sedes da cooperativa farase unha parada ás 12:00 horas na entrada de cada centro para manifestar o apoio dos seus traballadores e traballadoras á loita contra a lacra social que supón a violencia de xénero.
“Mulleres de Seu” é unha asociación impulsada pola cooperativa CLUN para fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural. Esta asociación interxeracional de mulleres gandeiras, integrada por preto de 200 socias de CLUN, nace en 2013 e busca en especial promover a participación das mulleres novas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.