A demanda do Bono Coidado cuatriplícase e obriga á Xunta a ampliar o orzamento

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social publicou este xoves unha ampliación de crédito que dobra a partida prevista para as axudas do Bono Coidado, un programa que financia as necesidades puntuais de conciliación e que este verán se ampliou a campamentos de verán (a condición de que non coincidisen cos períodos vacacionais de pai, nai ou titor ou coidador habitual).

Deste xeito, a Xunta decidiu ampliar a partida para o Bono Coidado, ante "o gran incremento de solicitudes presentadas para esta axuda", segundo confirmaron a Europa Press fontes do departamento autonómico, e que supuxo catro veces máis a demanda de 2021. Esta axuda concédese ata esgotar crédito por orde de petición, sempre que se cumpran os requisitos, entre os que non se inclúe o límite de renda.

O Goberno galego tiña previstos 550.000 euros nos orzamentos de 2022 e duplícase a máis de 1,1 millóns de euros, ao aumentar en 607.000,63 euros o crédito dispoñible.

De feito, a Xunta atribúe a alta demanda desta axuda ao ampliala a período non lectivo, o que levou a incrementar "considerablemente" as solicitudes, que pasaron de 1.550 en 2021 a máis de 6.000 este ano.

Segundo explicaron as mesmas fontes, o Goberno autonómico aspira a que, con esta ampliación, se poidan atender todas as solicitudes que cumpran os requisitos da orde de axudas.

O Goberno galego, ademais, mostra a súa "satisfacción" polo "éxito" dunha axuda que está "pensada para apoiar a conciliación da vida persoal e laboral" das familias.

ESCOLAS INFANTÍS

Doutra banda, o DOG tamén publica o incremento de crédito de axudas para a atención educativa de 0 a 3 anos de entidades privadas, que ascende a 10,6 millóns de euros. Actualmente, fináncianse as prazas de todos os menores que acceden a unha escola pública.

Ademais, tamén se ampliou a orde de axudas para as escolas de iniciativa social en 38.700 euros, fronte á partida inicial para este ano de 350.000. O ano anterior ascendera xa a 400.000 euros.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visita a escola infantil pública autonómica As Mariñas
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visita a escola infantil pública autonómica As Mariñas | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta