Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2022 | Actualizada ás 13:44
O comité de seguimento do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) Galicia celebrou esta semana en Santiago a súa primeira reunión presencial tras a pandemia. Nela, analizouse o informe correspondente ao ano 2021, que destacou a "importancia da colaboración público-privada" para dar unha "rápida resposta" á pandemia.
O director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Anxo Tarrío, presidiu unha reunión na que participaron representantes do Ministerio de Facenda, así como das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia.
Esta reunión estivo marcada pola análise dos desafíos que tivo que afrontar a UE, así como os países membros e as comunidades autónomas, para frear as consecuencias da crise do covid-19, na que tiveron que "flexibilizar a utilización dos fondos da política de cohesión".
O comité puxo en valor as diferentes axudas que se concederon, tanto públicas como privadas, no sector da investigación durante o ano 2021: máis de 13 millóns desde o sector privado que se suman aos fondos comunitarios destinados a combater a pandemia "na súa etapa máis crucial". Destes últimos, o comité destacou os 35 millóns achegados pola UE para adquirir material sanitario.
O feito de que máis de 380.000 persoas poidan relacionarse na súa vida cotiá cos servizos públicos por medios dixitais é outro dos datos que se resaltou durante a asemblea, no que se refire ao uso e acceso do TIC. Cobertura electrónica que, a finais de 2021, chegou xa a "máis de 186.00 estudantes nos centros educativos".
Ademais, Tarrío puxo o foco nas melloras nas infraestruturas educativas, unha "potenciación das prestacións dos centros educativos de todos os niveis" das que se están beneficiando xa os usuarios das 'Casas Neno', no rural, así como os centros de primaria e secundaria.
As previsións para a próxima aprobación do Programa Operativo para o novo período 2021-2027 foi outro dos puntos importantes que se deu a coñecer ao comité durante a reunión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.