O Sergas gasta case medio millón en campañas nas redes sociais mentres non hai médicos na Atención Primaria

Retegal destinará 255.000 euros para a promoción da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Non hai médicos na Atención Primaria e as protestas acumúlanse en numerosos centros de saúde. A Xunta asegura que non é responsabilidade do Sergas porque “non hai médicos, que é unha competencia do Goberno central”, pero o caso é que o Executivo galego non ten problema en destinar unha suculenta cantidade de cartos públicos para contratar campañas en redes sociais e un “community manager” para promocionar os “estilos de vida saudables”.

Campaña Sergas móbil
Campaña Sergas móbil | Fonte: Xunta.gal

Segundo a documentación á que acaba de ter acceso Galicia Confidencial, o Sergas sacou a concurso un contrato para o servizo de deseño e execución dunha estratexia de comunicación para “a promoción de estilos de vida saudables”, enfocada, principalmente, para as redes sociais. A campaña, está divida en tres lotes. O máis importante é para a creación dunha estratexia creativa, un plan de optimización de posicionamento web, unha proposta de deseño dunha Newsletter, un plan de actuación e participación de recursos previsto e a entrega dun informe semestral sobre novas tendencias en promoción da saúde. O valor deste paquete é de 217.000 euros sen IVE.

Por outra banda tamén sacou a concurso outro paquete para a creación dunha estratexia de comunicación dixital, servizo de Community Mannager, serzizo de marketing de contidos e un plan de actuación e participación de recursos previstos. O valor é de 124.800 sen IVE. 

Finalmente tamén inclúe a maquetación e deseño de guías e documentos técnicos estratéxicos para a promoción da saúde, por valor de 31.000 euros sen IVE.  Os servizos teñen unha duración de 24 meses e o custe total do contrato é de 450.000 euros.

RETEGAL

Por outra banda, Retegal tamén sacou a concurso a contratación do servizo de elaboración, produción e plan de medios das campañas de promoción dos seus ámbitos competenciais. Unha campaña de 255.000 euros, con IVE, que ten coma fin a execución e implementación do plan de medios de ámbito galego “coa intención de trasladarlle ao conxunto da cidadanía as iniciativas dos ámbitos competenciais atribuídos a Retegal e, especialmente as iniciativas encamiñadas ao logro dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030”.

Segundo o prego de condicións técnicas ao que tivo acceso Galicia Confidencial, o contrato comprende a realización dunha estratexia e plan de medios, incluíndo a execución e xustificación cuantitativa e cualitativa. Retegal proporcionaralle á empresa adxudicataria a creatividade e adaptacións necesarias durante a campaña.

Polo tanto, o obxecto do contrato comprenderá os custos da estratexia, investigación, planificación, execución, xustificación e avaliación da campaña , así como o custo da adquisición de espazos publicitarios en todos os medios/soportes, que se determinen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta