Falarlle en galego a un asistente virtual e que nos entenda pode ser unha realidade moi pronto

O 'Proxecto Nós' ten como finalidade desenvolver unha intelixencia artificial que poida cubrir as necesidades da masa de galegofalantes que a día de hoxe teñen que cambiarse ao castelán para que as máquinas os entendan

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Imaxínaste pedirlle a Siri que acenda a lanterna do teu móbil en galego? Ou que che poña unha canción sen ter que dicirllo en castelán? Parece unha utopía, verdade? Pois o certo é que ese momento podería estar máis preto de chegar do que ti cres. Todo grazas ao bautizado como 'Proxecto Nós', que trata de desenvolver unha intelixencia artificial que poida contestarche e á que poidas falarlle en galego para cubrir as túas necesidades.

'Proxecto Nós'
'Proxecto Nós' | Fonte: USC

Para os cabezas de proxecto, o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro, e o político Rubén Cela, é moi evidente que esta necesidade existía. Despois de ver unha e outra vez como xente da súa contorna tiña que cambiar a súa lingua materna polo castelán para que Alexa ou Google Assistant respostasen ás súas dúbidas, preguntáronse: será que os galegos non temos dereito a que a intelixencia artificial (as máquinas) nos entenda? Pois claro que o temos, e eles levarano á práctica!

"O galego non pode quedar excluído dos novos soportes tecnolóxicos", afirman. Soportes que se multiplicaron a raíz da pandemia e de que a xente pasaba moito máis tempo recluida nas casas. "A interrelación coas máquinas forxouse", explican, e mesmo poñen como exemplo o feito de que xa existen coches que se manexan automáticamente por voz, non só para poñer música, senón para todo o demais: limitar a velocidade, acender as luces, cambiar a cor das LED...

E, do mesmo xeito, o futuro cara o que nos diriximos é que "cada vez máis electrodomésticos na casa interactúen con nós a través da voz". Os que hai ata o de agora só nos entenden en español e, os máis atravesados, en inglés, pero non en galego (probade, xa veredes). Os máis mozos non teñen moito problema en cambiar dun idioma a outro, pero, que hai dos anciáns? En Galicia, especialmente no rural, hai anciáns que viven sós, e aos cales as máquinas poderían facilitarlles moito a vida.

Sen embargo, son monolingües en galego, e iso para as máquinas non lle vale. "Esta tecnoloxía podería permitir a algúns anciáns vivir sós e non ter que rematar en residencias de maiores", aseguran os responsables do proxecto. Xunta e Universidade de Santiago (USC) xa traballan para que isto sexa posible á maior brevidade, e a partires do próximo ano incorporaranse tamén a Universidade de Vigo (UVigo) e a da Coruña (UDC).

Asistente de voz
Asistente de voz | Fonte: iStockPhoto

DENDE A INTERACCIÓN POR VOZ ATA UN TRADUTOR MENOS ROBÓTICO, PASANDO POR SUBTÍTULOS EN DIRECTO

Mais indo á práctica, como se crea unha intelixencia artificial que fale e entenda o galego? "Créanse unha serie de algoritmos que permiten varias cousas", explican os investigadores, que detallan que "unhas delas é a interacción con voz, é dicir, que a máquina en si me poida contestar en galego, o que non só permitiría falar coas máquinas, senón tamén desenvolver 'chat bots', robots que nos resposten automáticamente cando pidamos a cita no médico, na ITV e ao facer moitos outros trámites da Administración".

Por outra banda, esta tecnoloxía abriría a posibilidade de crear unha "nova xeración de tradutores". A día de hoxe, segundo precisan, "hai algúns que funcionan relativamente ben, como o Gaio, e incluso Google Translate, que mellorou moito, pero este é un tipo de tradución con tecnoloxía do século XX, por dicilo dalgunha maneira, algo que hoxe xa está superado polo que se denomina 'tecnoloxía de tradución neuronal', que ven a ser unha tradución moito menos robótica, moito máis natural e moito máis apegada á realidade", explican.

Así mesmo, tamén é interesante unha intelixencia artificial en galego que se poida aplicar no campo da tradución simultánea. "Vas poder ter un programa de televisión en directo e que se estea subtitulando en tempo real, por exemplo, para que persoas xordas poidan ilo lendo; iso ata o de agora só era posible en películas que se subtitulasen en diferido, máis nunca en directo", indican. E apuntan que ao revés tamén funcionaría, pois "por exemplo en vez de ter que ter a un funcionario traducindo as sesións plenarias do Parlamento, poderíase facer automáticamente".

O OBXECTIVO: QUE NINGUNHA EMPRESA POIDA EXCUSARSE, POIS ESTA TECNOLOXÍA SERÁ GRATUITA

A finalidade do proxecto como tal téñena moi clara: "Que ningunha empresa teña como excusa que non hai unha masa crítica o suficientemente grande de demandantes do idioma como para desenvolver determinado tipo de produtos en galego". E é que o traballo vaille vir feito xa dende a universidade e as administracións, estando accesible a todo o público e a todas as empresas de xeito gratuito. 

O problema que xorde, como en todos os casos en que se desenvolve intelixencia artificial, é que se precisa dunha cantidade inxente de datos para 'adestrar' ao algoritmo. E para crear esa megabase de datos en lingua galega estase pedindo dende o 'Proxecto Nós' a colaboración de entidades públicas como o Parlamento de Galicia ou o Consello da Cultura, e tamén de medios de comunicación, como é o caso de Galicia Confidencial, que aportan de forma altruista a súa base de datos en galego para sumala á da iniciativa.

Logo de todo isto xa viría unha terceira pata que é moito máis complicada. Como explican os líderes do proxecto, "o ano que ven incorporaremos as grabacións de voz". "Vamos precisar da colaboración de centos de miles de persoas que doen a súa voz, a través de bases de datos que teñen unha serie de frases que van ter que ler; debemos cubrir todos os tramos de idade, todas as variantes dialectais do galego e así menos problemas de entendemento terá a intelixencia artificial final", conclúen. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

As persoas que o desexen poden gravar a súa voz no 3° andar da Facultade de Filoloxía de Santiago estes xoves 1 e venres 2 en horario de 9 a 14 horas.