Pontón pide á Xunta derrogar o decreto do plurilingüismo polo Día das Letras Galegas

A portavoz do BNG considera que as políticas do Goberno autonómico representan unha "situación de emerxencia lingüística" para o galego

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 03/05/2025 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou á Xunta a aproveitar o Día das Letras Galegas, que se celebra o 17 de maio, para derrogar o decreto do plurilingüismo en vigor dende 2010 e "pór fin a 16 anos de políticas de acoso á lingua galega".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto previo ás Letras Galegas
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto previo ás Letras Galegas | Fonte: BNG

Durante un acto organizado por Galiza Nova en Moaña, Pontón cualificou como "infame" o decreto impulsado polo Partido Popular e sinalou que a situación actual do idioma é "crítica", ao entender que existe unha "emerxencia lingüística" causada, segundo as súas palabras, por decisións políticas e non por causas naturais.

"Estamos a ver como moitos nenos e nenas chegan á escola falando galego e marchan falando castelán", declarou. Para a líder nacionalista, o decreto contribúe a consolidar o monolingüismo en castelán, en detrimento non só do galego, senón tamén dos obxectivos do propio modelo trilingüe.

Pontón defendeu a necesidade de abrir "un novo tempo para a lingua" cunha nova regulación do galego no ensino que garanta a súa transmisión interxeracional. Afirmou que "existe unha gran demanda social" para avanzar cara a ese cambio e asegurou que o BNG ofrece a súa colaboración para chegar a un consenso político nesta materia.

A portavoz do Bloque tamén criticou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lembrando que participou en mobilizacións "contra a lingua propia de Galicia", en alusión ao seu apoio á plataforma Galicia Bilingüe.

Pontón puxo tamén en valor o papel das mulleres na preservación da cultura tradicional, recoñecendo o legado das cantareiras e destacando a renovación da música popular con proxectos como os de Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra. "Non queremos que esa tradición sexa só unha peza de museo, senón algo vivo, contemporáneo e transformador", afirmou.

Finalmente, defendeu que o orgullo pola lingua e cultura galegas debe ser un piar fundamental para construír un futuro con máis dereitos, máis igualdade e máis oportunidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta