A USC prevé aumentar o seu orzamento un 18 % ata acadar os 288 millóns de euros para 2023

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2022 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O Claustro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou este venres as liñas xerais dos Orzamentos para 2023, cun total de 287,89 millóns de euros, un 18 % máis que en 2019, así como a Programación Plurianual 2023-2026.

Segundo sinalou a USC nun comunicado, as liñas de actuación propoñen "unha concepción integral que proxecte á USC entre as universidades destacadas a nivel mundial coa vontade de facer fronte á caída demográfica, a transformación dixital e a captación de recursos". A definición destas liñas deberá de materializarse nos Orzamentos de 2023.

O documento aprobado este venres recolle un horizonte "estable a medio prazo" e proporcionado polo Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 (PGFU), que marca uns eixos que teñen como obxectivo a mellora da participación activa.

ORZAMENTOS DA USC PARA 2023

Sobre os orzamentos, o reitor da USC, Antonio López, sinalou "a tendencia de constante crecemento dos últimos anos" e indicou que "se pasa dos 244 millóns de euros de 2019 aos preto de 288 previstos para 2023, o que supón un aumento do 18 %".

Nesta liña, subliñou que, de acordo coas cifras presentadas, estas liñas conforman "unha aposta decidida pola renovación e estabilización do persoal". Así, insistiu en que "a substitución xeracional era un gran reto e segue sendo un gran reto".

Ademais, explicou que para acadar este obxectivo é necesario mellorar, entre outros temas, na cobertura máxima de número de prazas que se ofertan, a captación de fondos do programa Next Generation ou no incremento dos ingresos percibidos por tarifas de prestación de servizos. No ámbito dos gastos, subliñou a necesidade de prestar atención ás medidas de eficiencia enerxética.

LIÑAS DA PROGRAMACIÓN PLURIANUAL 2023-2026

Doutra banda, o Claustro decidiu as liñas xerais da Programación Plurianual 2023-2026 na que destacaron "os plans de mitigación e adaptación ás posibles variacións dunha evolución negativa da economía para os próximos anos, particularmente no relativo a infraestruturas".

Tamén definiu a aposta para "seguir impulsando a necesaria transformación dixital", así como a "intensificación da sensibilidade ante problemáticas que afectan á comunidade universitaria. Así, queren aumentar a cantidade para bonos comedor ou reforzar a Unidade de Atención Psicolóxica, entre outros asuntos.

Claustro
Claustro | Fonte: USC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta