A loita dos concellos pola igualdade:"moitas mulleres descoñecen que hai puntos de apoio para saíren do maltrato"

Luisa Feijoo é concelleira de Igualdade no Concello de Ames. O pasado 1 de decembro celebráronse as XII Xornadas "Achégate á Igualdade". Con este evento búscase concienciar sobre a violencia machista e tamén como a sexualidade dos e das adolescentes está cada vez máis influída pola Rede. Ademais destas xornadas, Ames ofrece talleres de educación afectivo-sexual e boas maneiras de cara a prevención da violencia de xénero.

Por Moncho Mariño | Ames | 11/12/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Cando e como nacen a idea de organizar as xornadas de Achégate á Igualdade en Ames?
Estas xornadas naceron hai doce anos. Eu cheguei cando se ía celebrar a súa oitava edición en 2015. Celébranse en Ames porque até onde eu recorde sempre houbo Concellaría da Muller. Fixéranse campañas en relación á igualdade como a prevención contra a violencia machista. Así foi como naceu a idea de celebrar unha xornada completa de mañá dedicada á igualdade e á prevención das violencias machistas. Durante estas xornadas daríase voz a diferentes persoas coas súas correspondentes poñencias dirixidas a profesionais da prevención, educación e psicoloxía. As xornadas foron actualizándose mais sempre baixo o mesmo formato.

Luisa Feijóo
Luisa Feijóo | Fonte: Concello de Ames

-Sobre o programa deste ano tratades o tema da mocidade e o seu acceso á pornografía. Por que incluístes este tema no programa deste ano?
Nós levamos seis anos traballando con centros escolares de primaria e secundaria. Durante a pandemia tivemos tempo para reflexionar e programar algo máis directo, máis desde o ámbito municipal. Antes disto, escolliamos unha temática, tiñamos unha empresa que nos ofrecía unha serie de poñencias e desde o Centro de Atención á Muller decidíase que tema entraba e cal non. Este ano quixemos facer a xornada desde a casa. Fixemos unha reflexión interna, tendo en conta que traballamos cos profesionais de coidados á mente -case seis anos intervindo en centros educativos- quixemos tratar aquelas propostas baseadas en comentarios das asociacións coas que colaboramos. A xente nova ten un acceso moi doado ás novas tecnoloxías. Isto significa que o acceso a determinadas webs pornográficas é cada vez máis precoz. A consecuencia é que as relacións afectivo-sexuais se basean a maioría das veces neses contidos pornográficos. Son persoas moi novas sen capacidade de discernir e por iso as súas primeiras relacións toma como modelo esas imaxes. Ao final cousifícase o corpo da muller con prácticas que non son reais. Ese é o motivo de introducir este tema na xornada.

Durante estas xornadas daríase voz a diferentes persoas coas súas correspondentes poñencias dirixidas a profesionais da prevención, educación e psicoloxía

-Esta palestra onde se falará dos efectos da pornografía sobre os adolescentes creouse pensando nos mozos e mozas de Ames?
Si, porque os mozos e mozas de Ames non son diferentes a ningún outro grupo de adolescentes. Hai estudos autonómicos, estatais e internacionais apuntando directamente a este problema. Nestas xornadas centrámonos moito na prevención de adiccións de calquera tipo, non só a drogas, tamén as TIC. Xunto a isto, montamos obradoiros sobre comportamento afectivo-sexual e dentro deles podemos descubrir se hai algún tipo de problemática nese grupo ou se algún dos membros está tendo algún problema. Isto pode levar a unha intervención máis individualizada e así podermos ir á orixe do comportamento deses grupos.

-Na mesa redonda “Os coidados ás vítimas de violencia de xénero desde diferentes ámbitos profesionais”. Con esta mesa queriades abordar a violencia de xénero en todo o espectro laboral ou avaliar patróns comúns desa violencia no mercado laboral?
Cando falamos desde ámbitos profesionais referímonos aos coidados desde o ámbito da psicoloxía, traballo social e asesoría legal. O motivo da mesa está en que, mesmo a día de hoxe, descoñécese a existencia de centros de información para a muller e outros mecanismos a onde a muller pode acudir en caso de ser vítima de violencia de xénero. O obxectivo é mostrar unha serie de mecanismos como o Colexio Profesional de Psicoloxía onde pode recibir atención gratuíta, logo os Puntos de Atención á Muller nos vosos concellos. Desde aí poden dirixirvos e asesorarvos tanto xuridicamente como psicolóxicamente, ademais poden derivarvos a unha traballadora social para realizar algún trámite. Así, o obxectivo era que as mulleres soubesen destes mecanismos e como funcionan para prestarlles axuda.

 xente nova ten un acceso moi doado ás novas tecnoloxías. Isto significa que o acceso a determinadas webs pornográficas é cada vez máis precoz

-Cal foi o argumentario para escollerdes cada unha das persoas participantes nestas conferencias?
Primeiro, buscamos un profesional recoñecido dentro do seu ámbito e cunha boa capacidade de comunicación. Isto último porque hai brillantes especialistas no seu campo mais chegado o momento de comunicarse e transmitir o seu coñecemento poden ter algún problema. Por iso, nós buscamos persoas cun amplo coñecemento profesional e cunha boa capacidade de comunicarse.

-Despois está a conferencia “Construíndo un mundo sen violencia sexual. Ética e estratexias feministas”, presentada por Belén Montesa e na que intervén Amelia Tiganus, activista e fundadora de “Asociación para Emancipación de Mujeres y Niñas”. Que obxectivo ten esta conferencia?
Buscamos poñer o foco sobre a prostitución pois agora mesmo hai un debate entre abolicionistas e regulacionistas. A min probablemente me falte formación para apoiar unha opción ou outra, mais polo que teño falado con algunhas mulleres que exercen a propostitución, tampouco podería dicir unha cousa ou outra, pois dentro deste colectivo hainas que son abolicionistas e outras que son regulacionistas. Tiganus, despois da súa exeperiencia vivida, é quen de explicarnos todo sobre a explotación sexual, como se sentiu logo do que viviu. Despois cada quen pode formar a súa idea. Non buscamos inclinar á xente dun lado ou doutro, buscamos que leven esa experiencia por parte de alguén que o sufriu e viviu e sabe transmitir esa experiencia.

-Que experiencias recollestes a partir destes econtros?
Sempre podes levar algo positivo. O final da xornada é o momento onde podes falar de maneira máis distendida coas persoas asistentes, xusto aí é cando aparecen ideas e posturas como “non sabía isto” ou “agora entendo isto outro”. Ademais diso, o realmente impactante é cando se achega unha persoa e di “durante anos levo sufrindo isto”. Aí é cando caes na conta da utilidade destas xornadas. E a pesar de termos hoxe en día facilidades para chegar a moita información, ás veces faiche falta velo reflectido nunha palestra ou conferencia ou experiencia. A min interésanme as mesas redondas onde se comparten experiencias, porque é necesario termos testemuñas de primeira man xunto a conferencias de expertos. O máis reconfortante é saber que alguén pode levar algo para a súa casa e poida servirlle de cara á súa vida.

-Pensando en futuras xornadas pensastes en ampliar as xornadas a todo un día ou máis?
Unha xornada de mañá, ou mesmo como fixemos algún ano con obradoiros polas tardes. Tamén desde o departamento buscamos non quedarnos no mes de decembro ou no mes de marzo. O pasado mes de novembro o forte foron as xornadas Achégate, máis durante todo o ano hai pequenas formacións e actividades de empoderamento. É algo que tentamos traballar para público xeral e en centros escolares.

o realmente impactante é cando se achega unha persoa e di “durante anos levo sufrindo isto”

-Sobre os centros escolares, que actividades desenvolvedes?
Todos os anos ofrecemos aos centros educativos unhas xornadas onde os centros deciden a que grupos poden ir dirixidas, precisamente de igualdade e prevención da violencia de xénero. Isto, ademais dos obradoiros afectivo-sexuais e iso vai a demanda do centro, por iso nós sempre tentamos levárllelo pois cremos que é a única maneira de traballar neste campo indo da man dos centros. Antes de finalizar o curso sempre entramos en contacto cos centros para a planificación do curso seguinte para sabermos as cousas que necesitan. En setembro volvemos falalo e mesmo durante todo o curso.

-Estas palestras e encontros serviron para detectar ou parar casos de violencia de xénero ou prevención de conductas non apropiadas?
Xa nos ten pasado con obradoiros afectivos-sexuais ou de bo trato en centros educativos, e despois de finalizar a sesión achegarse alguén. Un caso foi o dun grupo de adolescentes que lle foron comentar á persoa conferenciante a posibilidade de que unha compañeira deles podería estar sufrindo maltrato. Falouse coa titora e coa rapaza  e si había unha situación de maltrato latente e grazas a iso puidemos intervir. Tamén as preguntas que fai o público pode recollerse algunha pista sobre posibles intervencións. Xunta a isto, temos unha boa relación cos centros de saúde e esta coordinación permite detectar casos. O centro de saúde comunica ao Concello e nós ao centro educativo. Isto axuda a chegar máis lonxe que se cada un fora polo seu camiño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta