Galicia recibirá máis de 7,6 millóns para impulsar a competitividade do comercio a través de oito proxectos

Industria aprobou no conxunto estatal un total de 118 proxectos dotados con 104,28 millóns

Por E.P. | SANTIAGO | 07/12/2022 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo aprobou de forma provisional, co consenso de todas as comunidades autónomas, 118 proxectos cunha dotación de 104,28 millóns de euros para impulsar a competitividade do comercio en España. Galicia suma 8 proxectos, con máis de 7,6 millóns de euros.

En concreto, estas subvencións englóbanse dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, xa que o diñeiro procede dos fondos Next Generation EU, que contemplan unha dotación global de 415 millóns de euros entre 2021 e 2023 para favorecer e impulsar a competitividade do pequeno comercio.

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, puxo en valor estas liñas de axuda do Executivo que teñen como principais obxectivos o "apoiar a recuperación do sector comercial, composto especialmente por pemes e autónomos, potenciando a súa transformación dixital e sustentable, e reforzar o tecido nas pequenas e medianas poboacións e nas zonas turísticas, que é un elemento crave para asentar poboación, favorecer o seu desenvolvemento e vertebración territorial".

"Queremos que estas actuacións incidan directamente en beneficio para a poboación, loitando contra o reto demográfico e xerando oportunidades de emprego. Debemos aproveitar a oportunidade que nos ofrecen os fondos do plan de Recuperación para potenciar e transformar a nosa rede comercial, que é única e forma parte da identidade das nosas cidades e pobos", subliñou Maroto.

Durante a comisión de avaliación, que preside o director xeral de Política Comercial da Secretaría de Estado de Comercio, e na que participan representantes das comunidades e cidades autónomas, aprobáronse de forma provisional estes proxectos que se desenvolverán en cada un dos territorios.

AXUDAS A MERCADOS URBANOS E RURAIS E COMERCIOS EN ZONAS TURÍSTICAS

As actuacións aprobadas están distribuídas en tres liñas previstas para axudar á transformación e modernización do pequeno comercio dentro do Plan de competitividade e modernización do sector turístico (Compoñente 14) e de Impulso ás peme (Compoñente 13) do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Desta forma, daranse axudas por valor de 60 millóns de euros a 51 proxectos para contar con mercados urbanos sustentables, mentres que se destinarán 29,3 millóns de euros a 24 proxectos en zonas de afluencia turística para apoiar aos establecementos comerciais localizados nestas zonas e mellorar a experiencia de compra dos turistas.

Por último e respecto das axudas a mercados rurais sustentables, destinaranse 15 millóns de euros a 43 proxectos para apoiar a implementación, modernización e fomento da actividade comercial en zonas rurais (menos de 5.000 habitantes), mellorando a competitividade, sustentabilidade e diversificación da economía rural.

Os concursos convocados este ano con cargo ás liñas de apoio ao sector comercial contaron cunha alta participación, como pon de manifesto o elevado número de solicitudes recibidas, que alcanzaron as 280 solicitudes nas liñas de mercados urbanos sustentables, 188 en zonas rurais e 131 nas de zonas de afluencia turística.

Un home compra verduras a unha vendedora local de verduras e produtos do campo, no mercado tradicional da Praza de Abastos de Lugo
Un home compra verduras a unha vendedora local de verduras e produtos do campo, no mercado tradicional da Praza de Abastos de Lugo | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta