Case 20 millóns de euros para acondicionar os camiños de Santiago entre 2023 e 2025

'Luz verde' ao Plan de Sustentabilidade Turística Enogastronomía de Galicia, que tentará captar 32 millóns de fondos Next Generation

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2022 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

A Xunta destinará uns 19 millóns de euros a un plan de acondicionamento dos camiños de Santiago que se executará entre 2023 e 2025. O obxectivo é manter a limpeza destes itinerarios e ter xa a vista posta nos próximos anos santos 2027 e 2032.

Así o anunciou en rolda de prensa o presidente galego, Alfonso Rueda, quen reivindicou que o "bo estado" das rutas xacobeas é "unha das razóns" do seu éxito, segundo os resultados das enquisas de satisfacción ás que se referiu.

Estes traballos, que se realizarán nos próximos tres anos, incluirán melloras na sinalización, o mantemento dos camiños e rozas. En concreto, actuarase sobre o Camiño Francés, o do Norte, no de Inverno, no Inglés, no Interior, no Primitivo, no Portugués, no Portugués da Costa, na Vía da Prata e no Camiño de Fisterra-Muxía.

Neste contexto, Rueda aproveitou para destacar a "marca absoluta" de peregrinos e turistas alcanzadas por Galicia durante este segundo Ano Santo. Ata o momento, rexistráronse uns 5,8 millóns de visitantes e entregáronse case 450.000 'Compostelas', ás que hai que sumar os camiñantes que optan por non recoller estas acreditacións.

Son unhas cifras de "marca" que o presidente da Xunta pretende manter durante os seguintes anos, tendo en conta a celebración da "década xacobea". E é que, á parte de que 2023 será o 30 aniversario do primeiro Xacobeo (o de 1993), o Goberno galego xa mira cara aos Anos Santos de 2027 e 2032.

PLAN DE SUSTENTABILIDADE ENOGASTRONÓMICA

Por outra banda, a reunión deste xoves do Executivo autonómico deu 'luz verde' ao Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Enogastronomía de Galicia, co que a Xunta espera captar uns 31,9 millóns de fondos 'Next Generation' que se repartirán na Conferencia Sectorial de Turismo.

Trátase dunha folla de ruta para "seguir promocionando" o enoturismo e dar "o paso case definitivo" para consolidar á Comunidade galega como destino enogastronómico "de primeiro nivel", segundo destacou Alfonso Rueda na comparecencia tras o Consello.

O plan prevé intervencións para embelecer e adecuar os establecementos de produción de viño, promocións de aloxamentos a través de paquetes turísticos, a posta en marcha dunha rede de mobilidade das cinco rutas do viño de Galicia e a creación dun "centro de referencia" chamado 'Galicia Gastro Experience', que se situará no Centro Superior de Hostalaría de Santiago de Compostela.

Ademais, esta folla de ruta inclúe unha previsión de 17 millóns de euros para 11 plans de sustentabilidade turística en destino (PSTD), impulsados por entidades locais.

Trátase do segundo plan territorial de sustentabilidade turística posto en marcha pola Xunta ao amparo dos fondos 'Next Generation', tras o Plan do Litoral de Galicia.

Un grupo de peregrinos pasa fronte a un cartel que indica o horario de misas mentres realizan o Camiño de Santiago
Un grupo de peregrinos pasa fronte a un cartel que indica o horario de misas mentres realizan o Camiño de Santiago | Fonte: César Arxina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta