Arya, Dylan, Gala, Luke, Leia ou Lisa: nomes de pequenos galegos derivados de series que marcaron a varias xeracións

'Juego de Tronos', 'El señor de los anillos', 'La guerra de las galaxias' ou 'Los Simpson', entre as ficcións que inspiraron a pais e nais para bautizar aos seus fillos

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os seriais de televisión marcaron, sen dúbida, unha época na vida de moitos e moitas adolescentes galegos. Tanto que non era raro que moitas das cousas que na pequena pantalla se vían se puxesen de moda ao instante: dende vestiario ata accesorios, pasando por comportamentos e vocabulario. Todo o que fose necesario por imitar aquel personaxe que tanto nos gustaba. 

Arya, de Juego de Tronos
Arya, de Juego de Tronos | Fonte: Commons

E, para algúns, a devoción (ou a obsesión, depende como se mire), era tal que chegaron ate o punto de chamar aos seus fillos e fillas como as súas personaxes favoritas daquela serie de televisión da infancia. Máis recentemente, ese fenómeno tamén se trasladou ás plataformas dixitais, como Netflix ou HBO, onde tamén se están a producir series que están marcando aos máis novos.

Dende Galicia Confidencial facemos un repaso por eses nomes que se fixeron famosos (mesmo sendo algúns deles inventados) xusto no momento de explosión das series, polo que actualmente os nenos e nenas que os levan teñen xustamente a mesma idade que a antigüidade das ficcións.

En Galicia, con todo, atopámonos cun fenómeno singular: na época das grandes producións dos anos 90, a Comunidade non estaba preparada para recibir tanta modernidade como para poñerlle aos rapaces e ás rapazas nomes ingleses ou singulares. As Marías e os Josés eran o que máis abundaba, e nesa sociedade non cabían Daenerys nin Shakiras. 

Con todo, os anos fóronnos convertendo nunha sociedade cada vez máis aberta ao exterior, con ganas de innovar, de experimentar, de crecer e de internacionalizarse. E agora pais e nais xa non teñen medo de chamar aos seus fillos e fillas como a súa personaxe favorita de ficción. Coñezamos cales son os nomes que marcaron e que marcan época televisiva.

Dylan, de Sensación de Vivir
Dylan, de Sensación de Vivir | Fonte: Commons

'JUEGO DE TRONOS'

'Juego de Tronos' foi sen dúbida a serie da pasada década (e probablemente desta tamén). Arrancou no ano 2011 (fai xa máis de dez) e durou nada menos que ata o 2019. Esta historia épica de fantasía, recreada por HBO a partir do best seller 'Canción de hielo y fuego' de George R.R., é a ficción favorita de moitos mozos e adultos. Por iso, non dubidaron en poñerlle ás súas fillas nomes como Daenerys ou Arya (ou Aria), dúas das principais protagonistas.

En concreto, no noso país hai un total de 189 nenas que se chaman Daenerys, cunha media de idade de 3,5 anos. En Galicia ningún proxenitor se atreveu a chamarlle así. Mais con Arya si hai representatividade. Un total de 1.168 nenas se chaman así en España, cunha media de idade de 3 aniños. En Galicia, habería un total de 57, das cales seis estarían na cidade da Coruña e 8 na de Vigo. Como se pode ver, as cidades sempre son máis abertas neste senso. De escribilo con 'i' latina, a coincidencia crece ata 83 rapazas baixo o nome de Aria, das cales habería nove en Vigo e outras nove na Coruña.

'SENSACIÓN DE VIVIR'

'Sensación de Vivir' marcou a adolescencia dos galegos e das galegas que a día de hoxe teñen ao redor dos trinta anos, que entre 1990 e 2000 non se puideron despegar da pantalla para ver as aventuras da familia Walsh tras mudarse de Minnesota ao elitista vecindario californiano de Beverly Hills. Sen dúbida os fillos do matrimonio, os xemelgos Brandon e Brenda, deixaron pegada.

Tanto que en España hai 780 nenos baixo o nome de Brandons, cunha idade media de 17,1 anos. En Galicia hai un total de 47, dos cales sete están na cidade da Coruña. E Brendas hay nada menos que 2.977 en todo o país, cunha idade media de 27,2 anos (de 'Sensación de Vivir' pasaron xa 30 anos, hai que ter en conta). Con todo, na nosa Comunidade a representatividade para ese nome sería de 194, a maioría delas (24) en Vigo, seguido da Coruña (15) e Lugo (10), aínda que tamén sería un nome usado en Ponteareas (9), Pontevedra (8), Nigrán (7) e Culleredo (6).

Tamén da mesma serie, Dylan foi un nome que acadou moito éxito: 10.034 rapaces responden a este nome en España, cunhas idades duns 5,8 anos. En Galicia habería nada menos que 491, dos cales a maioría estarían en Vigo (43), seguido de A Coruña (27), Lugo e Ourense (19), Arteixo (15), Carballo (12), Tomiño (10), Ferrol e Santiago e Redondela (9), Narón e Vilagarcía de Arousa (8), Tui (7); así como en Ames, Ribeira, Noia, Cangas, Moaña, Pontevedra e Salceda de Caselas (6).

'FRIENDS'

'Friends' xurdiu como serie en 1994 e durou dez anos na pequena pantalla, ata o 2004. Nela, tres homes e tres mulleres mozos, mellores amigos e que vivían no mesmo conxunto de apartamentos, enfróntanse á vida e ao amor na cidade de Nova York, involucrándose os uns nos asuntos persoais dos outros. Toda unha telenovela ao máis puro estilo americano. Phoebe foi, sen dúbida, a personaxe que se roubou máis protagonismo.

E por iso, a día de hoxe hai en España 74 Phoebes, cunha idade media de 18,6 anos, máis ou menos remontándose a ese ano 2004 no que acabou a serie. En Galicia, con todo, non terminou de ter éxito.

'THE WALKING DEAD'

'The Walking Dead', una serie de drama e acción baseada nunha apocalipse zombie que se roubou o corazón de todos os espectadores cunhas personaxes que se abrían en corpo e alma contando as súas vidas mentres loitaban por sobrevivir. Arrancou no ano 2010 e aínda está a emitirse a última tempada. Dentro dese grupo de personaxes hai unha, aparte do protagonista, que polo seu carisma captou a atención do público: Daryl.

A día de hoxe no noso país hai 163 Daryls, cunha idade media 12,9 anos. En Galicia, unha vez máis, non houbo tanta valentía para poñerlle así a un rapaz aínda.

'EL SEÑOR DE LOS ANILLOS'

'El Señor de los Anillos', a novela de fantasía épica escrita polo filólogo e escritor británico J.R.R. Tolkien e que non precisa nin de presentación pola grande cantidade de ficcións que se crearon a raíz da súa obra e polas múltiples creacións que inspirou, tiña nomes élficos e de todo tipo de criaturas fantásticas que resultaban canto menos curiosos: Arwen, Galadriel ou Viggo estaban entre eles.

Arwen deu nome a un total de 177 nenos en toda España, cunha idade media na actualidade de 8,9 anos. En Galicia a ningún. Galadriel, pola súa parte, púxose a 58 nenas españolas, cunha idade media de 15,4 anos. Tampouco ninguna en Galicia. Aínda que a cousa cambia se falamos da abreviatura do nome, Gala, pois entón habería 5.673 en todo o país (cunha idade media de 9,7 anos) e nada menos que 333 en Galicia: en Vigo (77), A Coruña (29), Ferrol (20), Santiago (14), Ourense (11), Lugo (10), Pontevedra e Oleiros (8), Culleredo e Narón (7), Cambre e Cangas (6). E Viggo púxoselle a 99 españois (de 9,1 anos de media), ningún deles galego.

'LA GUERRA DE LAS GALAXIAS'

'La guerra de las Galaxias', o grande éxito cinematográfico do cineasta estadounidense George Lucas da década de 1970, foi e aínda é a día de hoxe unhas das franquicias máis rentables da industria. A súa trama, como todo o mundo sabe, describe as vivencias dun grupo de personaxes de ficción que habitan nunha galaxia inventada e interactúan con elementos como 'la fuerza', un campo de enerxía metafísico e omnipresente que posúe un lado luminoso e un lado escuro. Pois ben, dende Han, a Luke, pasando por Leia, todos inspiraron a unha xeración e o seguen a facer.

Así, en España hai 77 homes co nome de Han, cunha idade media de 26,2 años. En Galicia non habería ningún. Luke, pola súa parte, foi o nome escollido para bautizar a 264 homes no noso país, con idades ao redor dos 16,2 anos. Na nosa Comunidade habería doce. E Leia serían chamadas un total de 1.062 nenas (cunha idade media de 6,5 anos), das cales 52 viven en Galicia e quince, máis concretamente, en Vigo.

'LOS SIMPSON'

'Los Simpson' leva máis de 30 anos en pantalla, nas sobremesas de todas as familias, como unha serie de animación para adultos, pero que pode adaptarse a todas as idades. E dentro destas carismáticas personaxes amarelas, unha, sen dúbida, roubou os corazóns de moitos: Maggie, irmá de Lisa Simpson, a pequena da familia.

E tanto foi así que a día de hoxe hai en España 65 Maggies, cunha idade media de 21,9 anos. En Galicia non hai referencias. Pola súa banda, como Lisa teríamos no Estado 990 rapazas, cunha idade media de 28 anos. Na nosa Comunidade xa serían un total de 26.

Lisa Simpson, dos Simpson
Lisa Simpson, dos Simpson | Fonte: Commons
A princesa Leia, da Guerra das Galaxias
A princesa Leia, da Guerra das Galaxias | Fonte: Commons
Luke Skywalker, da Guerra das Galaxias
Luke Skywalker, da Guerra das Galaxias | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta