“A decoración de Nadal de Allariz non se entende sen a implicación dos traballadores do concello”, Mª López, concelleira

No ano 2015 o Concello de Allariz comezou a decorar a vila baixo criterios de sostibilidade botando man da creatividade e dedicación dos propios traballadores e traballadoras municipais. A aposta funcionou e, a día de hoxe, Allariz é un dos destinos máis visitados de Galicia no Nadal.

Por X.M. Fernández | Allariz | 13/12/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O venres 2 de decembro o Concello de Allariz presentou a decoración de Nadal e as diferentes localizacións --un total de once-- que se poden ver este ano nas rúas e prazas da vila. Haberá algunhas novidades como por exemplo a localización da Alameda onde reconverteron os antigos apeadeiros da estación de tren en tendas.

Localización das ambientacións de Nadal 2022. Concello de Allariz.
Localización das ambientacións de Nadal 2022. Concello de Allariz.

Segundo nos conta María López, concelleira de Promoción Económica, a aposta por este tipo de decoración empezou no ano 2015 “buscando unha fórmula harmónica que Allariz se merece para respectar o noso patrimonio e feita con mimo e agarimo”.

Para facer as decoracións mercan o material a provedores locais e o traballo faino persoal do concello, “a decoración de Nadal non se entende sen a implicación dos traballadores do concello”, refire María.

“A decoración de Nadal non se entende sen a implicación dos traballadores do concello”

TRABALLO COLABORATIVO

A orixinal e coidada decoración artesanal de Nadal da vila do Arnoia parte, como nos comenta a concelleira de Promoción Económica, dun traballo en equipo dos empregados e empregadas municipais. O electricista do concello, por exemplo, é o que se encarga do alumeado, deseñando incluso escenografías luminosas. Estas luces son do propio concello, non tendo que contratar nada a ningunha empresa de fóra para estas datas.

Porquiños na neve. Foto: XMF
Porquiños na neve. Foto: XMF

Despois, da elaboración e colocación de decorados encárganse traballadores de diferentes áreas do concello e moito do material que necesitan xa vai quedando dun ano para outro. Teñen unha reunión en setembro e valoran que elementos doutros anos poden servir para poder reutilizalos ao tempo que pensan tamén en cousas novas. Do ‘Festival de Xardíns’, por exemplo, aproveitan materiais e estruturas que sobran. Aínda que leva moito traballo para todas e todos, prefiren manter esta filosofía. “O sinxelo sería que unha empresa de fóra o fixese pero nós preferimos facelo así”, afirma María López.

“O sinxelo sería que unha empresa de fóra o fixese pero nós preferimos facelo así”

CONCIENCIACIÓN VECIÑAL

Preguntámoslle á concelleira se nestes anos houbo problemas de vandalismo ou se polo contrario impera a concienciación e o respecto para a conservación dos decorados. A resposta é clara “a xente respecta moitísimo”. Recoñece que algún desperfecto sempre hai, incluso de forma involuntaria, sen malas intencións, pero en xeral os danos a elementos decorativos son anecdóticos.

É máis, cando algún veciño ou veciña atopa algún dano xa avisan ao concello. “Ao mínimo desperfecto a xente avisa e incluso manda fotos dicíndoche ‘mira que en tal sitio falta tal cousa ou mira que alí hai uns rapaces que’...”, comenta María dicindo tamén que “a xente valora o traballo que se fai e sénteo como seu”.

REPERCUSIÓN

A fórmula de apostar pola sostibilidade e traballar co que teñen na casa estalles funcionando moi ben tamén de portas para fóra. Estes últimos anos, Allariz é xa un destino de Nadal para moitas e moitos galegos pero tamén para visitantes de fóra da nosa comunidade.

Neste senso, conta María que dende novembro reciben chamadas para preguntar cando estaría posta a decoración, grupos de viaxe, particulares, etc. E incluso hai xa axencias de viaxe que meten a Allariz no paquete de visita de Nadal para ver as luces de Vigo.

Neste punto preguntámoslle á concelleira se o ‘contraste’ ou ‘a comparación’ con Vigo benefícialles e dinos claramente que “persoalmente o da comparación non me gusta. Nós temos o estilo Allariz e non pretendemos compararnos con ninguén”.

Para rematar, María convida á xente a visitar Allariz, a gozar do día, da decoración de Nadal e da hostalería para que “viva unha experiencia diferente e que lle queden ganas de volver”.

"Nós temos o estilo Allariz e non pretendemos compararnos con ninguén 

PROGRAMACIÓN DE NADAL

A veciñanza e aos/as visitantes gozarán, entre o 17 de decembro e o 8 de xaneiro, dun programa de actividades que incluirá teatro, obradoiros, xogos, música, un monólogo de David Amor e outras actividades propias destas datas como a carreira "A Derradeira Solidaria" ou a cabalgata de Reis.

Moitas serán as alternativas de lecer para a cativada. Unha delas será o teatro, con tres funcións para non perder: o 17 e o 23 de decembro, e o 8 de xaneiro estarán ás 18:00 h. na Casa da Cultura de Allariz as obras Quixote, A Tartaruga e Asemblea Xeral. E o domingo 18 a escola da Banda Unión Musical de Allariz celebrará un concerto pola mañá no mesmo recinto. Outra opcion para as pequenas e pequenos --ata 12 anos-- será o Nadal Parc, un espazo para gozar de inchables, obradoiros e xogos no pavillón do IES de Allariz do 26 de decembro ao 3 de xaneiro.

Para a mocidade está programada o venres 23 o Campo da Barreira un concerto de Son da Rúa e dos Djs Markox e Paulo Seoane a partir das 23:00 h.

A carreira popular "Derradeira Solidaria" celebrarase na mañá do 31 de decembro comezando ás 11:00 h. a de adultos e ás 11:15 h. a infantil. A saída farase dende a Praza Maior.

E xa metidos no 2023, a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro ás 18:30 h. con percorrido dende a Alameda ata o Pavillón do IES de Allariz. E un monólogo de David Amor o día 7 de xaneiro ás 22:00 h. na Casa da Cultura.

María López e Cristina Cid (alcaldesa). Foto: Prensa Concello de Allariz.
María López e Cristina Cid (alcaldesa). Foto: Prensa Concello de Allariz.
Decoración de Nadal en Allariz. Foto: XMF
Decoración de Nadal en Allariz. Foto: XMF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta