Máis de 50.000 persoas coñeceron A Ribeira Sacra este ano nos catamaráns da Deputación de Lugo

O percorrido transcorre polos Canóns do Sil e o río Miño.

Por E.P. | Lugo | 12/12/2022 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia

Máis de 50.000 persoas coñeceron A Ribeira Sacra este 2022, desde o mes de marzo ata este fin de semana, a bordo dos catamaráns que xestiona a Deputación de Lugo polos Canóns do Sil e o río Miño.

Ruta polos Canóns do Sil
Ruta polos Canóns do Sil | Fonte: DEPUTACIÓN DE LUGO.

Segundo indicou o goberno provincial, en total esta tempada foron 51.420 os usuarios que realizaron estas rutas fluviais coñecendo desde un punto de vista diferente ese enclave natural que é Reserva da Biosfera pola Unesco.

Así, detallou que na ruta do Canón do Sil que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil en Monforte de Lemos, rexistraron un total de 39.929 persoas, e na de Cabo do Mundo, con saída de Santo Estevo de Belesar foron 11.491 viaxeiros.

"Son datos moi bos que afianzan o modelo de turismo polo que apostamos desde a institución, un turismo de calidade, proximidade e non masificado capaz de atraer visitantes durante todo o ano", remarcou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que informou este luns sobre as cifras.

Ademais, o grao de satisfacción dos participantes segundo os resultados obtidos dunha mostra de 1.520 enquisas que realizaron 'en liña' "son moi favorables" e supoñen "un importante polo de atracción turística da provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra", sinalou García Porto.

Nesta liña, detallou que a actividade do catamarán da Deputación "foi para preto do 42% dos participantes a súa actividade principal durante o seu paso polo territorio".

PERFIL DOS VISITANTES

Con todo, remarcou outro "dato importante" e é que preto do 80% dos usuarios visitaron por primeira vez a Ribeira Sacra na súa viaxe, mentres que máis do 25% repetía experiencia.

En canto aos perfís dos usuarios foron pequenos grupos de familias ou amigos, así como viaxeiros galegos e doutras comunidades autónomas.

"Estamos a notar unha tendencia á alza deste perfil de pasaxeiros que veñen especialmente nun 98% de toda España, e de Galicia, pero tamén estamos a rexistrar unha repunta de pasaxeiros internacionais", explicou García Porto.

Finalmente, os participantes valoraron "moi positivamente" a calidade do servizo que recibiu a máxima puntuación alcanzando os catro puntos. Ademais, os viaxeiros destacaron, entre outros, a atención telefónica do persoal na central de reservas, e nas oficinas de información, así como a calidade da información que reciben abordo da embarcación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta