As menores de 16 anos poderán abortar sen permiso paterno

O Pleno do Congreso deu luz verde este mércores á reforma impulsada polo Ministerio de Igualdade, cos votos en contra de PP, Voz e Ciudadanos, que denuncian a inconstitucionalidade do texto.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 15/12/2022 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

O Pleno do Congreso deu luz verde este mércores, cos votos en contra de PP, Vox e Ciudadanos, á reforma impulsada polo Ministerio de Igualdade que recupera o texto aprobado en 2010 e que permite ás menores de 16 e 17 anos a abortar sen permiso paterno. O texto continuará agora a súa tramitación no Senado.

O texto elimina a obrigatoriedade de informar as mulleres que acudan solicitando esta práctica e os tres días de reflexión e inclúe medidas para garantir que esta práctica se realice nos centros públicos de saúde. Para iso, crearase unha lista de profesionais obxectores de conciencia, igual á que xa se aprobou no seo da Lei de Eutanasia aprobada nesta lexislatura.

Ademais, recolle a distribución gratuíta da pílula do día despois en centros de saúde e de servizos de saúde sexual e reprodutiva, a promoción de métodos de anticoncepción masculina, dereitos relativos á saúde menstrual das mulleres en todas as etapas da vida, unha baixa específica para as mulleres que teñan regras moi dolorosas e incapacitantes, a repartición de produtos de hixiene menstrual en institutos, prisións, centros da muller, centros cívicos ou centros sociais, ou a obrigatoriedade de impartir educación sexual en todas as etapas educativas.

A Lei tamén contén medidas para fomentar as boas prácticas en todas as etapas do embarazo, especialmente, no parto e no postparto, entre elas, a incorporación dunha baixa preparto desde a semana 39 de xestación, que non consumirá ningún día do permiso de maternidade.

Do mesmo xeito, prohibe a publicidade e o labor das axencias que promocionan a xestación subrogada. Unha actividade que é ilegal en España.

COMITÉS CLÍNICOS SEN OBXECTORES

Durante a tramitación do texto, engadíronse ademais novas medidas. Por exemplo, nos comités clínicos non se permitirá que ningún dos seus membros estea no rexistro de obxectores ou estivese no mesmo no últimos tres anos. Tampouco se permitirá que estes comités teñan a última palabra na interrupción do embarazo a partir da semana 22, senón que a paciente poderá recorrer en vía xurisdicional a súa decisión en caso de non estar de acordo.

Con estas modificacións incluíuse, ademais, un punto polo que se prohibe a subvención a aquelas organizacións "contrarias ao dereito" ao aborto e outro para eliminar as sancións a médicos que practiquen abortos sen respectar o período de reflexión e sen dar información aos seus pacientes sobre políticas activas de apoio á maternidade. Ademais, o texto recolle o acceso aos permisos de maternidade ou paternidade nos acollementos temporais e de urxencia, que se limitaban aos superiores a un ano.

Do mesmo xeito, na sesión do Pleno deste mércores, incluíuse unha emenda de Junts pola que se modifica a disposición final cuarta da Lei de Garantía da Liberdade Sexual, coñecida como Lei do 'só si é si', para endurecer as penas nos casos nos que se use a imaxe, sen o seu consentimento, de menores e persoas con discapacidade para crear perfís falsos en webs de contactos ou pornografía. Con esta medida, obrígase aos xuíces a impor a metade superior da pena nestes casos.

PP E VOX DENUNCIARON A SÚA INCONSTITUCIONALIDADE

Dous dos tres partidos que votaron en contra da reforma, PP e Vox, advertiron ao Goberno e ao Parlamento de que o texto é "inconstitucional". Os 'populares', ademais, cualificaron a lei de "atropelo lexislativo", de "innecesaria" e de "inoportuna"; mentres que os de Abascal lamentan que se recoñeza o aborto "como un dereito humano" e que o Executivo estea "a invertir o sistema de valores".

Ciudadanos, pola súa banda, mostrouse contrario aos puntos da norma relacionados coa xestación subrogada. Con eles, segundo explicou, o Goberno entra na "moralización" que "sinala co dedo" e "di ás mulleres que poden ou non facer co seu corpo".

Manifestación en defensa do aborto en Vigo
Manifestación en defensa do aborto en Vigo | Fonte: @gzcontrainfo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta