Cales son as gasolineiras máis baratas nas sete cidades?

O litro de gasóleo A máis barato está en Lugo, a 1,459 euros.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/12/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O prezo do combustible leva xa máis dun mes á baixa e, lonxe de estabilizarse, parece que continuará nesa senda. Así, se decembro comezou cun coste por litro de gasoil de 1,784 euros, actualmente encóntrase nos 1,682 euros de media en Galicia. Se a isto lle sumamos os 20 céntimos de subvención do Goberno (que previsiblemente rematará o 31 de decembro ao estabilizarse os prezos), a día de hoxe págase a 1,482 cada litro repostado.

Varios coches enchen nunha gasolineira, o día en que entrou en vigor a rebaixa de 20 céntimos no litro da gasolina
Varios coches enchen nunha gasolineira, o día en que entrou en vigor a rebaixa de 20 céntimos no litro da gasolina | Fonte: Alberto Ortega

Agora ben, hai estacións de servizo nas que mesmo se pode pagar menos, pois aínda que uns céntimos de diferencia entre unhas e outras poidan parecer pouco, non o son cando queres encher un depósito de 50 litros dúas veces ao mes, por poñer un exemplo. E é que encher depósito a ese prezo sairache por 74,1 euros. Hoxe descubrímosche cales son as gasolineiras máis baratas das sete cidades galegas. Colle papel e boli e anota!

SANTIAGO:

Comezando pola capital galega, en Santiago podemos atopar estacións de servizo 11 céntimos máis baratas que a media. Así, a que sae máis económica sería a Plenoil localizada na Rúa Polonia, no Polígono industrial de Costa Vella, onde por cada litro pagarás 1,596 euros (encher 50 litros de depósito costarache 78,45 sen subvención e 68,45 con ela, un aforro de 5,65 euros con respecto da media). Polo mesmo prezo exactamente tamén podemos repostar na Petroprix da Rúa de Amio.

Por detrás deses prezos, o máis competitivo estaría na estación de servizo SBC, ubicada na Calle Cruceiro Do, onde o litro está a 1,578 euros (78,90 euros por depósito de 50 litros ou 68,9 descontando os 20 céntimos). En terceiro lugar, o menor prezo pagaríase nas gasolineiras GALP, unha ubicada na Rúa do País Vasco e outra en Xoán Carlos I, onde o litro quédase en 1,648 euros (82,4 euros para un depósito de 50 litros ou 72,4 tras aplicar a subvención).

Como se pode observar, mesmo entre as gasolineiras más baratas da capital hai unha diferenza notable á hora de repostar unha gran cantidade de litros, pois a diferenza por encher o depósito vai ata os 4 euros. Imaxínate se en lugar diso vas ás máis caras.

VIGO:

Na cidade olívica os prezos mesmo parten dun punto máis barato que en Santiago. De feito, Autoretoil, na Avenida Florida, oferta o litro de gasóleo A a 1,539 euros, o que supón pagar de maneira efectiva só 1,339 (encher o depósito custaríache 66,95 euros). Mentres que por un pouco máis, e aínda estando en custes menores que a capital, podes repostar por 1,547 euros o litro en calquera das gasolineiras Plenoil ubicadas na Rúa do Gandarón e na Calle Estrada de Moledo (coa subvención aplicada serían 1,347, polo que 50 litros sairían a 67,35 euros).

Xa chegando a prezos máis semellantes aos de Santiago, por 1,587 euros o litro pódese encher o depósito na estación de servizo que Petroprix ten na Avenida Ricardo Mella (pagaríase por repostar 50 litros tras incorporar a subvención dos 20 céntimos do Goberno central uns 69,35 euros). Neste caso estaríamos falando de desembolsar 2,4 euros máis que na gasolineira máis barata de Vigo, a Autoretoil.

A CORUÑA:

Pasando á urbe herculina, atopámonos con máis do mesmo. Ten precios moi difíciles de abaratar. De feito, a estación de servizo máis barata, a Plenoil da Rúa Severo Ochoa, non pasa dos 1,489 euros o litro, o cal supón baixar xa de euro e medio (coa subvención pagaríanse 1,289 euros o litro, e custaría encher o depósito de 50 litros 64,45 euros). 

Como segunda opción habería que irse ata os 1,519, o que sigue sendo máis barato que Santiago e Vigo. Por este prezo poderías repostar tanto en Miramar Oil, na Rúa Isaac Peral; como en Petrocash Bens, na Avenida Finisterre; ou na Carbugal Coliseum, na Rúa Francisco Pérez Carballo. Tres opcións para que non pagues máis aló dos 65,95 euros. E por dez céntimos máis, a 1,529, terías tamén a Autonetoil da Rúa Isaac Peral (subiríase o depósito completo aos 66,45 euros). 

PONTEVEDRA:

Na cidade das pontes o prezo encarécese máis que na Coruña, pero é máis barato que Santiago e Vigo, puidendo repostar a 1,537 euros o litro nalgunha das estacións de servizo Gvoil que se atopan na estrada C-531 Pontevedra-Vilagarcía (deste xeito 50 litros custarían tras aplicar o desconto dos 20 céntimos 66,85 euros). 

De aí xa habería que subir do 1,6 para atopar outras opcións: por 1,619 euros o litro estaría a área de servizo Lugar o Arco, nesa mesma dirección (70,95 euros por cincuenta litros; e por 1,649 a gasolineira JLLowcost do Polígono O Campiño (72 euros por cincuenta litros). Neste caso si se observa gran diferencia de prezo entre a primeira e a terceira opción á hora de encher o depósito: 5,15 euros. 

LUGO:

En Lugo a cousa cambia radicalmente. Se en A Coruña xa parecía barato pagar 1,489 euros por litro respostado, na urbe de interior o mínimo baixa ata os 1,459 euros, que se pagan nas estacións de servizo Petroprix da Avenida Infanta Elena e na Plenoil da Avenida Benigno Rivera (así o enchido completo do depósito de 50 litros tras descontar os 20 céntimos sae a 62,95 euros). 

Un pouco máis encarecida, pero aínda sendo das máis baratas das grandes cidades, estaría a gasolineira Eroski, tamén na Avenida Infanta Elena, que ten a 1,517 euros o litro de gasóleo A (se queres encher o coche custarache 65,85 euros). E en terceiro lugar xa habería que irse a un prezo de 1,529 euros por litro que se cobran na Lugo Shell Express ubicada na Avenida Benigno Rivera (66,45 euros por 50 litros). Parece que nesta cidade as gasolineiras baratas concéntranse nas mesmas rúas.

OURENSE:

Xa en Ourense, barállanse prezos moi parecidos aos de Pontevedra, aínda algo por debaixo. A estación de servizo máis asequible sería a de Plenoil situada na Rúa Marcelo Macías, cun custe de 1,517 o litro de gasoil (que se quedaría en 1,317 euros ao aplicar a subvención do Goberno, o que levaría ao desembolso de 65,85 euros para encher un depósito de 50 litros).

Despois si que xa nos vamos a prezos algo máis elevados, como os 1,595 euros que custa o litro na estación de servizo O Pino, ubicada na estrada N-120 (repostar totalmente sairía por 69,75 euros). E seguidamente xa habería que pasarse moito do que podemos considerar económico, chegando aos 1,635 euros que piden polo litro na estación de servizo O Viso, na estrada N-525 (71,75 euros 50 litros). Esta última contía achégase xa ao prezo medio do combustible en Galicia. 

FERROL:

Para finalizar coas sete grandes cidades, temos a Ferrol, onde os prezos se disparan ata a media galega e aínda a superan. Así, a gasolineira máis barata sería a de Alcampo ubicada no Polígono da Gándara, que xa custa 1,650 euros o litro (a pouco menos de 3 céntimos da media galega, o que levaría a un desembolso de 72,5 euros por encher o depósito de 50 litros).

Seguiríalle, xa mesmo por riba da media de prezo de Galicia o custe da estación de servizo de Carrefour, na Rúa Buque Escuela Giralda, a 1,699 euros (74,95 euros 50 litros); e a Cepsa da estrada de Castilla, que chega xa aos 1,701 euros (75,05 euros 50 litros). Como se observa, en todos os casos para encher o depósito habería que deixarse máis de 70 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta