A alta velocidade Madrid-Ourense aforrará outros cinco minutos en 2024

A variante exterior do AVE en Ourense terá terminados os seus dous primeiros tramos no ano 2024, segundo avanzou este venres a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 16/12/2022 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A variante exterior do AVE en Ourense terá terminados os seus dous primeiros tramos no ano 2024, segundo avanzou este venres a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera.

A responsable do Ministerio de Transportes visitou as obras do túnel de Rante, no municipio ourensán de San Cibrao de Viñas, que forman parte da variante exterior do AVE na capital provincial.

O investimento nestas obras supera os 100 millóns de euros e, grazas a elas, "recortarase en 5 minutos" o tempo de viaxe entre Madrid e Ourense "para 2024", aínda que posteriormente haberá que completar a estrutura con actuacións como a superestrutura da vía, a sinalización e a electrificación.

"Este trazado parécenos fundamental", aseverou a secretaria de Estado, que fixo fincapé en que se trata da "entrada do AVE a Galicia en termos de viaxeiros" e que, ademais, "vai máis aló da redución do tempo de viaxe" porque cobra importancia á hora da "xestión das incidencias".

Así, dixo que unha vía única, como é a liña de alta velocidade Madrid-Ourense, é "moito máis difícil" á hora de xestionar cando existen incidencias en varios trens ao tratarse "dunha dobre vía electrificada", polo que resaltou a importancia "técnica" desta actuación.

Neste senso, confirmou que o prazo de finalización que está no horizonte é o ano 2024, aínda que despois faltarán outros tres tramos para completar os 18 quilómetros da variante.

A construción da plataforma de integración urbana e acondicionamento da rede ferroviaria de Ourense realízase actualmente en dous tramos, Taboadela-Túnel de Rante e Túnel de Rante-Seixalbo. Os outros tres tramos que forman parte da variante son Seixalbo-Seixalbo, Seixalbo-Túnel de Montealegre e o Túnel de Montealegre-Estación de Ourense.

Así pois, polo momento avanzan as obras no primeiros oito quilómetros de trazado que corresponden a 5,6 quilómetros entre Taboadela e Rante e 2,3 desde Rante a Seixalbo. "Estas obras de gran complexidade están a exportarse ao resto do mundo, e iso é digno de sinalar e de felicitar", concluíu Pardo de Vera.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

En canto ás características técnicas, o encargado de expolas foi o director xeral de Adif, Juan Pablo Villanueva, que explicou que o túnel de Rante farase cun deseño para dobre vía electrificada de ancho estándar, en ancho de plataforma de 13,6 centímetros e eixo de 4,30 centímetros.

Así, sinalou como "estrutura singular" do trazado este túnel que, explicou, será un monotubo para vía dobre de 3,410 metros de lonxitude e 85 metros cadrados de sección, con tres saídas intermedias de emerxencia, obrigatorias, con saída directa ao exterior.

Ademais, outras estruturas incluídas no tramo son tres viadutos sobre o río Taboadela, o río Mesón de Calvos e o de Regueiro de San Benito, así como dous pasos inferiores. Así mesmo, a nova plataforma discorrerá por encima do túnel de Áspera, da liña convencional Zamora-Ourense para evitar afeccións sobre o terreo.

Tamén se empregará outro viaduto para salvar a estrada OU-105 e executarase un viaduto de 30 metros, dun só van, para solucionar o cruzamento a distinto nivel coa estrada entre Bemposta e a N-525 que executa a Xunta de Galicia.

Tren que efectuou a primeira viaxe polo novo tramo de alta velocidade Pedralba de la Pradería-Ourense
Tren que efectuou a primeira viaxe polo novo tramo de alta velocidade Pedralba de la Pradería-Ourense | Fonte: Jesús Hellín

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta