A matemática Elena Vázquez Cendón recibe o Premio Wonenburger

É premiada pola súa carreira investigadora e o seu papel na divulgación desta rama da ciencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

A matemática e investigadora Elena Vázquez Cendón (Ourense, 1966) recibiu este martes o Premio Wonenburger pola súa carreira investigadora e o seu papel na divulgación desta rama da ciencia.

A matemática ourensá María Elena Vázquez Cendón
A matemática ourensá María Elena Vázquez Cendón | Fonte: XUNTA DE GALICIA.

No acto celebrado este martes en Santiago de Compostela participaron o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que apostaron por unha ciencia en igualdade "que sexa sinónimo de máis oportunidades laborais e que aposte polo talento galego".

Así mesmo, Diego Calvo puxo en valor o traballo da Unidade de Muller e Ciencia que desde 2007 recoñece co Premio María Josefa Wonenburger a mulleres galegas pioneiras e referentes na ciencia e na tecnoloxía para facer chegar á sociedade as súas contribucións.

Pola súa banda, a conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, apuntou que a diversidade achega novas perspectivas, talento, creatividade e máis oportunidades e, por iso, indicou que o Goberno galego apoiará unha ciencia do futuro que sexa "feminista, integradora e humanista". Ademais, afirmou que a igualdade é "un torrente de desenvolvemento" para a ciencia "clave para o progreso da sociedade".

Da premiada, Lorenzana destacou o seu labor pola vocación e vontade de resolver problemas cotiáns para mellorar a vida e puxo en valor os seus estudos por estar vinculados ás súas raíces galegas e cun elemento común, a auga. Apuntou ademais que o galardón recoñece tamén o seu traballo coa mocidade para que "as futuras xeracións cheguen a ser o que queiran ser".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta