Curadores, humanistas e galeguistas

Dixo alguén que as bibliotecas son como inmensas voces e silandeira coral na que a voz dos antigos se mestura doadamente coa voz dos contemporáneos. Son a tertulia inmóbil, a que non ten fallos posibles, que nos informan e indican con sabedoría das razóns e os por ques de moitas cousas e causas.

Por Xosé Glez. | Redondela | 28/11/2014

Comparte esta noticia
Concordo con esa reflexión porque eu mesmo adoito manter ese diálogo permanente coa miña. Dese parladoiro íntimo tirei abondosa información sobre a existencia dunha  medicina humanista en Galicia. Atopei  respostas no doutor Varela de Montes, o mestre en quen a prestixiosa Escola Médica de Santiago tivo seu filósofo, expositor, seu clínico de continuados e sereos lucires, como moi ben dixo del Otero Pedrayo; en Rof Carballo, estudoso da medicina sicosomática, o albiscador do trasfondo do doente galego; en Roberto Nóvoa Santos, a eminencia da antropoloxía médica que a ciencia galega perdeu prematuramente; en Ramón Obella Vidal, un médico preocupado polo artellamento dunha industria farmacéutica de noso; en Domingo García Sabell, ollo avizor das doenzas da nosa idiosincrasia, sempre atento ao trasmundo do doente; en Antón Beiras García, médico e investigador, que curou o ollo birollo co seu instrumento que el denominou “Vigoscopio”; en Puente Castro, Novo Campelo, Rodríguez Cadarso, Carrero Nine, Antonio e Ramón Baltar, Villamil, Arijón,etc.,todos eles integrantes da “Fonte limpa” que así foron chamados polas xentes que acudían a eles convencidos de procuraren remedios para os seus males.
 
A esa escola de médicos humanistas hai que agregar a nómina extensa de médicos rurais na que teñen lugares sobranceiros os doutores Gonzalo Gurriarán e Manuel Reimóndez Portela, que levados polo seu entusiasmo superaron as limitacións dos tempos de penurias e crearon clínicas nas que practicaban algunhas intervencións cirúrxicas,  e moitos outros que David Simón Lorda glosa no seu libro  dedicado ao estudo dos médicos represalidados na provincia de Ourense.
 
A pregunta que nos facemos hoxe é se queda algo das súas ensinanzas, e se aínda podemos  atopar continuadores desa escola. Cómpre dicir que os tempos de entón nada teñen que ver cos de hoxe, porén a memoria do seu exemplo debemos estudala e preservala porque foron brillantes profesionais que identificaron o seu prestixio científico coa defensa de Galicia e os seus  valores patrimoniais, que aos máis deles pagarono ben caro co exilio, a marxinación no interior  e, en moitos casos, a eliminación física.
 
A Irmandade da Sanidade Galega, que quere recoller o exemplo e ensinanzas desa tradición humanística e galeguista, vai homenaxear  ao doutor Xosé M. López Nogueira, epígono daquela xeración de profesionais da medicina silenciada ou trasterrada, polos seus moitos ensaios e traballos de investigación expresados  en lingua galega. O acto celebrarase o próximo día 29 en Santiago de Compostela coa descuberta dunha placa conmemorativa na casa onde morou e tivo consulta, e posteriormente cun acto académico no salón de graos da Facultade de Medicina.
 
Un ano máis, medio cento de profesionais da sanidade ingresarán na Irmandade pronunciando o ritual compromiso de prestaren os seus servizos en lingua galega nun exercicio de coherencia cunha sociedade que se expresa nela maioritariamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA