Cine e series: as cidades compiten por atraer rodaxes para a súa promoción turística

As Rías Baixas, a cidade da Coruña e o Camiño son os escenarios que máis e mellor recordan e valoran os espectadores de filmes e series rodados en Galicia. Vigo e Compostela son as urbes galegas con máis segundos de rodaxe. Madrid segue sendo o principal núcleo para filmacións en España.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2022 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

O multipremiado filme ‘As bestas’ de  Rodrigo Sorogoyen, a serie ‘Un asunto privado’ de Amazon Prime Video ou a película ‘Un home de acción’ dirixida por Javier Ruiz Caldera son algunhas das últimas e máis comentadas estreas audivisuais rodadas en Galicia. E, como ben saben en Nova York, a cidade máis coñecida do mundo, poida que non haxa maior e mellor plataforma para a promoción turística dunha urbe ou territorio que o cine e as series de televisión. Até o punto de que as obras audiovisuais ben valoradas polos espectadores causan unha percepción positiva da imaxe das cidades visionadas en series e filmes, segundo un estudo realizado por investigadores das universidades de Vigo e Barcelona. De aí as grandes disputas entre localidades por dar a mellor oferta como espazos para rodaxes. No Estado español, segundo outro estudo realizado por expertos das universidades de Málaga e Carlos III de Madrid hai tres grandes áreas territoriais de rodaxe: a Rexión de Madrid, as cidades costeiras e a España interior.

Rodaxe da serie Vidago Palace
Rodaxe da serie Vidago Palace | Fonte: portocabo

No caso do primeiro estudo, titulado ‘Imágenes turísticas de las ciudades españolas a partir de la ficción audiovisual’, analizouse, mediante unha enquisa, a percepción dalgunhas urbes por parte dos espectadores que son os escenarios principais de longametraxes e series de ficción.

Máis do 70% dos espectadores de filmes e series afirman fixarse nos lugares que van aparecendo durante a trama e case a metade busca sempre información sobre estes

Particularmente, tentouse observar se os espectadores perciben os lugares ou destinos turísticos durante o visionado das longametraxes e series, verificar se vincula destinos turísticos a longametraxes e series, analizar a predisposición do espectador para visitar un lugar nesas obras, verificar se o nivel de satisfacción cunha longametraxe ou serie inflúe na predisposición a coñecer os lugares visionados no mesmo e coñecer que cidades no Estado español teñen maior posicionamento na mente do espectador polo visionado de produtos audiovisuais.

En definitiva, tratouse de analizar “como as producións audiovisuais, en especial longametraxes e series, se converten en verdadeiros influenciadores na imaxe dos destinos turísticos”, explican os seus autores Eugeni Osácar Marzal (Universidade de Barcelona) e José Antonio Fraiz Brea e Noelia Araújo-Vila (Universidade de Vigo).

ESCAPARATES TURÍSTICOS

Para levar a cabo a investigación, selecciónanse en primeiro lugar as cidades que ían ser obxecto de análises. Para isto, comprobaron a produción audiovisual máis recente a nivel estatal e as cidades emprazadas nela, onde destacan sobre as demais con maior presenza: A Coruña, Barcelona, Málaga, San Sebastián, Sevilla, Toledo, Valencia, e as illas de Gran Canaria, Mallorca e Tenerife, todas elas elixidas para este estudo. De acordo cos datos presentados neste estudo, entre elas, destacan por número de filmes e series rodadas, por esta orde, Madrid, Barcelona, Málaga e Sevilla. Situación que prácticamente coincide coa clasificación de cidades con maiores buscas de apartamentos por turistas, con Madrid primeira, seguida de Barcelona e Málaga, e Sevilla na quinta posición (neste caso, a cuarta é Almería).

Ante estes datos, os investigadores consideraron “excluír a cidade de Madrid, xa que ao representar o 70 % das rodaxes (filmes e series) españolas no período 2015–2019, desvirtuaría a mostra por ter xa unha imaxe e posicionamento sólido como capital do país”, argúen.

A enquisa realizouse entre decembro de 2021 e marzo de 2022 a 334 espectadores, a inmensa maioría de 11 comunidades autónomas, pero tamén un 2,5 % de enquisados doutros países, concretamente Arxentina, Italia e Ecuador).

O 73,9 % dos espectadores enquisados pensou visitar algún destino tras velo nunha serie ou filme e máis dun terzo xa o fixo

Os resultados da enquisa demostrarían que “o uso dun filme como escaparate dun destino/cidade é claramente unha boa oportunidade para dalo a coñecer”, así como que “a aparición dunha cidade nunha película ou serie pode influír na imaxe da cidade”. Polo tanto, “a percepción de destinos turísticos en series e longametraxes, así como a vinculación do espectador ao destino, é alta”, explican os autores do estudo.

Os resultados obtidos tamén evidencian que durante o visionado dunha serie ou película a maioría dos espectadores se fixa nos lugares que van aparecendo durante a trama. En concreto, un 72,1% dos enquisados afirman facelo.

Ademais, “móstrase certo interese en pescudar os lugares nos que se gravou unha serie ou película visionada”, comentan os investigadores, cun 46,7 % dos enquisados que din que sempre o fan. 

‘FARIÑA’, UNHA SERIE QUE DEIXOU PEGADA

Hai, entón, predisposición a visitar un destino visionado nunha serie ou longametraxe? E nos casos nos que se visitaron, cumpríronse as expectativas?

Unha “parte considerable da mostra” considerou visitar os lugares visionados, sendo máis acentuada a predisposición nos casos das series, fronte aos filmes, “aínda que as diferenzas entre ambos os produtos non son elevadas”, apuntan os autores.

No que respecta a películas e series que os enquisados tiveron en mente, “as respostas foron moi variadas”. Entre os filmes, os que se mencionaron en máis dunha ocasión foron ‘Sexo en Nova York’, ‘A saga de Harry Potter’, ‘Oito apelidos vascos’ e ‘Spiderman’. En canto a series, ‘A desorde que deixas’, ‘Xogo de Tronos’, ‘The Office’, ‘A casa de papel’, ‘Hierro’ e Downton Abbey foron as máis mencionadas, canda a serie ‘Fariña’, rodada en Galicia e baseada no libro homónimo de Nacho Carretero sobre a historia do narcotráfico en Arousa.

Ao analizar que parte dos enquisados pensaron visitar algún destino tras velo nunha serie ou película, viuse que o 73,9 % dos espectadores así o fai, o cal é un “dato moi positivo para este estudo”, salientan os investigadores.

No que respecta a cal sería o destino elixido relacionado coas series, os principais foron Nova York, Irlanda, Los Ángeles, País Vasco, El Hierro (Canarias), París, Asturias, Londres e Nova Zelandia (esta última, por ‘O Señor dos Aneis’). Curiosamente, Irlanda e Euskadi comparten ‘Xogo de Tronos’ como serie que inspira viaxes a estes territorios.

“Agúns dos enquisados citan destinos como Vilagarcía de Arousa polas series ‘Fariña’ ou ‘Narcos’"

No caso de individuos que xa viaxaron a un destino tras visionalo nunha serie ou película, o resultado obtido foi “positivo”. De feito, máis dun terzo, o 35,3 % da mostra, xa o fixo. Os destinos máis repetidos foron Girona (por ‘Xogo de Tronos’), Lastres, en Asturias (por ‘Doctor Mateo’), Madrid (por ‘La casa de papel’), Venecia (por Spiderman), Santander (por ‘Airbag’), Verona (por ‘Cartas a Julieta’), Roma por (por ‘Gladiator’), París (por ‘Amélie’ e ‘Midnight in Paris’) e Londres (por ‘Harry Potter’).

CIDADES EN ESPAÑA CON MAIOR POSICIONAMENTO AUDIOVISUAL

Como se explicou anteriormente, para o estudo seleccionáronse dez localizacións: A Coruña, Barcelona, Málaga, San Sebastián, Sevilla, Toledo, Valencia, e as illas de Gran Canaria, Mallorca e Tenerife. A idea era coñecer cales son as películas e series máis representativas e coñecidas por parte do espectador de cada un destes destinos.

Os resultados da enquisa mostran que Barcelona, Sevilla e A Coruña son as máis recoñecidas tanto a nivel películas como de series.

Preguntouse ademais aos enquisados por cidades do Estado que non visitaron pero que coñecían por unha serie ou película. As cidades máis repetidas, de maior a menor frecuencia foron: Sevilla, Madrid, San Sebastián, Xirona e Tenerife. Pero tamén foron citadas outras, como Granada, Eivissa, Mallorca ou Ávila. “Mesmo algúns dos enquisados citan destinos que non son propiamente cidades, como Vilagarcía de Arousa polas series ‘Fariña’ ou ‘Narcos’, A Rioxa por ‘Gran Reserva’, as Rías Baixas’ ou diferentes localizacións galegas das etapas finais do Camiño de Santiago polo filme ‘Ao final do Camiño’”, describen os autores do estudo.

O estudo analiza tamén a percepción dos espectadores sobre cales son as cidades con especial presenza en cine ou series, “posicionándose Madrid nunha clara primeira posición, seguida de Barcelona”, comentan os investigadores. De feito, Madrid foi a cidade identificada polo 65% dos enquisados e Barcelona, polo 27%; a terceira é Sevilla, cun 4%.

ESTRATEXIA DE MARKETING

Os datos do estudo e as evidencias existentes demostran que posicionarse como escenario de rodaxe se está utilizando cada vez máis, como din estes autores, como “unha estratexia de márketing” desde gobernos locais, provinciais e autonómicos”.

“Atraer a rodaxe de series ou filmes axuda positivamente á difusión da imaxe do destino, e mesmo a inducir atributos positivos"

“Pódese afirmar que usar unha película ou unha serie de modo intencionado como escaparate para un destino ou cidade é unha boa vía para dala a coñecer”, comentan os autores do estudo. Por iso, consideran que “os entes xestores de destinos deberían ter en conta o uso do sector audiovisual como parte da súa estratexia comunicativa e promocional”, xa que “atraer a rodaxe de series ou filmes a un destino axuda positivamente á difusión da imaxe do destino, e mesmo a inducir atributos positivos na súa imaxe para os espectadores, e á súa vez, potenciais turistas”.

Con todo, apuntan, os responsables dos destinos turísticos deberían “analizar a imaxe proxectada polas producións audiovisuais en relación coa imaxe que o destino quere posicionar”.

Por último, aconsellan incluír información sobre as series e filmes rodados nas plataformas informativas do destino, como sitios web e redes sociais, como “vía para atraer a este tipo de espectadores, e que cheguen aos portais do destino a través das procuras sobre series e películas en navegadores convencionais”, conclúen.

TERRITORIOS CON MÁIS RODAXES

Paralelamente a este estudo, vén de publicarse outro que completa este panorama. Titulado ‘Spanish cities as filming locations: analysis and spatial distribution’, este traballo identifica tres grandes áreas territoriais de rodaxe no Estado: a Rexión de Madrid, as cidades costeiras e a España interior.

O obxectivo deste traballo foi mostrar a distribución espacial das cidades españolas atendendo ao seu distinto grao de proxección cinematográfica. Para iso seleccionouse unha mostra de 178 longametraxes. Tras o seu visionado, xeolocalizáronse 3.071 clips rodados en exteriores nestas películas, entendendo oir clips “fragmentos rodados en exteriores cunha duración e xeolocalización precisa”, precisan os autores.

“A información procedente das películas mellor valoradas evidencia a existencia dun conxunto de cidades españolas cunha limitada difusión cinematográfica”, comentan os investigadores, que basearon o seu estudo en rexistros da famosa plataforma IMDb, con “numerosos e variados campos de información valorados para cada produción cinematográfica, incluídos os lugares de rodaxe”, xustifican.

Así, recuperáronse rexistros das producións de ficción nas que aparecen topónimos de Estado español no campo de información do lugar de rodaxe. “Mediante este amplo conxunto de películas filtrouse, revisouse e normalizouse a información sobre localizacións xeográficas no rexistro correspondente a cada película. Unha vez rematado, conseguiuse un grupo de 5.127 filmes, para o que se fixo un mínimo de enfoque espacial, con información sobre lugares de rodaxe por provincia española. Deste conxunto obtivéronse 7.710 rexistros cinematográficos, xa que nalgunhas películas aparecen dúas ou máis provincias”, detallan.

Considerouse, ademais, empregar as puntuacións de valoración dos usuarios na plataforma IMDb para cada longametraxe cun mínimo de 750 votos.

Por segundos de rodaxe, case a metade teñen lugar en Madrid, seguida de Barcelona e Sevilla; en Galicia destacan Compostela e Vigo

“Unha vez establecidos os criterios de clasificación cinematográfica, analizamos aquelas películas que a 31 de decembro de 2018 tiñan unha valoración entre 7 e 10. Así, o extenso grupo de producións de ficción audiovisual en España quedou reducido a unha mostra significativa de 178 filmes que máis interesan tanto aos espectadores nacionais como estranxeiros. A selección destas películas e a redución da lista a un número operativo permitiu que fosen visualizadas en detalle polos membros do equipo de investigación e traballo dos proxectos FACES e FICMATUR”, describen os responsables da investigación, que, despois das visualizacións, elaboraron un novo arquivo de clips dos filmes visionados nos que as actuacións se desenvolvan en localizacións exteriores ou en infraestruturas de transporte (aeroportos, estacións de tren, etc.), descartando rodaxes en interiores. O equipo analizou os clips localizados en cidades, entendidas como núcleos de poboación de máis de 10.000 habitantes. A mostra definitiva compúxose finalmente por 3.071 clips das 178 longametraxes analizadas.

Madrid, sobre todo, e Barcelona son, con gran diferenza, as cidades con máis rodaxes. No caso da capital española, son 89 das 178 analizadas, “aínda que isto non quere dicir que estas películas se rodasen exclusivamente nesta cidade”, apuntan os responsables do estudo. No caso de Barcelona xa caen a 26 e en Sevilla, terceira, contabilizaron 13 rodaxes. Na lista das dez urbes con máis escenarios de filmes non aparece ningunha galega.

Das 178 películas analizadas, comprobouse que un terzo delas, o 29,3%, foron rodadas en máis dunha comunidade autónoma e o 34,5%, en dúas ou máis provincias.  Segundo estes expertos, co seu estudo “pódese confirmar a limitada dispersión dos lugares de rodaxe por filme, xa que máis de dous terzos das producións cinematográficas rodan as súas escenas exteriores nunha única provincia”.

Se se ten en conta a duración total das rodaxes (152.645 segundos), case a metade delas teñen lugar no municipio de Madrid (70.047 segundos), unha notable distancia por diante do resto de cidades: Barcelona (con 17.030 segundos) e Sevilla ( 8.618 segundos). En Galicia, por segundos de rodaxe, destacan Santiago de Compostela e Vigo.

A distribución territorial das rodaxes en exteriores nas cidades ponderándoas segundo a súa duración en segundos mostra tres grandes áreas no Estado: “Madrid e a súa contorna metropolitana, as zonas costeiras urbanas (incluídas as dos arquipélagos) e, por último, as cidades do interior peninsular”, sinalan os investigadores.

Os investigadores destacan de Galicia a Ría de Vigo, “un punto clave da costa galega, en contraste coas limitadas imaxes das Rías Altas”

No caso das urbes do litoral, en 66 concellos, dos 252 con máis de 10.000 habitantes, rodáronse unha gran diversidade de películas, que suman un cuarto do tempo total de rodaxe acumulado por todos os clips analizados. Con todo, “existen diferenzas considerables entre as costas, xa que a maioría das imaxes proxectadas corresponden a cidades da costa de Levante, xunto coa costa atlántica andaluza”, destacan os investigadores, que ven no clima un factor clave que “facilita o traballo das rodaxes exteriores nas producións cinematográficas”, pero tamén “contar cunha infraestrutura de produción cinematográfica propia” e a “facilidade de acceso á maioría dos principais aeroportos e autoestradas con zonas céntricas como Madrid e Barcelona”, que “condicionan esta distribución espacial dos lugares de rodaxe, ademais de ter a súa propia produción cinematográfica”, de xeito que áreas peor conectadas, como o noroeste peninsular, se verían prexudicadas.

Neste grupo de localizacións costeiras, os investigadores destacan de Galicia a Ría de Vigo, “un punto clave da costa galega, en contraste coas limitadas imaxes das Rías Altas”, sobresaíndo a rodaxe na ría viguesa da exitoso filme ‘Los Lunes al Sol’ de Fernando León de Aranoa.

En conxunto, aínda que Madrid e a súa área de influencia (provincias limítrofes) sempre se destacou como principal xeografía para as rodaxes de cine en España, “diminuíu en peso” a partir da década de 1990, explican os investigadores. Isto debeuse ao que chaman un fenómeno de “costalización”, é dicir, “un desprazamento cara ás zonas costeiras” das rodaxes, que foi “especialmente evidente no Mediterráneo, fronte ao interior menos filmado e algunhas producións especializadas”.

OUTONO ‘QUENTE’ DE RODAXES EN GALICIA

O audiovisual galego realizou até seis rodaxes simultáneas no outono con financiamento da Xunta de Galicia.

O equipo de ‘Un pasado por delante’, produción de Vaca Films que supón o debut de Olga Osorio na dirección de longametraxes, rematou en outubro a súa filmación na Coruña. Trátase dunha aposta polo cine familiar de calidade cunha emotiva historia de ciencia-ficción e aventuras, protagonizada por Tamar Novas e Marta Nieto.

Tamén se completou en outubro a filmación de ‘O corno’, a segunda longametraxe de Jaione Camborda. A contorna natural da Illa de Arousa e a fronteira portuguesa na zona do Rosal foron os escenarios desta coprodución internacional, encabezada polas galegas Esnatu Zinema e Miramemira xunto a Elastica Films, produtora de Alcarràs, e ambientada na Galicia rural dos anos 70.

Seis rodaxes realizadas en Galicia este outono sumaron un investimento de máis de 1,8 millóns de euros por parte da Xunta 

Durante este pasado outono tamén prosegueron os traballos en diferentes localizacións galegas das segundas temporadas de dúas series con participación da produtora Portocabo: ‘Rapa’, de Movistar Plus, en Ferrol, e ‘Los enviados’, de Paramount+, en varios puntos da provincia de Pontevedra e en Santiago de Compostela.

A industria audiovisual galega simultaneou desde setembro estas catro rodaxes con outras dúas que tamén contan co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Trátase da segunda temporada de ‘Operación Marea Negra’, de Ficción Producciones para Prime Video, e da proposta infantil ‘Los Argonautas’, de Portocabo para a canle Clan de RTVE. No primeiro dos títulos, a ría de Arousa e o concello de Santiago acolleron gran parte dos sets de gravación dos cinco episodios cos que se lle dá continuidade á miniserie estreada en xaneiro sobre o caso real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa. Pola súa banda, o equipo de ‘Los Argonautas’ estivo traballando na Costa da Morte e na Coruña para darlle forma á historia dun grupo de cinco amigos que vivirá un verán diferente envoltos nunha grande aventura.

Estes seis títulos suman un investimento de máis de 1,8 millóns de euros por parte da Xunta para “impulsar a recuperación e consolidación do sector, ao tempo que a xerar un importante retorno económico nas contornas nas que se levan a cabo estas rodaxes e á proxección exterior da imaxe de Galicia e da calidade da nosa industria audiovisual”, explican desde o Goberno galego.

No caso das películas ‘Un pasado por delante’ e ‘O corno’, a achega do Goberno galego materializouse a partir das convocatorias anuais de subvencións a producións e coproducións audiovisuais, a través das que este ano se adxudicaron 2,5 millóns de euros para producir 14 novas propostas para cinema e televisión.

Pola súa banda, as catro series rodadas esta temporada en Galicia forman parte dos proxectos impulsados mediante o fondo de 4 millóns de euros destinado á captación de rodaxes como unha das medidas postas en marcha no marco do Hub Audiovisual galego. Con este programa, segundo a Xunta, “apóstase polo audiovisual como motor da industria cultural galega, que é a destinataria de 9,6 millóns de euros no período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE”.

“Estas seis producións reflicten, ademais, a revitalización e da capacidade do noso sector audiovisual, que conta con outros importantes títulos tras a súa filmación en diferentes momentos do que vai de ano. Entre eles, varias producións tamén realizadas con financiación autonómica, como as longametraxes ‘Amigos hasta la muerte’, ‘Honeymoon’ e ‘13 exorcismos’, ou a serie ‘Hasta el cielo’”, explicou a administración autonómica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta