A Porta Santa pecha ata o 2027 tras 2 anos aberta por mor da covid

Só en 2022 chegaron a Santiago preto de medio millón de peregrinos, un 25% máis que antes de pandemia e un 60% máis que o último Ano Santo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2022 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

Na tarde do próximo sábado, 31 de decembro, a Porta Santa da Catedral de Santiago volverá pecharse, tras dous anos aberta, para pór fin ao Ano Santo 2021-2022, marcado pola pandemia da covid-19 e polo despegamento que supuxo a reactivación do turismo para o Camiño de Santiago, que asina as cifras máis altas da súa historia.

Será o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, o último en traspasala e o encargado de pechar a Porta Santa, nunha cerimonia que arrincará sobre as 16,30 horas do día de fin de ano no interior da Catedral.

Os concelebrantes sairán en procesión desde a Basílica compostelá pola porta de Pratarías para encamiñarse á Praza da Quintana, desde onde irán entrando por última vez pola Porta Santa. En último lugar farao o arcebispo, que logo celebrará a Misa de Acción de Grazas. A porta permanecerá pechada ata o próximo Ano Santo, en 2027.

O día anterior, 30 de decembro, ademais da tradicional Ofrenda de Translación pola mañá, pola tarde celebrarase un acto diocesano para finalizar o Ano Santo. Ás 16,30 horas está previsto que se realice unha peregrinación a pé desde a Alameda, para acceder pola Porta Santa e, unha vez no interior, celebrar unha Vixilia de Oración. Neste acto, participarán representantes dos diferentes ámbitos da vida diocesana de Santiago de Compostela.

UNHA CIFRA HISTÓRICA DE PEREGRINOS

Aínda que formalmente a Porta Santa pecharase neste acto, os peregrinos non poderán cruzala desde as 15,00 horas do próximo 31 de decembro, xa que se vetará o acceso para preparar a celebración.

Con este acto simbólico porase punto final a un Ano Santo especial, que abarcou dous anos grazas a un decreto do Papa Francisco no que se concedeu excepcionalmente a prórroga pola afectación que durante 2021 tivo o Camiño por mor da pandemia de covid-19.

De feito, a influencia do coronavirus na mobilidade levou a que tanto 2020 como 2021 fosen dous anos con pouco movemento de peregrinos. En concreto, en 2020 chegaron a Santiago pouco máis de 54.000 persoas, mentres que en 2021, xa en Ano Santo, houbo 178.912 peregrinos, a cifra máis baixa en máis dunha década.

No entanto, este panorama cambiou totalmente en 2022, un ano marcado pola forte reactivación turística e o éxito do Camiño de Santiago. Segundo as cifras da Oficina do Peregrino, este ano chegaron a Compostela a cifra histórica de máis de 436.000 peregrinos, a máis alta desde que hai rexistros.

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, durante o último acto solemne de apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago
O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, durante o último acto solemne de apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cómpriría dar datos transparentes dos millóns recaudados pola Fundación Catedral ! E como nunca pagan un can, igual para o vindeiro Ano Santo 2027 poderían perder o privilexio de seguir a facer negocio co Patrimonio Nacional ? Ou tampouco será desta que nos liberemos do capitalismo eclesiástico na Galicia ? Nunca máis volveremos vero o Pórtico da Gloria sen pagar ?