Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2022 | Actualizada ás 12:30
Os dous únicos sobreviventes do accidente de autobús nunha ponte de Cerdedo-Cotobade levaban posto o cinto de seguridade no momento do sinistro que causou sete mortos en Noiteboa.
A Garda Civil conta xa cos testemuños da pasaxeira e o condutor para incorporar á investigación sobre as causas do accidente. O último en prestar declaración foi o chofer, que acudiu a última hora da tarde á Comandancia da Benemérita en Pontevedra. Antes, axentes da Garda Civil desprazáronse ao hopistal onde permanece ingresada a pasaxeira para solicitar a súa versión dos feitos.
Así o trasladaron fontes da investigación consultadas por Europa Press, que confirman que os dous únicos sobreviventes da traxedia levaban posto o cinto de seguridade. Agora, a reconstrución do sinistro determinará se eran os únicos que o levaban no autocar ou se, por contra, algunha das vítimas mortais si o tiña posto no momento da saída de vía.
DECLARACIÓNS
Deste xeito, os relatos dos sobreviventes incorporaranse agora ao dossier que será remitido ao xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra. Tamén pesará a reconstrución do accidente, que o pasado mércores fixeron no mesmo lugar do sinistro axentes expertos chegados de Madrid.
Durante esa xornada, o Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico (ERAT) solicitou os datos necesarios para reproducir en simuladores o accidente. Para iso, empregaron drones e sistemas láser para realizar unha copia tridimensional da curva e a ponte, ademais de recoller datos sobre a drenaxe da estrada na zona ou simular a resposta de freada cunha furgoneta.
Máis tarde, desprazáronse ás instalacións de Monbus --empresa titular do autobús sinistrado-- para analizar os restos do vehículo, recuperados do río Lérez no mediodía do martes. Ademais, tamén levaron a cabo a análise dun autocar de características similares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.